Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cousas que non entendemos

jueves, 20 de marzo de 2014
AINDA HAI MOITAS COUSAS QUE NON ENTENDEMOS

Hai uns anos José Antoio González, o rubio, ou o bíblico de Lugo fíxome un dos meirandes agasallos que recibín ata agora. Deume a oportunidade de ir a Terra Santa. Eu ben sabía que se non levaba a Xesucisto comigo desde aquí non me ía atopar con El así de súpeto alí, pero pisar por onde Xesús pisou fai máis crible a fe en Xesucristo.

Ben sei que alguén non ha crer o que vou contar, pero non por iso deixarei de facelo. Quero empezar afirmando unha vez máis iso que para min é unha forte convicción: Aínda nos faltan por entender moitas cousas. Unha delas pode ser como sería posible que me atopase por alí e mantivésemos unha conversa Xonatan e máis eu. Como me permitiu gravala todiña, transcríboa tal cual. Díxome o bo do Xonatan con voz de hai beiras de dous mil anos:

“Teño a fachenda de poder presumir de que aprendín a carpinteiro con Xosé no mesmo pequeno obradoiro en que aprendeu tamén Xesús.

Xosé, ¡que home aquel! O seu era pasar desapercibido e, sen embargo, tíñaas todas: competente, calado, traballador, servicial, agarimoso, crente... Alguén dixo del que era xusto e bo. Case nada! Con iso está dito todo; pero había que tratalo, para darse conta do que esas dúas palabras significaban nel.

Para que vou dicir unha cousa por outra?, tanto comigo coma con Xesús, que tamén empezou moi novo a aprender o oficio de carpinteiro, era esixente. Non tardamos en darnos conta de que o facía polo noso ben e polo ben dos que o día de mañá puidesen facernos algún encargo. Era honrado a máis non poder. Nin facía nin deixaba facer cousa ningunha pola que non se puidese responder. De tan honrado que era, non deu chegado a rico.

Falaba o necesario; pero daba a impresión de que sempre gardaba aló no máis fondo de si mesmo un gran segredo.

E a súa muller, María? ¡Uf!. Eu cheguei a quererlle tanto coma miña propia nai. Tamén lle debo case tanta obriga coma ela. Moitos e bos consellos me tén dado... Consellos e xantares, que case nunca me deixaba ir xantar á miña casa,... como aínda eramos máis pobres ca eles e máis bocas que manter.

María era tenra, traballadora, sempre disposta a axudar e, por riba de todo, piadosa. Pero non vaias pensar que era unha mixaroqueira na súa piedade ou unha beata desas que mexan auga bendita sen sal. Diso nada!.

Un día que a observei mentres rezaba ela soiña dicía máis ou menos así: "Engrandece a miña alma ó Señor que desmonta do machiño do poder ós que se montan nel para asoballar e, en troques, leva consigo de acabalo ós pobres e asoballados". A ver cantos rezadores din iso aínda hoxe!

Non me estraña que Xesús saíse como saíu, criándose no fogar en que se criou, e, non obstante, alí todo parecía normal e sinxelo... Xustamente, "sen xelo", polo clima agarimoso que alí se respiraba.

Xesús era intelixente. Moi intelixente!; pero había cousas que tamén lle custaba traballo dar aprendido. A min paréceme que ás veces fixábase pouco no que estabamos a facer e por iso ten levado máis dun martelazo nos dedos; pero tiña unha de bo, que aínda que se mancase ou non lle saísen as cousas ó dereito, nunca reaccionaba violentamente, nin se lle escoitaba unha mala palabra.

Por veces parecía que se quedaba coma ensumido en si, coma prendido doutros pensamentos.

Un ano pola Pascua, cando estaba na idade de ir afianzando a personalidade, deulles un bo desgusto a seus pais quedándose no Templo de Xerusalén de palique cos estudiados. E, polo visto, poñíaos en apuros coas súas preguntas e replicáballes con educación, pero sen miramentos. Cando o atoparon Xosé eMaría, disque dixo que tiña que ocuparse das cousas de seu Pai. Paréceme que eles daquela non entenderon moi ben o que quería dicir, e eu aínda non o entendo agora.

Daquela eramos todos bastante relixiosos pero El non se quedaba atrás. Por nada deixaba as súas prácticas piadosas cotiáns, nin de ir os sábados á sinagoga, nin de acudir a Xerusalén polas festas principais, como eran as de Pascua, de Pentecostes ou dos Tabernáculos.

Pero, conforme ía medrando en idade e en sabedoría, sen deixar de ser relixioso, tamén se ía facendo bastante crítico contra formas de relixiosidade deshumanizadas e excesivamente centradas no culto en detrimento da xustiza ou do amor.

Unha vez na sinagoga, comentando unha pasaxe do profeta Isaías, ousou dicir que coa forza do Espírito viña para dar a vista ós cegos, facer escoitar ós xordos, poñer a andar ós entangarañados e anunciar a Boa Nova ós pobres. Aquelo sentoulles mal a algúns veciños que tampouco o entenderon como é debido.

Tiña moita curiosidade por saber de todo. Fixábase en canto o rodeaba e sabía os nomes de tódolos paxaros e de tódalas flores.

Os paxaros gustábanlle todos. Por nada do mundo desfaría un niño de paxariños. E as flores que máis o extasiaban eran os lirios. Destas si que cortaba algunhas para levarlle de vez en cando a súa nai un ramiño que ela poñía en lugar que puidese ser regalía para a vista de todos.

Antes de botarse a predicador ambulante, díxome en confianza que sentía deixar o oficio, porque o traballo, tantas veces escuro, calado e anónimo é o verdadeiro sostén do mundo, a mellor forma de realizarse e un xeito de colaborar co Creador. Díxome tamén con certa saudade que presentía que ía ter máis complicación na nova misión que tiña que cumprir ca seguindo de carpinteiro; pero que debía axudarlle ao Pai a instaurar o seu reinado de paz e de vida, pois para iso viñera ó mundo... Tampouco eu o entendín daquela, pero é que eu non ando moi sobrado de luces, que pouca escola tiven. Naqueles tempos non tiñamos as oportunidades que agora tedes e que, polo que El dicía, hai que aproveitar ben, porque a cada un hánselle pedir contas de como empregou os talentos recibidos. Eu coido que Xosé aproveitounos e sementounos e moitos deles aínda hoxe seguen dando froitos, pero sempre dunha maneira caladiña. Así coma quen non quere a cousa, por máis que queira, ou poña o corazón en canto fai”.

Eu levaba tempo sen acordarme desta conversa, envoltos como estamos no atafegante traxín de cada día non é doado acordarse destas lerias, pero veume á memoria onte mesmo, 19 de marzo, ou mellor dito, na noite do 18 ó 19. De momento non penso desfacerme da gravación e podo prestarlla a calquera.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES