Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Falando de salmóns

viernes, 14 de marzo de 2014
Nun libro, do que cheguei a saber da súa existencia hai só un par de días, publicouse hai pouco un “pregón” (de hai xa máis de vinte anos) con motivo da Festa do Salmón da Estrada. Aí queda, como lembranza de tempos idos.

SALMÓNS PEREGRINOS SOMOS NÓS TODOS
(PREGÓN DA XIX "FESTA DO SALMÓN")
(A Estrada, 17 de maio de 1992)

¡Miñas donas, meus señores, festeiros todos do mítico salmón!
Estando eu alienado, abstraído, nas loitas teóricas da miña amiga, a filosofía, alá na outra autonomía que preside o Sr. Leguina, chegoume, agarimosa e insistente, a voz da terra: "Tes que facer de pregoeiro na Festa do salmón da Estrada..."

Foron os entusiastas organizadores desta festa, Manuel Reimóndez Portela e Xesús Leis Camba, en representación do benemérito Centro de Iniciativas e Turismo, os que me meteron nesta lea. Pedídelles contas a eles, se non saio airoso do oficio. Vaia a eles en todo caso o meu máis sincero agradecemento pola invitación.

Como endexamais eu me vin nunha destas, pregunteilles polos meus dignos predecesores no oficio do pregón. Meus bos amigos Alfonso Varela Durán, Xosé María Freixedo e Xerardo Saborido, estes dous últimos súbditos coma min do Sr. Leguina, foran algúns dos sonados pregoeiros. Pero ademais Cela, D.Camilo Xosé...

Oír este mítico nome da literatura meteume un bo susto no corpo e estiven nun intre de dicirlles que non. Eu tivera, ademais, a moi inoportuna ocorrencia de meterme con el xusto na véspera de que lle deran o Nobel de Literatura hai un par de anos. A verdade é que non me gustara nada o que dixera o esperpéntico D. Camilo nunha entrevista, referíndose á nosa lingua galega, de que "cando desaparece unha lingua non pasa absolutamente nada". Naturalmente non fun tan lanzado coma para que se me ocorrese mandarlle ó famoso literato unha copia da miña réplica, Cela e a lingua , pero si lla mandei ó seu fillo, Camilo tamén, pois eramos colegas no ensino universitario da filosofía e eu coidaba que a el lle poderían interesar as cousas que se escribían sobre o seu pai. O caso é que Camilo J. Cela-Conde amosoume a súa coincidencia fundamental co que eu lle obxectaba ó seu pai, rematando deste xeito a súa carta: "agradézoche que contribúas a impedir que fagan de meu pai un santo de escaiola, ó que somentes cabe venerar"...

En calquera caso, o nome de Cela e esta anécdota motivaron que lles preguntase aínda, cauteloso, ós meus invitantes en que lingua tería que "pregoar". "Como queiras, pero mellor en galego": foi a sabia e diplomática resposta... Pero as miñas consultas non remataron aquí, porque aínda pedín, na miña ignorancia sobre o tema, novas informacións sobre o "pregón" ós anteditos pregoeiros...

Total, para nada, dito sexa isto con perdón dos meus atentos informadores... Pois encol disto xa sabedes o que contaba unha vez F. Umbral do médico e psiquiatra galego, J. Rof Carballo, que vive tamén alá onda Leguina: "O doutor Rof —escribe Umbral — foi meu médico, meu mestre, meu amigo, pero todo a certa distancia máxica [...]. Dime que lle pediron unha conferencia sobre Bécquer para o Ateneo de Madrid e que se eu creo que debe dala ou non dala. Coma galego e coma sabio, é un home que pregunta sempre ós demais o que ten que facer e logo fai o que lle peta. Ser galego —conclúe polo demais aínda Umbral, esaxerando seguramente un chisco— é ser dúas veces sabio; ser sabio é sempre ser un pouco galego". Aí queda iso...

Total, que non había xa escapatoria e tiña que escribir un par de verbas axeitadas para pregoalas a tódolos ventos nesta festa estradense do rei de tódolos peixes.

Aínda me veu, sen embargo, á mente a canción popular galega, que recomenda sabiamente prudencia no que se di: "Antes qu'a falar te poñas / pensa no qu'has de dicir, / que moitos, de non pensalo, / chegarons' a arrepentir" .

Pero como aquí non se trata de pensar, senón de pasalo ben, alá vos vai, pois, o pregón ritual desta festa, pois van sendo xa horas de entrar en fariña. E rógovos xa agora que me perdoedes se a miña deformación profesional me leva nalgún intre a facervos "pensar", cando do que se trata é de festexar.

Teño que empezar dicindo que na miña vida vin un salmón —fóra do prato, quero dicir, e isto tamén poucas veces— . Porque as toras rosadas do mítico peixe e o seu sabor sen igual non son para min, sen máis, o salmón. O salmón —nisto estaredes de acordo comigo polo menos os pescadores de cana, aínda que somentes sexades, coma min, modestos pescadores da súa parente menor, a troita—, o salmón é —dígoo e pregoo desde aquí— a meta e a aspiración máis fonda e nobre de todo pescador. Porque o salmón é a forza e a axilidade, a beleza e o misterio, pequeno deus das augas limpas dos nosos ríos e esvelto atleta do mar universal.

¿Quen de vós non sabe do misterioso ciclo vital deste portentoso animal acuático, desgraciadamente tan ameazado pola nosa técnica e polo noso, así chamado, progreso?

Nacendo e vivindo de pequerrecho nas augas tranquilas dos nosos ríos, no Eo, no Miño ou no noso Ulla —o pai Ulla, creador de vida e verdor nas terras da Estrada—, atrévese a facer —aínda noviño (a meirande parte deles non teñen máis ca un ano de vida)— o que os antropólogos chamarían "rito de paso" ó mar, ó mar de augas salgadas, fondas e inmensas. Quédalle atrás ó adolescente salmón a súa idílica infancia das augas doces do río e empeza a súa longa loita para se afirmar na vida. Fronte a perigos e ameazas, o salmón peregrino vaise facendo bo mozo, cheo de forza e de ilusión: ós dous anos de vida no mar xa é un valente duns sete quilos de peso, chegando a converterse nun verdadeiro atleta olímpico, con trece quilos de peso, un ano despois.

Pero ó salmón aventureiro, afastado do seu fogar natal, coma a todo bo galego que vive lonxe do seu horizonte familiar, vénlle —máis cedo ou más tarde— o tirón da terra. Guiado por un misterioso instinto pode percorrer miles de quilómetros polo mar ata chegar ás doces augas natais da súa infancia. Xa o gran Isaac Walton, no seu fermoso libro, O perfecto pescador de cana, que escribe a mediados do século XVII, dicía do salmón que "volve ó mesmo río, se é posible, para gozar os primeiros praceres que alí o posuíron" . E nestas augas, doces e coñecidas, repetirán pola súa parte os seus descendentes o mesmo ciclo vital dos seus pais.

É unha pena que os salmóns escaseen nas nosas augas. Aínda que hai cousa dun mes oín aquí na Estrada que se viran sete salmóns, navegando nas augas do Ulla coma na súa casa.

Pero, aínda que a Festa estradense do Salmón no servise máis que para recordar a fondura e beleza do salmón coma símbolo da vida humana —e de maneira moi especial da galega—, xa tería con iso bo dereito a subsistir sempre.

A infancia do salmón, como a das nosas vidas, está vencellada simbolicamente ás augas dos ríos que camiñan cara ó mar. E así o cantaba xa en Vagalumes Xosé Manuel Cabada Vázquez, "o tío Pepe" —como o chamamos os seus sobriños—. Non era neste caso o río cantado polo poeta o salmoeiro Ulla, senón o troiteiro Umia, que rega as terras de Codeseda, pero os dous veñen sendo primos irmáns:

¡Ouh río Umia, feitizado río,
que, sempre que te eu vexo, en min espertas
meus tempos ledos e o relembro sagro
da miña edá primeira!
Non parece senón que antre os pregues
das tuas ondas, que mainas escorregan,
envolves o millor da miña vida,
días de xolda e infancia rebuldeira,
pra ilo mergullando do pasado
no escuro mar sin fondo e sin orelas.

Ouh, cantas veces, cantas, indo á escola,
xoguei c'outros rapaces nas tuas beiras
á panda, ó pimpón e outros xogos,
sin esquencer o trompo e a estornela.
Ouh, Ponte de Abragán e corredoiras
de Fontenlo e a Devesa;
congostras e currunchos agachados
no fondo da Regueira,
¿onde van aqueles días?, ¿onde
a ledicia e o rebuldar daquela?
Fuxiron, si, pra sempre e máis non volven.
¡Canté se inda volveran! .

En realidade os días da infancia non teñen por que volver, porque están de feito sempre presentes no recuncho máis íntimo do corazón de cadaquén. ¿Que son a morriña e a saudade senón o imán da terra natal, da terra da infancia que segue a atraer cara a si durante toda unha vida o corazón de calquera galego?.

Ben o viu o andaluz Emilio Castelar no seu prólogo de 1880 a Follas Novas de Rosalía: "Nin o catalán, que se cre cidadán da perfecta nacionalidade; nin o andaluz, que habita a rexión máis privilexiada e máis poética de España, nin o valenciano, benfadado nos seus asiáticos xardíns; nin o vigoroso aragonés aman á súa patria como a ama o galego. A sombra das súas árbores, o sabor da súa auga natal, os codelos do seu pan de millo e de centeo, o ulido das súas vacas, o espazo do seu Concello, o tanxido da campá que toca á oración ó anoitecer, [...], o cantar da súa alborada en tales termos se impoñen ós seus sentidos, ós seus sentimentos, á súa conciencia, a toda a súa alma, a todo o seu ser, que ó arrincalo de alí o desarraigan, como se fose unha árbore [...] e sente unha tristura tal en tódolos seus afectos e unha dor tan aguda en todo o seu corpo, que conclúe o infeliz pola morte" .

Pero nin ós salmóns nin ós galegos nos vai, por outra parte, —engadimos xa nós— morrer fóra do riíño ou da terriña, que nos viron nacer.

É posible, non obstante, que sexa necesario vivir algún tempo lonxe da terra natal, para sentir ata o fondo esta forza misteriosa que atrae a un cara a ela. Saborear o amargor das augas salgadas do mar, para anceiar de novo a dozura das fontes limpas da terra nai.

Pero como cada un de pouco máis pode falar que de si mesmo —e aínda así esquecéndose ás veces do que máis cómpre—, téndesme que aturar que vos fale do salmón que mellor coñezo, que son eu mesmo, eu e as miñas circunstancias, quero dicir, eu e a miña vida salmoeira...

Así que voume limitar a contarvos un anaco desta cativa historia, que en bastantes cousas poida que coincida coa de tantos fillos do concello da Estrada, espallados polo mundo adiante.

O nacer nunha parroquia da periferia do concello da Estrada coma Sabucedo, hai medio século aínda máis apartada que agora da Estrada, tíñavos algunha desvantaxe. Porque —aínda que vos pareza estraño— non se podía nacer máis que nas vésperas das feiras. As feiras da Estrada eran daquela —se non recordo mal— os días 7, 16, 24 e o último de cada mes. Decateime tarde desta obriga cronolóxica, como veredes. E á fin e ó cabo antes de nacer non podía protestar un contra iso.

O caso é que eu empecei e continuei o meu ciclo vital salmoeiro ata un bo día acadar o meu título estudiantil en Múnic hai case un cuarto de século. No diploma oficial había que pór a data de nacemento. Para min non había outra data máis que a que o recordado párroco de Sabucedo, D. Remixio Fernández, escribira no libro da igrexa: o 15 de outubro de 1935, de acordo coa verdadeira data da miña chegada a este mundo. Pero cando á volta de Alemaña quixen revalidar o meu título estranxeiro, un dos moitos papeis que precisaba era —eu nunca a tivera nas miñas mans— a partida oficial de nacemento. A Madrid chegoume dende A Estrada o desexado documento, pero cal non sería a miña sorpresa cando vin que nela aparecía a data do 21 de outubro, unha semana despois da data eclesial.

Algúns meses despois, de paso por estas terras estradenses achegueime ás oficinas do Concello, co desexo de atopar unha explicación deste regalo que me deran de facerme unha semana máis novo, aínda que iso me podía traer problemas para o tema da revalidación. A resposta do bo funcionario foi clara e terminante. Polo que se ve, non debería ser a primeira vez que se atopaba con este tipo de consultas: "Mire vostede, no concello da Estrada naceron todos nas vésperas das feiras"...

E contoume a continuación como era o rito da notificación da data do nacemento dos novos alevíns do concello. O pai ou o avó viñan, o día da feira que lles cadraba ben, ó Concello no coche de San Fernando ou noutro medio de locomoción algo máis descansado. Alí facíase a declaración da data de nacemento do neno: unha data que fose o máis próxima posible á data real, sen ter que pagar a correspondente multa polo retraso na declaración. E seguidamente celebrábase o venturoso acontecemento cunha cunca de viño do Ribeiro na taberna próxima. ¡Pobres —xa vedes— dos historiadores que se poñan a investigar a vida e milagres das mulleres e dos homes famosos do concello da Estrada, cando se queiran pór de acordo sobre a verdadeira data de nacemento dos seus historiados!

Pois ben, se —segundo contan os entendidos— a meirande parte dos salmóns baixan cara ó mar cando só teñen un ano de vida, eu, relativamente, pouco máis debería de ter, cando, aínda case non cumpridos os dez anos, deixei por primeira vez o xogo da pedriña onda a escola, os panterlos para pillar chías e paporrubios, as veigas, congostras e silveiras, nas que aniñaban os merlos, para seguir o mesmo camiño dos salmóns, Miño abaixo, ata a súa entrada no Atlántico.

Nin sequera tiven tempo (e tampouco azos) para botarlle a man a un bichiño do noso curro no día da Rapa das bestas, como é cousa case obrigada para os rapaces de Sabucedo. Por iso un libriño que de contado poderedes follear sobre a Rapa de Sabucedo é para min a satisfacción dunha débeda pendente, unha maneira de reparar a miña obrigada longa ausencia do curruncho natal e do curro, no que os valentes mozos de Sabucedo amosan a súa forza e habelencia ó aloitárenlles con coraxe ós bravos griñóns das greas de bestas do monte.

Pois ben, no colexio dos xesuítas da Pasaxe, preto de A Guarda, ós pés do céltico Monte Tecla tiven a miña primeira experiencia morriñenta da entrada do mozo salmón no mar. A longa emigración, lonxe da terra natal, seguiría logo cara a Castela. No Colexio palentino de Carrión dos Condes, á beira doutro río, agora o río Carrión, aprendín entre outras cousas a xogar ó pimpón nunha mesa longa e estreita, á que lle poñiamos unha pequena táboa no medio. No outro extremo da mesa, coma contrincante meu e aprendiz tamén coma min dos segredos técnicos do pimpón, atopábase case sempre o meu compañeiro de curso desde os tempos do anterior colexio á beira do Miño, Víctor Manuel Vázquez Portomeñe. Mentres que Víctor Manuel voltaría de Castela para Galicia para facer carreira na política, eu piquei no anzol dos xesuítas. Con Víctor Manuel non puideron... Compañeiro e amigo foi tamén daquela outro político máis, Anxo Fernando Martínez Randulfe, brazo dereito —aínda que sexa, máis ben de esquerdas— de Camilo Nogueira.

A peregrinaxe salmoeira, fóra da terra, seguiu logo cara ó Cantábrico. Nas terras verdes de Comillas, en Santander, foi onde me entrou a toleira da filosofía, aínda que os ríos seguían tirando por min: e xa que non había por alí nin troitas nin salmóns, dediqueime a pescar anguías nos ríos e regueiros que lle levaban auga ó Cantábrico.

Un bo día deume na cara un saudable golpe de airiños da terra: ata a cima do monte da Cardosa de Comillas, onde viviamos Randulfe e mais eu, chegou como puido, renxendo moito e case rendido, o autobús de meu pai. Viña xa de volta de Bilbao, de levar obreiros de aquí, da Estrada, ata a cidade do Nervión. Coma tantas veces, nós, os da bisbarra da Estrada, facendo de salmóns peregrinos. Ese día houbo festa e ledicia galega en terras cántabras.

A viaxe do vello Chévrolet desde Sabucedo ata o Cantábrico tróuxome recordos das aventuras desta nobre máquina, que levaba á xente ás feiras da Estrada, custándolle á volta nos días quentes do verán Deus e axuda subir a costa de Codeseda cara a Portela. Pero ata a cima do Carballiño chegaba, aínda que fose coa boca fóra, coa auga do radiador fervendo... E logo era todo costa abaixo. Homes e animais domésticos (galiñas, ovellas e demais nobres animais) viaxaban en boa mutua intelixencia e compaña, cara á feira da Estrada. Nos días bos de feira podía haber xente enriba, na baca, enriba dos gardalamas e ata na parte de fóra das portas de adiante, como se fosen gardacostas dos homes e mulleres que viaxaban no interior. E —claro— era case unha festa, cando se chegaba de volta a Sabucedo, sen que os temidos "motoristas" lle calcasen nese día ó heroico Chévrolet a consabida multa.

Ben, a miña peregrinaxe salmoeira non parou no Cantábrico, senón que proseguiu aínda ata terras austríacas e alemás. Durante varios anos mergulleime noutra lingua e noutra cultura, auga salgada de xeitos de vida moi diferentes.

Pero o salmón non pode esquecer a súa orixe. Así que un bo día emprendín a viaxe de volta cara ás fontes natais. Había once longos anos, ¡once!, que deixara o horizonte familiar e coñecido da miña parroquia natal: a esvelta torre da pequena igrexa, as casas de nobre pedra e de tella do país, a chuvia miúda, o manso fume das chemineas fogareñas, os homes e mulleres, os rapaces..., e o belo e enxebre falar da terra.

Din que os salmóns chegan de volta do mar á desembocadura do río, no que naceron, fermosos e con graxa abonda para afrontar a dura tarefa da ascensión polo río natal, ata levar a bo termo a outonal desova. Eu non sei como cheguei, pero si con forzas abondas para facer tamén un tipo de ascensión moi especial. Direivos agora cal foi esta ascensión. Dáme case un chisco de vergonza contárvola, pero, á fin e ó cabo, eran cousas de rapaces...

Tiña eu daquela —once anos antes— cando ía emprender a miña longa migración polo mundo adiante, dezaseis anos cumpridos e dábame conta de que a miña marcha cara a Salamanca, unha vez que tragara ben a fondo o anzol dos xesuítas, podía ser para longo. Escollín, pois, polo chan seis ou sete pedriñas —para min eran coma perlas— e apulitei con elas polo chamado "carballo das Moreiras". O carballo das Moreiras, centenario e baril, que estende as súas inmensas pólas por enriba do tellado das casas veciñas e chega case ata o da miña casa natal, é un anónimo e calado monumento nacional da nosa aldea de Sabucedo. A unha certa altura, nun burato que o tempo e as chuvias tiñan feito no tronco do vello carballo, depositei case relixiosa e ritualmente as pedriñas escolleitas. Quedaban case coma nun niño á espera dunha longa incubación. Eu tiña a ilusión e a esperanza de volver tocalas e collelas de novo na miña man nunha futura volta á terriña onde nacera. En certa maneira parecíame a min que aquilo que facía era como botar a áncora nun fondo firme e seguro, que non deixase ir demasiado lonxe a barca da miña vida. Xa vedes, cousas de rapaces...

Polo tanto, non podía eu fallar á cita coas miñas pedriñas á volta da miña longa peregrinaxe. É verdade que eu non tiña xa a axilidade dos olímpicos salmóns, capaces de superar as meirandes dificultades —case sen probar bocado— na súa ascensión cara á poza de augas limpas, na que xerarán ós seus descendentes. Pero apulitar si apulitei ó tamén, coma min, xa algo máis vello carballo das Moreiras... Busquei coa man e remexín cun casual garabullo nos húmidos buratos do tronco do carballo, cunha certa contida emoción. ¿Cal sería o burato de hai once anos? Pero non me foi posible dar coas pedriñas. O ancestral carballo tiña agora moitos buratos máis e, ademais, estaban todos atacados de folla vella, landras, bugallos e lixo, que o tempo pouco a pouco fora xuntando alí... Pero consoleime polo menos pensando que cumprira coa cita da miña ilusión.

E así vos foi o remate do meu ciclo salmoeiro.

Desde entón non querería volver ó mar, ó mar afastado dos aires e da cultura natais. Tampouco o salmón repite el mesmo a súa primeira, e case sempre única, viaxe aventureira. Tódalas súas forzas emprégaas en crear nova vida alí mesmo onde naceu.

Neste senso quero xa felicitar moi cordialmente ós entusiastas organizadores desta enxebre e leda Festa do Salmón, ó Centro de Iniciativas e Turismo, a tódalas entidades públicas e privadas que a fomentan, e a tódalas persoas particulares que nela participan, estean ou non neste intre aquí presentes.

Galicia e A Estrada teñen que volver a saber valorar os prezados tesouros da propia terra. A nosa verdadeira "trabe de ouro" da imaxinación popular, agachada non sei onde, somos, se ben se mira, nós mesmos, a nosa vida, os nosos costumes, a nosa cultura. E temos a obriga de transmitila, limpa e mellorada, ós que veñan despois de nós.

Esta enxebre Festa do Salmón, que cumpre xa o ano que vén vinte anos, é froito do entusiasmo de xente nova. E novo é un, aínda que sexa xa un vello, namentres conserve agarimo á terra que o recibiu no seu colo.

O río Ulla, que —xunto co Umia— defende, abraza e dá vida ó noso concello da Estrada, o río Ulla —sempre vello e sempre novo— é un exemplo de permanencia e de fidelidade a si mesmo. Coidemos nós tamén del, para que, se agora ten na nosa terra os prezados coutos salmoeiros de Sinde, Couso e Ximonde, poida ter en tempos futuros moitos máis e aínda mellores. E se hai catro ou cinco séculos a xente —segundo as crónicas— se aburría de comer salmóns, coma se fosen xurelos —¡tantos habería!—, fagamos nós que os tempos vindeiros sexan aínda mellores que os de hai varios séculos.

¿Queixámonos de que o salmón anda polas nubes? A culpa é nosa, porque non o deixamos andar na auga... O "noso funesto progreso" —que diría Rousseau—, as nosas químicas e as nosas malas artes non o deixan acougar nas augas, nas súas augas, que son deles antes que nosas.

E con isto está claro que non falo contra vós, nobres irmáns pescadores de cana. Porque vós sodes en realidade os verdadeiros creadores do salmón. ¿Que sería un salmón sen unha cana que o pesca?

Din que o salmón navega fondo, solemne, polo medio do río, coma submarino invisible. Pero ¿que sería da beleza, da forza, da emoción do salmón sen a colaboración do pescador que o invita ó lance?

Recoñezo que eu podo ser nisto algo partidista, porque pertenzo tamén ó voso gremio. Tódolos que me coñecen saben que as troitas, as parentes pobres do rei salmón, son as "miñas amigas" —como diría M. Delibes—. Ata en Madrid teño un riíño na serra de Navacerrada —que considero case propiedade privada miña (non o digades a ninguén)— onde elas me esperan fieis, cando se abre a veda, para que eu as invite á miñoca ou á culleriña. Ademais, vós sabedes coma min que o bo pescador alá no fondo —como xa dicía o xa citado pescador e escritor inglés Isaac Walton, no século XVII— é unha persoa que "se recrea na contemplación" das marabillas da creación . Se vós sodes, pois, en certo modo os creadores do salmón, sodes tamén ó mesmo tempo compoñente necesario desta fermosa Festa do Salmón.

Pero felizmente vai xa sendo tempo de rematar, porque ó salmón pouco
lle debe faltar para estar a punto, ben aderezado pola recoñecida arte culinaria estradense... E coma o salmón non hai nada. Coma di o refrán: "do mar, o salmón; e da terra, o lacón".

Aínda que, por outra parte, coido que para a próxima vez teriades que pensar en adiantar a festa ó mes de abril, se é que lle tendes fe ó refraneiro, que nisto é taxativo: "O salmón e o sermón despois da Pascua non teñen sazón". Como vedes, isto vale tamén para o "pregón", que non deixa de ser un sermón, e máis se o pregoa un crego. "En abril, —segue insistindo o refrán— o salmón para min, no maio para o criado e no San Xoán para o can".

Pero, como tódalas cousas son discutibles, guiémonos esta vez por outro refrán, que agora máis nos convén: "O percebe e o salmón no maio están en sazón" . E así a cousa xa vai ben...

E dito isto, dispoñámonos xa pouco a pouco para a comida comunal do noso "tótem". Porque o salmón ben podería ser ollado coma mítico animal sagrado, devanceiro noso común, fundador e protector de tódolos estradenses, do que recibimos novas forzas e unha nova xuventude, ó degustalo e consumilo nesta súa festa ritual. Así é o tótem para algúns pobos e así debería ser o salmón hoxe tamén para nós.

Mais deixémonos xa de belas e sabias teorías e preparémonos para a práctica, a práctica leda e festiva dunha alegre xuntanza e dun bo xantar, totémico ou non. ¡MOITAS GRACIAS!



[Publicado en Pregóns da Festa do Salmón, A Estrada, Concello da Estrada / Centro de Iniciativas e Turismo - C.I.T., 2010, páxs. 53-60].

Bibliografía:
M. Cabada Castro, Cela e a lingua (Crítica dunhas declaracións sobre a lingua galega): Encrucillada XIII (1989) 344-352.
2 F. Umbral, Spleen de Madrid (Madrid, Sala, 1973) 146.
3 José Alberto Santiago, Pequeña antología arbitraria del cancionero popular gallego: Cuadernos Hispanoamericanos CXI (1978) 209.
4 Izaak Walton, El perfecto pescador de caña (Barcelona, Publicaciones Literarias y Deportivas, s. d.) 151.
5 Xosé Ml. Cabada Vázquez, Vagalumes (Santiago 1931) 203s.
6 Emilio Castelar, Prólogo a Rosalía Castro de Murguía, Follas Novas (Madrid - Habana, 1880) Xs.
7 Cf. Izaak Walton, o. c., 59, 248. O título orixinal completo desta obra é The compleat Angler or the Contemplative Man's Recreation.
8 Xesús Ferro Ruibal, Refraneiro Galego Básico (Vigo, Galaxia, 1987) 454.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES