Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'A beleza feriume para sempre' (3)

martes, 25 de marzo de 2014
O SEMINARIO DE MONDOÑEDO, BERCE DE POETAS


O Real Seminario Conciliar de Santa Catalina de Mondoñedo tivo e segue a ter unha gran importancia nas nosas letras. Se botamos unha ollada á Historia da Literatura Galega, vemos que, ata fai pouco tempo, a totalidade dos poetas e escritores do norte da provincia de Lugo pasaron polas aulas do Seminario mindoniense ou estiveron, dalgún xeito vencellados a el a través dalgún dos seus profesores ou a través do contacto con alumnos que alí cursaban os seus estudios. Pódese dicir que non hai en Galicia, fóra da Universidade de Santiago de Compostela, un centro de ensino polo que teñan pasado tantos e tan sobranceiros poetas e escritores.

É evidente que isto ten as súas explicacións, como imos ver. Por unha banda, o Seminario de Mondoñedo foi, durante moitos anos, o único centro de ensino superior que había en todo o norte da provincia de Lugo. Por outra parte, era un centro barato e, xa que logo, asequible, ás economías rurais e mariñeiras de por sí moi modestas. A isto hai que engadir o grande prestixio que tivo o Seminario en tempos de Carlos III e en anos posteriores. Por último, outra razón pola que saíron tantos poetas e escritores é que o Seminario tiña un bo plantel de profesores que animaban ós alumnos a escribir, tal e como recoñeceron e recoñecen moitos deles.

Ata fai poucos anos, a maior parte dos escritores do Seminario de Mondoñedo foron poetas. Así os estudiosos da Literatura Galega falan, ó referirse a estes escritores, da chamada Escola poética do Seminario de Mondoñedo. Manuel María en Noticia da vida e poesía de Xosé Crecente Vega, publicado en Coimbra, di: "O Seminario de Santa Catalina de Mondoñedo vén ser o eixo sobor do que xira, dende hai séculos, a vida intelectual da cidade. O Seminario de Mondoñedo é unha escola, ó menos dendes do século XVIII, de poesía galega que chega deica os nosos días. Importantes poetas galegos se formaron nas súas aulas” .

Tódolos críticos e estudiosos da Literatura Galega recoñecen a existencia e a importancia desta Escola poética da que forman parte, entre outros, Antón María de Castro e Neira, Lois Corral Rodríguez, Xosé María Corral Rodríguez, Xacinto Romualdo López, Pascual Saavedra, Nicomedes Pastor Díaz e Corbelle, Xosé María Chao Ledo, Francisco de Paula Buón, Felipe Lence Pérez, Manuel Leiras Pulpeiro, Antón Noriega Varela, Manuel María García Castro, Leoncio López de las Casas, Antolín Santos Mediante Ferraría, Francisco Amor Méndez, Celestino Cabarcos Suárez, Daniel Pernas Nieto, Ricardo Bodenlle Corral, Francisco Fanego Losada, Manuel Rico Prieto, Fernando Pérez Barreiro, Manuel Pérez Pérez, Xosé Crecente Vega, Xosé Trapero Pardo, Xosé García Cascudo, Enrique Chao Espina, Aquilino Iglesia Alvariño, Antonino Roca Roca, Xosé María Díaz Castro, Xosé Antón Rivas Reigosa, Anxo Seijas Cendán, Benxamín González Quelle, Uxío García Amor, Carlos Díaz Sante,Xosé Ramón Goás Gómez, Amador R. Fernández Mejeras, Xosé Chao Rego, Xosé Manuel Vázquez González, Anxo Ferreiro Currás, Xosé Bello Lagüela, Lázaro Domínguez Gallego, Pedro Díaz Fernández, Bernardo García Cendán, Antón Martínez Barcón, Marcos Mariño Parapar Lago, Ricardo Timiraos Castro, Wenceslao Vila Poupariña, Xosé Martinho Montero Santalha, Segundo Leonardo Pérez López, Vicente Míguez Salgueiro, Xesús Lustres Blanco, Luís Miguel Lustres Blanco, Camilo Valdehorras, Josechu Artiaga Díaz...

Polas aulas do Seminario de Mondoñedo, ademais destes poetas, pasaron outros escritores que non cultivaron a poesía ou si a cultivaron, pero que teñen publicados varios libros, sobre todo de investigación, como poden ser Enrique Cal Pardo, Santos Sancristóbal Sebastián, Xosé Chao Rego, Xosé María Fernández e Fernández, Digno Pacio Lindín, Xosé María Díaz Fernández, Segundo Leonardo Pérez López, Xosé Manuel Carballo Ferreiro, Xosé Martinho Montero Santalha, Ramón Villares Paz, Manuel Rivas García, Antón Costa Rico, Xosé Rubal, Camilo Valdeorras, e algún outro que pode quedar no tinteiro.

Como podemos ver a nómina de poetas e escritores que pasaron polo Seminario de Mondoñedo é ben ampla. Entre eles, como xa se dixo varias veces, está Xosé María Díaz Castro que ocupa un lugar sobranceiro na devandita Escola Poética do Seminario de Mondoñedo.
Villares Mouteira, Félix
Villares Mouteira, Félix


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES