Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A "Kitschificación" da política

viernes, 14 de marzo de 2014
Tal vez se poida afirmar que a “kitschificación” da política é unha consecuencia da “kitschificación” da vida, da cultura, da mesma sociedade, etc., sempre que se explique que entendemos por este termo tan estraño e digamos algo do emprego de KITSCH na arte, que de aquí ven o seu uso noutros ámbitos.

Para “kitsch”, nun dicionario de alemán, encontrarán o significado de “mal gusto”, algo “charramangueiro”, e para o verbo “verkitschen”, o de “pintar con mal gusto”. Hai que recoñecer que non lles é nada fácil precisar o que verdadeiramente se entende por “arte kitsch”; pero aquí eu voume quedar con que é a expresión abondo clara da degradación da arte e da beleza.

Seguramente se lemos a obra de Tomas Kulka, titulada “El kitsch” (Casimiro Libros, Madrid, 2.011), adquiramos algunha idea aproveitable. Non sobra, porque esta misteriosa palabra que, segundo nos din os estudosos, ten a súa orixe nos mercados de arte de Munich, aló polo século XIX, utilizada para “describir os debuxos e bosquexos baratos ou facilmente comerciables”, ten revolucionadas as mentes dos que se ocupan dela, pola súa ambigüidade.

Foi popularizada, entre outros, por Greenberg, Broch o mesmo Adorno, e tampouco foron alleos a isto Umberto Eco, na súa obra “Apocalípticos e integrados” (Lumen, Barcelona, 1.985), nin Abraham Moles, en “El kitsch: el arte de la felicidad” (Paidós, Barcelona, 1.990). E, máis ou menos, todos coinciden en que o termo alemán serviu para designar o gusto vulgar (o mal gusto) dos novos ricos, que acadaron a situación económica da elite tradicional, copiando, con evidente mal gusto, as costumes da cultura refinada dela, sobre todo nunha arte ridícula, esaxerada e vulgar.

De aquí a palabra “kitsch” pasou a designar os obxectos estéticos feos, e non exentos de certos trazos de inmoralidade, ridiculizando a arte culta, incluso utilizando, para acentuar esa actitude, roupa usada, accesorios vulgares e profusión de pulseiras de plástico, con cores roxos, rosados, dourados, prateados...

En relación coa súa orixe, tamén se especula co uso deste termo para expresar o “desexo de aparentar ser”. Non en balde, o verbo alemán “verkitschen” tamén se pode traducir por “falsificar” e “vender gato por lebre”. Por iso, un “kitsch” é unha mentira artística, que pode derivarse dun descoñecemento da técnica conveniente ou da falta de talento do autor para a realización dunha obra máis axustada aos canons esixibles.
O austríaco Hermann Broch vai máis aló e fálanos dun certo mal no sistema de valores da arte, porque o “kitsch” engana aos seus lectores, e por isto hai que pensar que non interveñen só factores internos da mensaxe que se quere dar coa obra de arte, senón tamén a intención coa que o mesmo autor nola vende.

Naturalmente, todo se identifica “con” e ten asento “na” cultura de masas e de consumo. Hai propostas que pasan por innovadoras e non son máis que adaptacións homólogas. E moitas veces o público goza destas últimas pensando que o fai das primeiras, inducíndoo así a consolidar un empeño polo mal gusto estético. E xa estamos relacionando o “kitsch” coa sociedade e a cultura ata o límite de ofrecerlle permeabilidade en todos os sectores das mesmas, e, por suposto, por extensión, na actividade política.
Pero... como incide nesta?. Arnheim, noutra referencia, dinos que o “kitsch” é unha verdadeira vulgaridade que seduce a un gusto inadecuado. Tamén Giesz critica aos suxeitos produtores e que desencadean tales actitudes, que propician a aceptación dun simulacro da cultura ou un sucedáneo. E penso que os políticos están caendo nunha vulgaridade que xa non é que non guste o pobo, é que resulta especialmente molesta, que ven a ser a mesma resposta que desencadea o matiz “kitsch” dos eventos doutra natureza.

Polo tanto, o que non pode tampouco deixarse de considerar é a xeración dunha correlativa e correspondente ética, porque sería tanto como esquecer aquilo de que non hai ética sen estética, quebrando a relación entre estética e ética.

No fondo de todo isto, hai un certo fetichismo intencionado, que dirixe ás accións interesadas na práctica de certas ideoloxías, aínda que sexa caendo nunha corrupción lóxica, nada menos que a estas alturas dos tempos, o que permite que os valores sexan substituídos por obxectos, e uns e outros por desexos, comprometendo seriamente a liberdade das persoas, so pretexto de todo o contrario, de que o bo gusto acadado nunha evolución cultural é alienante, aburguesado, e o pobo ten dereito a toda clase de manifestacións, incluídas as selváticas e atávicas do aro na nariz ou nos mesmos xenitais.

Xustamente por isto, as actitudes “kitsch” remiten tanto á mesma sociedade como á decoración, e non sería estraño que estiveran polo medio disfuncións de orden psicolóxico, posiblemente non suficientemente estudadas nin nas súas causas nin nas súas consecuencias.

Na sociedade, e por procedementos políticos, adoita producirse un divorcio entre a realidade e o que se lle di dela ao cidadán, xa que as posturas “kitsch” propician a imitación e a banalización, crean un estado de inadecuación deliberada, prodúcense efectos de substitución, un empeño de racionalización do irracional circunstanciado, introdúcense criterios de instrución e debilítanse os da formación, esvaecendo a realidade das cousas e dos eventos.

Pero o efecto “kitsch” está presente en calquera dos ámbitos pensables e nos contextos dos comportamentos, producindo desviacións dos obxectivos aínda con parámetros ben definidos e, incluso, aceptados universalmente.

Sen embargo, non cabe dúbida que o nexo de unión é o home cualificado de “kitsch”, que non se trata, nin moito menos, dunha seita, senón dun estado de insuficiencia inducida por unha situación de diversos e heteroxéneos intereses que non se poden universalizar.

Non pensemos, pois, que o “kitsch”, abondo xeneralizado na arte, non ten permeabilidade noutros sectores de interese humano: hai unha “kitschificación” da arte, da vida, da cultura, da política..., que ofrece resultados que gustan tan pouco como na arte un urinario posto do revés, ou unha cisterna facendo de peixeira.

O que preocupa certamente é que, como di Zygmunt Bauman, nesta sociedade, que el cualifica de líquida, xa non se considera deslealdade ser leal só en parte, nin se consideran como un vicio ou como síntoma de inferioridade cultural unha serie de condutas aberrantes.

Outra tradución a nivel socio-político desta “kitschificación” é o “tormento dos desasosegos” que ven a ser a “constatación – dinos Z. Bauman – ou sospeita presente de que non hai regras preestablecidas nin obxectivos universalmente aprobados...Os puntos de referencia e as directrices que hoxe parecen fiables quedarán, probablemente, desacreditadas mañá, tachadas de enganosas ou de corruptas”.

E insiste este sociólogo en que “de feito, esas fatídicas modificacións acaecidas nas belas artes parecen haber respondido aos esforzos dos artistas por poñerse ao día nos cambios da arte da vida...”. Desta maneira pode entenderse a permeabilidade do espírito “kitsch”, manifesto, consciente ou inconscientemente, nos quefaceres máis diversos do home.

Nunha colaboración anterior falabamos dos “baleiros referenciais” e tratabamos de contextualizalos en España; pero hai que ir máis aló, onde tamén se descobren movementos pendulares que oscilan entre o desmedido afán de liberdades e, ao mesmo tempo, a destemperada esixencia de seguridade: primeiro a seguridade aldráxana coa súa propia conduta e cando perden o control sobre dela xeran eles/as mesmos/as inseguridades cidadáns para reivindicar a súa persoal.

Aí polo mundo adiante, a chegada da liberdade vese como unha xubilosa excarceración, porque queda a persoa libre da angustia das obrigacións e tamén da monotonía das prohibicións. Pero a persoa “kitschificada”, unha vez que se instalou nela esa liberdade, séntese aterrorizada pola RESPONSABILIDADE ata tal extremo que as angustias de antes xa non son tan horrorosas.

Dinos Bauman, a este respecto, que “as noites dos días de rutina obrigatoria están cheas de sonos de LIBERDADE FRENTE ÁS LIMITACIÓNS”. Pero “as noites dos días de eleccións obrigatorias están cheas de sonos de LIBERDADE FRENTE A RESPONSABILIDADE”. E sobreentende que estes dous e paralelos enunciados son “os máis poderosos e persuasivos argumentos a favor da necesidade da sociedade”, dos sistemas, das institucións, das regras... E isto é incompatible con todo o “charramangueiro”.

Consecuentemente, non lles parece, sufridos lectores, que tamén a “kitschificación” da mesma lóxica dos comportamentos sociais e políticos pode chegar a poñer isto moi feo?. Diremos tamén algo disto. Pídeo unha intelixente xornalista estranxeira, en referencia ao noso país, ao preguntar por que os españois nos cansamos da normalidade.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES