Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Experiencias miúdas na poesía de Díaz Castro

Pérez López, Xenaro - viernes, 28 de marzo de 2014
Hai anos que algunhas persoas me comentaban que na poesía de Xosé Mª Díaz Castro non había referencias a lugares concretos, excepto no caso do poema "Vísperas" dedicado a festa do Carmio de O Buriz. Esforceime en mostrar que esa era unha percepción errónea, porque case todos os poemas do seu libro NIMBOS están cheos de experiencias e referencias concretas á natureza vista desde a súa aldea natal, ás paisaxes dos ciclos anuais e ós traballos dos veciños do contorno. Mais todas esas pequenas experiencias quedaron sublimadas e asumidas nunha visión universal do devir humano.

Desde a aldea do Vilariño dos Vilares, mirando o nordés víase, coutíos e prados abaixo, o centro do chao do Buriz, e ollando o leste-sur encóntranse a maioría das aldeas dos Vilares ata ollar ó lonxe os montes de Santa Cruz e algúns lugares de San Salvador de Parga. Por detrás da aldea do Vilariño, polo oeste, está o Cordal de Montouto por onde "se enterra o sol" e desaparecen "as cornas da lúa". Este era o miradoiro do neno, do rapaz e mozo que foi Díaz Castro naquel panorama natural e social. Nos anos 20, 30, 40 e ata mediados dos 50, ese escenario era un conxunto de mosaicos multicolores: xesteiras e toxais, coutíos de cereais, de nabos, de maínzos ou patacas; e aló no fondo, cruzaba o río Porto-Muíño "deitado coma un boi remoendo", dando voltas preguizosas, escoltado por budios e salgueiros, rodeado de pasteiros a barbeito, a monte aberto ou cercado, cunha árbore aquí e outra acolá. Hoxe ese panorama case non é recoñecible, por estar arborado ou convertido en praderías, cunha estrada que corta a paisaxe de norte a sur con algúns edificios na beiravía.

"Pórtico,Noite, lus, espranza, milagre, soño e ferida" son as nocións abstractas que engloban todas as experiencias miúdas; mais nos títulos dos poemas xa aparecen referencias ás realidades concretas vividas polo poeta: os ventos, as brasas, o borrallo, o verme, a polpa, a cova alumada, as pedras, a cerna, a terra achaiada, etcétera. E se dos títulos pasamos as metáforas que utiliza o longo de todos os versos, a evocación de pequenas experiencias locais e persoais é constante: fachas de palabras, polpa dorida, remuíño no río da Pontegafín, berro das pedras, coma unha escada, coma unha insua, coma unha espada...

Encontramos nos poemas afinadas observacións de matices: "O SOL na Corda está enterrado / morto e enterrado hastra a metá. / Nadan na lus somente un budio / i o ladro perdido dun can", (no poema "Coma un anxo airado"). Na poesía "Veleiquí os homes", que cando apalparon a morte, ..."Chegáronse, amodiño, á soleira do Reino, / mesmo que o paporroibo nos días de gran neve / se acurrucha cantando nas portas dos labregos...". E no poema "Penélope", o máis coñecido, o poeta rememora unhas rutinas centenarias símbolos daquela Galicia rural e tradicional estancada: "Aran os bois e chove" .... "Desorballando os prados como sono, o Tempo vai de Parga a Pastoriza. / Vaise enterrando, suco a suco, o Outono. / Un paso adiante i outro atrás, Galiza!". Nos versos de "Remuíño" dinos o poeta que ..."Xa se fincou nas pereiras / a primaveira. Sentín / o vou-e-non-vou de marzo. / Xa non hai piedade pra min!". ..."Brandeuse o ceo de vidro / aló por Ponte-gafín".

O poema a "Cerna", que neste caso significa a poda das árbores, é un canto ó amor sufrido, é unha metáfora continuada do que fai o amor do cernador: ..."A póla firme coma un xuramento, / berra nos dentes do machado e estala / e tornea no vento... Sobre os cómbaros dondos coma un velro, /sobre as cornas dos bois, sobre o camiño, / a fraga berra, coucorexa o melro, / cai arroulando un niño...". Toda unha cadea de experiencias miúdas convertidas en palabra poética esencial.

E cando o poeta quere humanizar a súa propia morte titula o poema "No resplandor do día" e dinos que soña que o mundo seguirá o seu destino: "QUERO morrer de música nunha tarde de pinos / sin sentir o martelo dun recordo no sangue, / e caere amodiño na sombra como a lúa /enterra as súas cornas tras de Arxán. / "Que o sol siga o seu rego deica o mesmo cadullo, / .... "Que o meu carro se entorne cheo de lume e soño..../ "Os camiños que andiven i as arbores con niños.... namentras en falopas cai a imaxe do mundo.../ i eu estrela da noite que se perde no día, / no resplendor do día que busquei". Busca unha morte en paz co ritmo da natureza, da trasfega humana, do destino e da transcendencia confiada. Porque todo iso é beleza, e "A beleza fireume para sempre", dinos en cada estrofa do seu poema "Coma unha espada".

Deste o miradoiro vital da súa aldea, retendo os pequenos detalles, a poesía de Xosé Mª Díaz Castro reflicte unha gran cantidade de experiencias miúdas dun tempo e dun espazo determinados que lle serviron de ancoraxe a realidade concreta. Os seus poemas teñen, ademais, unha sublimación universal a procura dunha transcendencia simbolizada na idea de “nimbos” de luz que o poeta encontra en todo ser, sentir e acción grande ou pequeniña. O intelectual, o crente e poeta Xosé Mª Díaz Castro descobre no concreto, -nun recanto, nun espazo e nun tempo da Galicia rural-, as experiencias e vivencias universais de toda persoa humana; e esas vivencias volven a vivificar esa mesma sociedade en tempos posteriores.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES