Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

No "Día mundial da auga"

Xunta de Galicia - sábado, 22 de marzo de 2014
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA XUNTA DE GALICIA CON MOTIVO DA CONMEMORACIÓN DO 22 DE MARZO, DÍA MUNDIAL DA AUGA 2014

“Auga e enerxía”

A auga é fonte de vida, fonte de actividade e de enerxía. A súa presenza está estreitamente ligada á propia actividade fisiolóxica dos seres vivos: canta maior actividade desenvolven, maior é tamén a cantidade de auga que albergan e demandan.

A auga é tan esencial para o individuo como para a propia sociedade, para o consumo humano ou para a produción de enerxía limpa e renovable.

Esa fonte de enerxía está presente en Galicia desde tempo inmemorial, como o testemuñan os antigos muíños, os batáns, as rodas hidráulicas ou as casas da luz que permitiron o establecemento das primeiras industrias á beira dos nosos ríos.

A presenza de moitos cursos fluviais e unha xeografía propicia para os saltos de auga constituíron desde sempre un factor de crecemento económico e de desenvolvemento social.

A auga xera enerxía que serve ao mesmo tempo para obter, conducir e tratar a propia auga que usan os cidadáns.

A auga é, pois, un elemento de gran valor. Un valor que se acrecenta pola súa escaseza e polos progresivos incrementos que se demandan para o consumo, a produción de alimentos e tamén para a xeración de enerxía.

Por iso cómpre levar a cabo unha política e un uso sostible dos recursos hídricos, en consonancia cuns recursos limitados e unha demanda crecente. Os aforros de auga son tamén aforros de enerxía e se diminuímos o consumo de auga estamos a reducir tamén o consumo de enerxía.

Desde as institucións incidimos nesa dirección de instaurar unha axeitada política da auga, atendendo cando é necesario á regulación dos caudais de modo que garantan o abastecemento constante ao longo do ano para usos urbanos, agrícolas ou industriais pero asegurando ao tempo a vida nos ríos. Con ese fin, en Galicia estanse a revisar e establecer caudais ecolóxicos singularizados en función dos distintos tramos, conforme ás súas propias características e necesidades.

É unha liña de traballo na procura de avanzar no necesario respecto ambiental, nunha acción coordinada, coherente e concertada presidida por un uso eficiente da auga e da enerxía. Unha acción que require de traballo conxunto de planificación e innovación na esfera pública, complementada por un uso eficiente e un consumo responsable no ámbito privado.

Porque manter a calidade e a enerxía da auga é unha tarefa común na que a todos nos vai a vida e na que todos podemos e debemos colaborar.
Xunta de Galicia
Xunta de Galicia


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES