Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'A beleza feriume para sempre' (2)

jueves, 13 de marzo de 2014
Díaz castro no Seminario de Mondoñedo


Os seminarios nacen a raíz do Concilio den Trento para a debida formación do clero. O Seminario de Mondoñedo foi o terceiro de España (despois dos de Burgos e Cadiz-Ceuta) e o primeiro de Galicia.

O Real Seminario Conciliar de Santa Catalina de Mondoñedo tivo, e podemos dicir que segue a ter, unha gran importancia nas nosas letras. Se botamos unha ollada á Historia da Literatura Galega, vemos que, ata fai pouco tempo, a totalidade dos poetas e escritores do norte da provincia de Lugo pasaron polas aulas do Seminario mindoniense ou estiveron, dalgún xeito vencellados a el a través dalgún dos seus profesores ou a través do contacto con alumnos que alí cursaban os seus estudios.

Ata fai poucos anos, a maior parte dos escritores do Seminario de Mondoñedo foron poetas. Así os estudiosos da Literatura Galega falan, ó referirse a estes escritores, da chamada Escola poética do Seminario de Mondoñedo. Tódolos críticos e estudiosos da Literatura Galega recoñecen a existencia e a importancia desta Escola poética .

En 1929, cando Xosé María Díaz Castro ten quince anos, ingresa no Seminario de Santa Catarina de Mondoñedo. Antes asistiría a unha pasantía de Latín na casa reitoral da parroquia de San Pedro do Buriz para prepararse para o ingreso no centro mindoniense. Na súa familia xa houbera algún sacerdote, segundo dixo o poeta: “Na miña familia había unha tradición, xa anterga, de curas... E unha moi grande relixiosidade. A constante influencia acabou por determinarme. Eu non sabía se había ou non vocación, pero deixeime arrastrar polos cariños familiares. Foi máis tarde, ben máis tarde, cando me din conta de que aquel non era o meu camiño”(1) .

No curso 1929-30, como alumno interno aproba o primeiro curso de Latín e Humanidades acadando “Meritissimus” (hoxe, sobresaínte – 9) en Lingua Latina e Lingua Española que eran as materias que compoñían o plan de estudos. Nos exames extraordinarios celebrados o 27 de xuño de 1930, aproba o segundo curso de Latín e Humanidades, tamén con “Meritissimus” en todas as asignaturas: Lingua Latina e Lingua Española. O terceiro ano de Latín e Humanidades faino no curso 1930-31, levando de novo “Meritissimus” en Lingua Latina, Retórica e Poética e Xeografía. Neste curso levou o primeiro premio. Cómpre sinalar que para acadar un premio había que levar “Meritissimus” en todas as materias do curso e facer un exame. O 30 de setembro do ano 1931 fai o exame de Reválida no que leva a cualificación de Aprobado. Hai que dicir que na Reválida as únicas cualificacións que outorgaban eran as de aprobado ou suspenso.

No curso 1931-32, aproba o primeiro ano de Filosofía con “Meritissimus” en Lóxica e Ontoloxía, Gramática Alxebra e Nocións de Xeometría. No 1932-33, segundo de Filosofía con “Meritissimus” nas materias do curso: Cosmoloxía, Psicoloxía e Teodicea, Historia Universal, Historia de España, Perfección de Lingua Latina, Perfección de Lingua Española e Solfeo. No curso 1933-34, saca adiante terceiro de Filosofía con “Meiritissimus” en Ética e Socioloxía, Perfección de Lingua Latina, Perfección de Lingua Española, Física e Química, Historia Natural e Solfeo.

Comeza os estudos de Sagrada Teoloxía no curso 1934-35. Aproba primeiro con “Meritissimus” en Dereito Público Eclesiástico, Teoloxía Fundamental, Sagrada Escritura, Lingua Grega, Lingua Hebrea e Doctrina Social Católica e “Benemeritus” (hoxe Notable -7) en Teoloxía Moral, Liturxia, Historia Eclesiástica e Patroloxía, e “Meritus” (hoxe Ben-6), en Canto Gregoriano. No curso 1935-36, aproba segundo de Teoloxía con “Meritissimus” en Sagrada Escritura, Teoloxía Dogmática, Teoloxía Moral e Historia Eclesiástica e “Benemeritus” en Patroloxía e Canto Gregoriano. En 1936, é mobilizado e ten que deixar o Seminario. Unha vez rematada a Guerra Civil, no curso 1939-40, volta ó Seminario que abandonará definitivamente a comezos de 1940.

Xosé María Díaz Castro xa comezara a escribir versos antes de ingresar no Seminario de Mondoñedo, pero vai ser aquí onde realmente, da man, sobre todo, de Aquilino Iglesia Alvariño e do profesor Fanego Losada, vai atopar o seu camiño poético. O Seminario mindoniense tivo un gran influxo na vida e na traxectoria poética de Xosé María Díaz Castro. El mesmo o recoñeceu: “Alí foi onde me perfeccionei eu, aprendín a escribir, aprendín a escribir en verso, e empecei a publicar... nun periódico de Vilalba, unha revista de Vigo... Para min, Aquilino foi o guía. Primeiro fomos compañeiros de estudio en Mondoñedo. Máis tarde, compañeiros de profesorado. E sempre o ademirei. Para min, foi un dos mellores poetas que produciu a nosa terra, e aínda o sigue sendo” (2) .

Compañeiros de Díaz Castro no Seminario mindoniense, que compartiron con el aulas, recreos... a vida enteira no día a día, salientan varios aspectos da súa personalidade. Todos din que era coñecido coma “o poeta”. Outro dos aspectos que subliñan é que era moi estudioso, moi intelixente e moi afeccionado á lectura. A súa facilidade para as linguas é outra das facetas que salientan os seu compañeiros no Seminario. En canto á súa forma de ser, din que era bo compañeiro, introvertido, moi metido en si. Salientan tamén a súa hombría.

Xosé María Díaz Castro forma parte, por dereito propio, da chamada Escola Poética do Seminario de Mondoñedo. É máis, é unha das figuras máis senlleiras e sobranceiras da mesma.


(1) e (2) - XIZ RAMIL, Xulio, “Xosé María Díaz Castro: Nimbos de poesía” en Homenaxe a X. M. Díaz Castro, ed. Asociación Cultural Xermolos, Vigo, 1987, páxina 162.
Villares Mouteira, Félix
Villares Mouteira, Félix


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES