Se viramos polos ollos do principiño
Santalla, Iago - miércoles, 12 de marzo de 2014
Onte nun café de media tarde cun bo amigo decidín volver facer unha viaxe polo fermoso universo do Principiño. Entón atopeime na primeira páxina coa dedicatoria a León Werth, un mendigo da época de Saint Exupéry que quizais teña transitado realidades máis absurdas que as do propio Principiño. Moitas veces teño cavilado en que a viaxe desta personaxe é un espello da nosa propia realidade diversa e complexa que ás veces tende incomprensiblemente a homoxeneizarse.
O Principiño ensínanos a observar sen xulgar, intentando comprender as costumes alleas para aprender de todos os semellantes. Todo ten o seu sentido, todo nace dun porqué e hai razóns que foxen do entendemento aínda sendo poderosas. Por iso Saint Exupéry quere intentar comprender sen xulgar para recuperar o sentido fraterno da humanidade.
O Principiño é un ser que nos ensina a comprender antes de ser comprendidos e a respectar a visión da realidade allea sen impoñer nunca a propia. Con esta mentalidade o protagonista é capaz de convivir coa xente que se atopa na súa viaxe gardando no seu interior o mellor de cada historia.
Se viramos polos ollos do Principiño seríamos quen de convivir coa diferenza admirando todo o que trae consigo e procurando establecer pontes nas que compartir saberes e experiencias. Estes ollos son os ollos da sabedoría de quen é capaz de recoller o mellor de cada ser humano para compartilo colectivamente.
Ver polos ollos do Principiño é querer un mundo novo no que por riba de todas as fronteiras, por riba de muros e balados sexamos capaces de recoñecer a humanidade escondida en cada xeito de ser, para compartir aqueles progresos que nos poden levar ao benestar. Aínda que xa se sabe, que como lle dixo o raposo ao Principiño, o esencial é invisible para os ollos. Pois para min o esencial é non perder nunca os ollos do Principiño que nos convida a achegarnos a un descoñecido e integralo para beber e compartir experiencia e sabedoría.
Quen tivera idade para viaxar eternamente co principiño, de calquera xeito o paraíso que procuramos quizais estea no asteroide B 612 onde a diferenza ten que ser un valor engadido que pinta a vida de cores.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora