Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Visualizar e problematizar

miércoles, 26 de marzo de 2014
Como educador son seguidor das propostas de Paulo Freire, porque coido que foi capaz de detectar as verdadeiras necesidades intelectuais das persoas do seu tempo. Eran necesidades sinxelas, que aínda no mundo de hoxe seguen presentes. Freire concibía a educación como un xeito de desvelar a realidade e crear unha visión persoal da mesma. Lonxe de calquera xeito de relativismo moral, a teoría freiriana recoñece a individualidade de cada persoa e partindo do carácter inacabado do ser humano recoñece, tamén, a súa capacidade creativa que une coa necesidade de ser e de deixar un legado.

Freire fálanos en diversos traballos dunha educación problematizadora que lle dá ao alumno a oportunidade de reflexionar e transformar o contido construíndo visións novas do que o educador lle transmite. A problematización faise no diálogo, na aprendizaxe conxunta, cooperativa e interdependente que fai do medio educativo (sexa formal ou non formal) unha comunidade humana que medra en coñecemento co aporte de todos os seus membros. É posible e desexable educar en comunidade, educar colectivamente e cooperativamente sen fomentar competitividades absurdas que nos levan a un individualismo castrador da propia esencia humana.

A educación debe ser visualizadora e problematizadora porque o educando non é un banco de coñecemento senón un recreador non só dese coñecemento senón tamén da propia realidade. O verdadeiro fin da educación debería ser formar persoas capaces de recrear esa realidade, aínda máis, debería formar mulleres e homes libres para deconstruir a súa propia realidade. Por iso, a problematización consiste en abrir os ollos e ver o potencial que garda a persoa, a xente e o territorio compartido e abrir o abano de opcións que garda o progreso individual e colectivo.

O verdadeiro fin da problematización é sinxelamente facer pensar, poñendo en práctica a habilidade de cuestionar a realidade, non para mudala radicalmente senón para pensala continuamente e impedir que o cambio nos arrastre. As persoas nacemos para ser libres, así o quixo a natureza cando nos fixo inacabados e indeterminados. Polo tanto, ser libre é facernos a nós mesmos dende a reflexión e a crítica que forxan a nosa visión do mundo ata facer un legado absolutamente persoal e único.

Problematizar e visualizar permítenos educar na realidade e para a realidade dotando á persoa da capacidade de imaxinar e proxectar que xunto cun espírito cooperativo e interdependente fai que a nosa realidade evolucione ata responder ás necesidades colectivas. Isto resulta impensable se o sistema educativo non dota á persoa da capacidade de deconstruir o coñecemento.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania