Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha boa pregunta

viernes, 21 de marzo de 2014
Hai uns días, prestei atención a unha entrevista que en “24 h” lle fixeron a unha periodista estranxeira. Ao final da mesma, na que se desenvolveu con axilidade e ideas claras, o moderador que dirixía o programa pediulle que formulara unha pregunta ós participantes españois. Como se a tivera preparada, no mesmo intre formulou a seguinte, se eu oín ben, que non ando sobrado, tampouco, de axilidade auditiva: “¿Por qué los españoles se cansan de la normalidad?.”

Non será unha gran pregunta; pero, na miña modesta opinión, é boa e oportuna. Penso que é merecedora dunha profunda reflexión, pese a que a realidade sobre a que se formula é complexa e, como diría Ortega y Gasset, esixe diversas perspectivas. Que Deus me aparte de intentar contestala...!. Sen embargo, intentarei falar con algún sentido dela, precisamente dentro dun certo complemento á unha colaboración anterior neste medio.

Que ben nos viña aos españois abrir as portas dos departamentos universitarios para tratar de documentar a contestación que se nos pide...!. Pero non o vamos facer, porque a nosoutros non nos preocupa como nos ven no estranxeiro: Somos herdeiros desa “Grande e Libre” e a onde vamos respéctannos. Non faltaría máis...!!!. Pois non lles é así.

A veces convén dar explicacións que non parecen de sentido común, porque, ao mellor, están situadas fora do mesmo. Se a periodista entrevistada considerara de sentido común que os españois estivéramos desacougados coa normalidade, seguramente non tería a curiosidade de coñecer as razóns. Logo para contestarlle hai que transcendelo: NON HAI RAZÓNS DE SENTIDO COMÚN. Pero isto non quere dicir que as que se poidan dar non sexan razóns abondo para explicar, non para xustificar, aínda que, tal vez, sería preferible non ter que aducilas.

Un exemplo. Hoxe a maioría da xuventude xa non se casa, e cando lle preguntas por que non o fai di que iso do matrimonio é unha leria, unha burocracia que non serve para nada. Ben, oes e calas. Pero de alí a uns anos, se non se separan antes, deciden facer voda, comprar traxes e celebrar polo grande, despois das “despedidas de solteiros”!!! de ritual. Cómo explicas isto dende o sentido común?. Porque...as razóns “contraculturais” non parecen axeitadas para a segunda decisión. O exemplo é sinxelo, mais poda que nos faga comprensible outros casos de maior ensulla.

Nun artigo anterior trouxemos á palestra argumental o pensamento de Teilhard de Chardin e propuxémonos explicar dende el algúns eventos da historia recente do noso país, que tamén nos parece que non están dentro dese sentido. E aínda que no século XX non foi o único en sospeitar que na mente colectiva da humanidade (pensen no “inconsciente colectivo” de Jung, por exemplo) poden conectarse os espazos internos dunhas persoas cos doutras, hoxe sona estraña unha evolución neste ámbito, porque a ciencia non a ve clara.

Moi advertido disto, Ken Wilber, escritor norteamericano especializado en filosofía e psicoloxía, que segue a Teilhard en canto á teoría que integra a ciencia, a arte e a moral no proceso evolutivo, combate aos evolucionistas que pretenden explicar a evolución cultural apelando só a bioloxía, e da razón da súa postura mediante este chiste: Un señor perde as chaves do coche e búscaas á luz dun farol.
--Onde as perdiches? – pregúntalle un transeúnte.
--Pretiño do coche.
--E por que as buscas, entón, baixo o farol?.
--Porque aquí hai máis luz.

Di Wilber que a ciencia afástase tamén da consciencia, debido a dificultade de estudala e trata de explicala dende o espazo mellor iluminado da bioloxía e da física.

Hoxe, sen embargo, xa hai moitos intelectuais dedicados a explicación dunha realidade “inter-subxectiva” (entendida como consciencia colectiva) desde a socioloxía, a antropoloxía, a hermenéutica, etc. Os mesmos políticos están todos os días falándonos da “visión do mundo”, en termos de globalización; pero quedan na superficie, sen profundar nas causas sistémicas subxacentes, que, entre outras, está a “consciencia colectiva”.

Carter Phipps, no seu libro “Evolucionarios”, (Kairós, Barcelona, 2.013), dinos, ao respecto, na páx. 230, o seguinte:
“As visións do mundo poden ser algo máis que unha mera etiqueta que aplicamos a trazos, valores e crenzas comúns a un grupo de persoas das que os nosos científicos sociais se ocuparon nas súas investigacións. ESOS DATOS OBXECTIVOS FALAN DE PROFUNDAS VERDADES INTERSUBXECTIVAS” (as maiúsculas e a tradución ao galego son miñas).

É nesta estrutura intersubxectiva onde hai que extraer significados, experiencias e ACORDOS compartidos, afirma outro pensador americano, Steve McIntosh, que segue ao filósofo alemán Jürgen Habermas, aproveitando o concepto de “acordo lingüístico” nas súas obras.
Tal vez aquí poidamos outear algunha razón para darlle á periodista que formulou esa “boa pregunta”, partindo destes acordos, considerados por Carter Phipps como os “elementos máis fundamentais da civilización humana”, sen os que nin poderíamos comunicarnos nin crear unha cultura coherente.

Cando, segundo parece, os acordos veñen a ser o conveniente e normal nas sociedades, os españois dedicámonos a cultivar os desacordos, a crearnos incomunicacións e incoherencias a todos os niveis, incluso no ámbito cultural.

Estamos inmersos nun estado de confusión que dificulta trazar liñas de orientación coherentes; estamos moi embelecados nunha arañeira lexislativa e administrativa que estorba a fluidez e propicia a arbitrariedade nas decisións; estamos afectados por unha tal miopía para a síntese e a converxencia, que nos aboca a diversificación de criterios, e arrástranos a un atomismo e individualismo desintegradores, nos que se recrea a incompetencia política e pasta a cobiza dos insaciables; estamos braceando nun mar de pretensións involucionistas, que dificultan a converxencia: autonomías, deputacións, concellos, parlamentos, corporacións, defensores do pobo, consellos de contas, consellerías, etc.

Agreguemos a todo isto que as competencias atribuídas ás nacionalidades e ás distintas unidades administrativas menores están na mans de persoas representantes da diversidade ideolóxica ou simplemente dos grupos de intereses políticos e económicos, distribuídas por toda España, o que leva a dar solucións dispares a moitos problemas que teñen serias repercusións nacionais e non se presentan con tantas facianas como para non resolvelos cos mesmos criterios.

Polo tanto, non é só que os españois nos cansemos da normalidade, é que vivimos na incoherencia e na anormalidade, nunha atmosfera de múltiples discrepancias e perigosas crispacións, de desvertebración nacional, de involución e escasas converxencias, cunha cultura política e de convivencia incoherente, con ideas confusas sobre o que está ben e está mal, e sen decatarnos de que as estruturas inter-subxectivas subxacentes a todo isto son reais e teñen unha dinámica propia contra a que o individuo pouco pode, como non sexa perturbala co afán de introducir ocasionais orixinalidades e extravagancias.

Si..., “ocasionais e extravagantes”, porque incluso en concellos limítrofes, cando está a alcaldía en mans de distintos partidos, os acordos tomados nun sobre as mesmas cuestións son diferentes, e a oposición adopta posturas que nada teñen de común cos acordos do seu partido no outro concello.

Así ocorre nas deputacións e gobernos autonómicos. E como o goberno nacional tampouco está sen veleidades..., queren dicirme como podemos nin tan sequera intuír a realidade da “consciencia intersubxectiva”?. Onde está?. Como funciona?. Acaso subxacente ás cuestións de estado?. Pero tómanse en serio?. Por suposto que non, e, incluso, vacilamos a hora de considerar como tales as que afectan a forma constitutiva do Estado, xa que o mesmo modelo de organización territorial no noso país deixa moito que desexar nesta liña.

Explícase que nunha sociedade tan materialista, como é a nosa, as dificultades para recoñecer a realidade do concepto de “consciencia intersubxectiva”, “co-consciencia colectiva” en Teilhard, sexan moitas, porque non está baixo o farol da ciencia. Pero, sen embargo, aló nos sotos dos eventos sociais, por debaixo do que está manifesto na sociedade, as tendencias desa consciencia non parece que estean a perder o tempo e van esixir respostas.

Seguramente por este costado poida que estean as razóns de que ós españois non nos saen a contas. Queremos vivir na tona, gozando do presente, sen desaproveitar nada dos antollos, e resulta que caemos nos desacougos e cústanos retornar a normalidade (que non equivale ao estatismo!), á que xa consideramos superada, e non sabemos moi ben a que carta quedarnos. Por que nós ocorre isto?.

Tal vez un especialista en evolución da “consciencia intersubxectiva” podería diagnosticarnos un desfase ou falta de integración do noso espazo interior, da nosa consciencia individual, coa dinámica evolutiva de aquela que define o modo en que debemos entender o mundo e a nosoutros mesmos.

E isto non é que non ocorra noutros países; pero non podemos negar que en España, que está pasando por unha etapa na que emerxen as consecuencias con inusitada furia, e ata parece que nos recreamos nelas, adquira unha relevancia preocupante, que induce inquietude social. Recurso?... Aos agoireiros!.

Velaquí a miña modesta opinión. Por suposto, non se esgota a temática con meras referencias filosóficas, sociais, históricas, etc.: Hai concorrencias causais, que comprometen unha complexa resposta integradora das mesmas, sen omitir as razóns psicolóxicas do noso individualismo.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES