Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Servirá para algo?

jueves, 27 de marzo de 2014
Por desgracia para min, non podo desempoar ningún documento que me permita presumir, nestes días de memoria e de reconto do acontecido hai agora tres décadas, de ter estado a carón do presidente unanimemente redimido para limpeza, desinfectado e perfumado das nosas colectivas conciencias. Unha cuestión cronolóxica que non ten tanto que ver coa miña xuventude, daquela, como coa miña apurada viaxe de regreso do ámbito da militancia política, ten a culpa e só me permite lembrar con certa perspectiva nebulosa -e dende a distancia- o seu paso fuxidío pola Praza Maior celanovesa con motivo dunha campaña electoral -non me compre ir ó servizo de documentación para dar por suposto que a última- que veu facer por algúns lugares da provincia, coido que no ano 1989.

Non quere dicir isto que o tempo, a distancia e a miña progresiva instalación no estrado de humilde analista do acontecer diario deste anaco de sociedade arraiana a través desta columna, foran agrandando pouco a pouco -por tácita comparativa- a dimensión histórica dun home ó que penso que nunca votei -primeiro por idade e logo por conciencia- cando exerceu de presidente e si, sen embargo, cando foi simplemente candidato dun partido que procuraba o seu lugar no arco político do Estado nalgún punto converxente entre o federalismo e a socialdemocracia.

O que quero dicir realmente con isto, polo tanto, é que a súa televisada e definitiva marcha cara o silencio selectivo da historia, malia non conservar documento que me ligue emocionalmente coa súa figura, tampouco me foi allea e como tantos e tantos (igual que estou seguro de que lle aconteceu a vostede mesmo, benquerido lector) seguín con emotivo interese non menos selectivo, tanto o que se dixo coma o que se deixou de dicir sobre a traxectoria política de quen representa para min a palabra democracia. Non en van a primeira vez que por idade puiden acudir ás urnas foi o 1 de marzo de 1979 cando el xa fixera os deberes antes, para que o puidera facer.

E entre todo o que se dixo -que foi moito- dende a sobremesa do domingo, eu voume quedar co que se deixou de dicir, xa que logo, nas entrañas deses silencios implícitos e cómplices camuflados de respecto entre grandilocuentes declaracións, é onde aniña a esperanza dun futuro que malicio que, por desgracia, non vai ser quen de dar arranxado a catarse reflexiva provocada pola súa televisiva desaparición.

Servirá para algo todo isto, repetinme -e aínda me repito arestora- unha e outra vez?

Servirá, a morte de Adolfo Suárez, para que se vacinen os políticos de vez, contra a inquina e a aldraxe, contra a partitocracia e a banalidade como mantra da acción política? Oxalá así sexa e algún día poidamos dicir que, tanto na vida como na morte, tralo transo de Adolfo Suárez houbo un antes e un despois.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES