Sempre as comunicacións
Editorial - viernes, 18 de noviembre de 2005
Neste pequeno país do occidente, de lonxe, sempre foron noticia as comunicacións. Desde a máis remota antigüidade.
Os romanos trazaron as primeiras vías que parece ser non distan moito das actuais, sinal de que sabían moi ben o que facían á hora de asentar pobos, integrándose neles polo vencello á capital común. As vías romanas aínda son noticia de cando en cando, porque asomen á luz restos daquelas calzadas, como hai pouco tempo aconteceu na capital lucense.
Logo as vías medievais, os camiños reais, os pontádegos... foron etapas superadas e desaparecidas de vencello con cidades tan lonxanas que a inmensa maioría dos habitantes do país nunca chegarían a velas.
Modernamente, a finais do pasado século, foron noticia repetida as conexións coa meseta, as estradas de trazado difícil, os tramos que se retrasan, antes na nacional VI e máis modernamente na autovía...sempre mirando hacia Madrid, indo e vindo de Madrid.
Pero os galegos temos outras comunicacións igualmente vitais: A futura, sempre futura, autovía ou autopista do norte que nos uniría con Francia pola costa norteña... A conexión co sur, autovía ou autopista que, enlazando coa da costa, nos levase -eso xa é realidade- ata ben entrado Portugal, de xeito rápido e directo.
E o tren. Pero algo ten este sistema de comunicación que a alguén non lle interesa. Porque nin o tren con Madrid se da modernizado (chámeselle Ave ou como se queira), nin as comunicacións por tren dentro de Galicia funcionan como deberan.
E co sur, de mal en peor. Ata agora ó tren entre Oporto e Vigo leváballe o recorrido tres horas e cuarto. Tiña consideración de "internacional". Pasa agora a ser "rexional", suponse que máis cercano, polo que vai parar en máis lugares, e pasa a tardar catro horas na viaxe.
Son esas noticias que chaman a nosa atención por extrañas, por incongruentes, por impropias dun lugar e dun tempo.
Sempre as comunicacións como noticia, como rémora, como marcadoras de límites e distancias. En determinados aspectos, seguimos estando lonxe. ¿A beneficio de quen?. Porque está claro que algo que non nos beneficia, a alguén convirá. En teoría, as comunicacións benefician a todos. Pero agora que estamos a falar do transfronteirismo, da unión de rexións da U.E., de superar todo tipo de barreiras, que o tren empregue catro horas en recorre-lo camiño entre Oporto e Vigo é unha insensatez, e unha mala
noticia.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora