Era o día 25 de marzo de 2014, cando o alumnado da Uned Senior de Xestoso se dirixía a Pontevedra para recibir unha lección de Arquitectura e Arqueoloxía a cargo do Profesor Don Felipe Senén López.

Pontevedra recibiunos coas súas rúas de granito prateado, bañadas por un trobón de marzo; pero eso non impediu que visitáramos as casas blasonadas do barrio da Moureira, entrando ó carón dun monolito adicado á Carabela Santa María, apodada La Gallega, na que o pontevedrés Cristobo Colón se dirixíu rumbo ó descoñecido, descubrindo un Novo Mundo.
Visitamos lugares tan emblemáticos como:
- A Casa do Barón, hoxe Parador Nacional de Turismo.
- O Cruceiro na Praza das cinco rúas diante da que fora por un tempo residencia de Don Ramón María del Valle Inclán: o arousán de renome universal.
- O Liceo que lucía a bendeira a media asta como non podía ser doutra maneira para manifesta-lo loito polo Presidente Adolfo Suárez que acababa de ser soterrado no claustro da Catedral de Ávila.
- A Praza do Teucro na que as súas casas demostraban o poderío de princípios do século XX. (Nós proveitamos o abrigo dos soportais porque a choiva arreciaba intensamente naquel intre).
- A Capela das Angustias onde se vían vestixios das Emparedadas que nos falan de cousas moi raras de tempos pasados.
Como a choiva non daba descanso, dirixímonos ó Museo Provincial aproveitando para visitar a parte adicada a Arqueoloxía Galega, situada na edificio Sarmiento, lembrando a quen alí aprendeu a ler cando era colexio dos Xesuítas, antes de seren expulsados no ano 1767.
Alí puidemos visitar:
- Pezas da Prehistoria e a Historia Antiga de Galicia: cosmogonías, laudas funerarias, aras, ídolos castrexos, ourivería (tesouro de Caldas de Reis: 16 quilos en obxectos de ouro), enterramentos e abundante material da Idade do Bronce e os primeiros obxectos de ferro do noroeste.
- Pezas medievais: capiteis, laudas de estola, tímpanos como o de San Xoán de Palmou labrado na primeira metade do século XII e dúas espléndidas esculturas de profetas procedentes do Contra-pórtico da Gloria, hoxe desaparecido para facer a Fachada Barroca do Obradoiro; todos eles procedentes da Escola do Mestre Mateo.
- Pezas prodcedentes de Exipto, Grecia e da Romanización.
Camiño de Combarro no veciño Concello de Poio; lembramos a Santa Trahamunda, a patroa da morriña que se atopa enterrada no Mosteiro Mercedario de Poio o cal posúe o hórreo con maior capacidade de Galicia.

Xantamos fronte a illa de Tambo, noutrora adicada a maniobras militares; para subir a continuación ó cume do Monte Castrove onde puidemos ver o Mirador cara á Ría de Ponevedra, obra de Antonio Palacios, e o Mosteiro de Santa María de Armenteira en Méis, no corazón do Salnés. Á outra banda quedaba a Ría de Arousa.
Di a lenda que un soño do noble Ero, mencionado nas Cantigas de Santa María de Alfonso X O Sabio, convertiuse e relidade dando lugar a este mosteiro da orde de San Bieito, que administraba as riquezas desta terra segundo o seu lema: Orat e labora.
Pero os monxes de San Bieito estiveron alí só sete centos anos debido á Desamortización de Mendizábal no ano 1837, quedando en uso tan só a igrexa para uso da parroquia; ata que por iniciativa de Carlos Valle Inclán (Fillo de Don Ramón) e a Asociación Amigos de Armenteira; se procedeu á reconstrucción no ano 1989 pasando a repoboarse con monxas do Císter procedentes de Alloz (Navarra) que o seguen atendendo hoxe en día.
Visitamos en primeiro lugar a igrexa que é unha xoia arquitectónica dos séculos XII-XIII de planta basilical con tres naves sencillas e austeras como a orde do Císter.
Pero co paso do tempo, construíronse:
- No lado esquerdo do presbiterio o sepulcro de Don Álvaro Mendoza y Sotomayor en 1615.
- O baldaquino do altar en 1780, donde está a imaxe de Santa María de Armenteira sobre un pedestal.
- Dous retábulos en granito policromado, un a cada lado do altar en 1770 e 1780 combinado os estilos barroco co neoclásico.
Impresiona a beleza do Rosetón que ilumina o altar á posta do sol, indicando a caída do día que simboliza a caída da vida: a morte. Ó carón do rosetón está a torre da campá realizada en 1778.
Desde fóra puidemos ve-la fachada co seu Rosetón e o escudo da Congregación de Castela.
Logo pasamos ó claustro que foi remodelado no século XVI, quedando do primitivo tan só a porta de acceso.
Na tenda anexa puidemos ver unha fotografía da Comunidade integrada por 9 relxiosas da Orde do Císter, das cales, dúas de idades senil e adulta ofreceron os visitantes os seus productos.
No retorno puidemos contemplar no seu espendor a rota do viño alvariño que outro día trouxeran os monxes de Claraval e a arquitectura rural abundante en granito de Porriño que lle dá un carácter moi peculiar a aquela zona de inmensa beleza e di moi ben da laboriosidade daquelas xentes.
Pasando por Portas lembramos a Domingo Fontán e cando pasabamos ó pé de Arcos de La Condesa, o profesor falounos de Badoucos onde varias xeracións dunha familia, se dedican á fabricación de campás. Alí foi onde o Arcebispo Antonio María Rouco Varela, encargou unhas campás para a Catedral da Almudena de Madrid.
Fixemos unha parada na Fervenza do Barosa, onde na Guerra da Independencia tivo lugar unha batalla contra os franceses a cargo dos guerrilleiros da zona; pero hoxe a beleza da fervenza e o acondiconamento da zona ofrecen un lugar de interese turístico que convida ó relax.
Na vila de Caldas de Reis fixemos unha paradiña para visitar o río Bermaña, a súa ponte e a súa fonte, ademais de recordar a importancia das súas termas, o apoio real e tamén aproveitamos para repoñer forzas para o retorno.
Finalmente, o Profesor fixo un resumo da ampla visita e clausurou a mesma cunha frase moi significativa: ademais do que se aprende, o principal é Cultivar a Amistade e a Solidariedade entre o colectivo da Uned Sénior de Xestoso.
O alumnado respondeu cun caluroso aplauso.
Foi unha visita moi enriquecedora, algo cansada pero moi feliz.
¡Sorte que temos na Uned Sénior de Xestoso!
¡Grazas a cantos colaboramos para que así sexa, principalmente para o creador da iniciativa:
Don Luis Ángel Rodríguez Patiño!
Alumna da Uned Sénior de Xestoso, Aula de Paderne (A Coruña).