Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vivir do conto

martes, 25 de marzo de 2014
A frase utilízase recorrentemente para reclamar autenticidade nas condutas. Asi llelo expliquei aos amigos Armando Fernández e Xosé Lamelas na entrevista que me fixeron para a audición radial “Sempre en Galicia” que desde Radio Cornellá emiten todos os sábados para a colectividade galega en Catalunya.

A lingua galega para asegurarse un futuro non pode valerse únicamente da creación literaria. Cómprenlle outros espazos decisivos para a súa pervivencia e efectiva normalización. Durante moitas décadas as políticas lingüísticas aplicadas en Galicia, escoraron a súa actividade maioritariamente ao eido literario conseguindo,iso si, unha considerable produción bibliográfica; pero descoidando sectores estratéxicos.

Desde hai moitas décadas outros discursos foron abrindo camiños inéditos no medio da indiferenza das organizacións políticas e sociais que seguíron teimando no erro de consideraren que unicamente a cultura literaria sería a táboa de salvación dunha lingua que a cotío está sometida a todo tipo de presións que a abafan.

O Foro E. Peinador ten un novo discurso para restaurar o diálogo entre a empresa e a lingua. Unha tarefa que na historia de Galicia ten algúns episodios exitosos. Por exemplo, o da Unión de Colleiteiros do Ribeiro do Avia, antecedente do cooperativismo vitivinícola, que en 1936 chamaba á modernización e galeguización dun sector económico que tan importante había ser en Galicia. Antes, en 1934, a máis importante industria conserveira de Europa, Massó, utilizaba a lingua galega na rotulación das súas instalacións e os seus propietarios animados polo galeguismo republicano creaban en Bueu un museo etnográfico seguindo o exemplo do de Pías, Mondariz, creado por Enrique Peinador Lines, auténtico precursor da estratexia empresarial da responsabilidade social corporativa.

Tempo despois Zeltia, a industria farmacéutica que creara Ramón Obella Vidal, foi un exemplo na utilización do galego na publicidade.

A Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros (unha sección do Foro E. Peinador) vén traballando con moito acerto para que a lingua galega se incorpore á etiquetaxe. O éxito acadado demostra que fóra da literatura hai outros valedores decisivos para o fomento da lingua galega. Recentemente “Aguas de Mondariz” lanzou unha gama de refrescos nos que o noso idioma está presente nas etiquetas; “Destilerías de Compostela” vén de presentar o vermú galego “St.Petroni” etiquetado no noso idioma, arromedando o exemplo da marca “Nordesía”, sumándose ás cento noventa e sete marcas de viños que xa etiquetan en galego. Agora cómpre agardar dos consumidores,sobre todos dos que militan na causa do galeguismo, unha resposta efectiva na preferenza e demanda de marcas que se identifiquen coa nosa lingua.

A defensa da nosa identidade debe fuxir dos tópicos tan sobados como o do amor a Galicia. Escoitámolo a cotío nos máis diversos tons declamatorios para matizar sentidas protesta de galeguismo. Cómpre cambiar a retórica pola acción. Esta é a nosa prédica que volveremos repetir o próximo día 28 en San Miguel de Sarandón nas xornadas técnicas sobre a cultura do viño promovidas pola amiga Celia Alegre Maceiras.

(Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador)
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania