Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Novos xeitos

lunes, 24 de marzo de 2014
Evidentemente non vou reparar na letra pequena da proposta, nin moito menos na súa efectividade práctica ou da súa perspectiva estratéxica porque descoñezo a mecánica de fondo da iniciativa e como iniciativa de partido, nun principio a lóxica política que preside a sociedade actual dicta que soamente debería interesarlle a militantes ou simpatizantes da formación política -neste caso minoritaria ou extraparlamentaria- que a pon en marcha, aínda que a min me pareza que non debería ser así senón que, como tal proposta pública, debería ser de interese xeral.

Que non me poña a analizar o esqueleto da mesma non quere dicir, sen embargo, que non a deba traer a colación a esta columna e, polo tanto, de contado, sen máis vagar, mergúllome na cuestión.

Do que quero falar é da xornada "electoral" que organizou para hoxe mesmo Compromiso por Galicia en Ourense e que ten como obxectivo elixir ó primeiro ou primeira representante desta formación que integrará a candidatura conxunta acordada co PNV, CIU e Coalición Canaria para as próximas eleccións europeas, que tanto debate e decepción teñen xerado, pola contra, noutras formacións políticas do arco parlamentario galego e fundamentalmente do ámbito do nacionalismo de esquerdas.

É evidente que tal e como está estructurada hoxe a mecánica informativa que coloca no "mercado" do lector -e xa non digamos do oínte ou do televidente- a actualidade política, resulta moi difícil -por non dicir imposible- que formacións que non lograron entrar aínda dentro da aritmética das institucións poidan conseguir titulares de máis dunha columna e espazos de información que non precisen unha lupa para poder seren atopados por ese lector.

Nesa liña, loxicamente, estas formacións vense abocadas a exploraren novos xeitos e novas estratexias de acción para seren quen de facerse oír entre o balbordo -a miúdo insorportable- que xeran as formacións "maioritarias". Soamente con imaxinación -porque a coherencia, o compromiso e o rigor son carreiras máis de fondo- poden seren quen da superaren ese ruído -a miúdo enxordecedor- que provocan os denominados partidos políticos tradicionais, tanto por acción partidaria como por intromisión desa acción partidaria no funcionamento cotián das institucións. E non fai falla ser moi espelido para pensar en exemplos achegados no tempo e na distancia, coma os que estes últimos días, novamente, están tendo lugar na institución da Praza Maior.

Quero dicir con isto que, dende unha perspectiva obxectiva de observador alleo ás liortas partidarias, non podo menos ca saudar estes novos xeitos sobre os que Compromiso por Galicia pretende asentar o seu camiño cara as institucións e fago votos porque vaian máis alá dunha mera estratexia de comunicación.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES