Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Europa fronte á corrupción

martes, 11 de marzo de 2014
Compás social

Falar e escribir sobre a corrupción xa é case unha rutina asimilada socialmente. Corrupción de multinacionais, de países, de gobernos e de determinados grupos sociais. Temos unha ampla lista gradual e crecente de corrupcións a escala mundial, corrupcións de ámbito europeo, corrupcións específicas de España con diversificacións nas diferentes autonomías e concellos españois. Parece unha historia sen fin. Nos primeiros días do pasado mes de febreiro a Comisión Europea publicou un "Informe europeo ante-corrupción" no que contabiliza as principais corrupcións nos 28 países da Unión Europea, no ámbito dos fondos públicos e as medidas ante-corrupción que se están poñendo en marcha.

A Comisión Europea define a corrupción como "abuso de poder para beneficio privado", e toma como base do seu Informe os datos do Eurobarómetro de 2013. E describe a situación dos 28 países da Unión, sintetizando os principais resultados: o 76% dos europeos pensa que a corrupción está estendida no seu país; así o din o 99% dos gregos, o 97% dos italianos, e o 95% dos españois. O 26% dos europeos preguntados considéranse afectados pola corrupción na súa vida cotiá, estando a cabeza España e Grecia có 63%, e os últimos son Alemaña e Francia co 6%. O 73% dos europeos dixeron en 2013 que o suborno facilitaba o acceso ós servizos públicos, estando nos primeiros postos desa percepción Grecia co 93% e Chipre co 92%. En canto ó financiamento dos partidos políticos, o 67% dos europeos dixeron que non é transparente, mais en España esa percepción sube ó 87%, en Grecia ó 86%, e en Dinamarca baixa ó 47%. Estes datos son só algúns botóns de mostra do que se pensa da corrupción no conxunto de Europa. Son anacos do urdido europeo das corruptelas, mais queda invisible a dinámica social que as sustenta. ¿Son só algunhas "mazás podres" no gran cesto europeo ou son xa unha característica estrutural do sistema?

No apartado sobre España dese Informe europeo, os datos céntranse en tres campos da corrupción: 1) o financiamento dos partidos políticos mediante préstamos bancarios, moitos deles condonados, e sen ningún control do Tribunal de Contas sobre as fundacións e asociacións ligadas os partidos. De 1996 a 2009 o Informe contabiliza 5.144 denuncias de corrupción en 600 municipios españois. 2) O segundo punto crítico é o desenvolvemento urbano de planificacións e cualificacións do solo, procesos para os que os alcaldes teñen amplos poderes discrecionais. Neste campo en 2011 houbo 1.754 procesos xudiciais con só 408 condenas. 3) O terceiro eido de corrupcións que sinala ese Informe é a contratación pública, que en 2011 supuxo o 15,5% do Produto Interior Bruto (PIB). Preguntadas as empresas españolas, o 83% delas dixeron que a corrupción estaba moi estendida, utilizando como trucos a falta de publicidade das obras, as licitacións colusorias e os orzamentos revisados constantemente a alza. Estes procedementos danse principalmente nos contratos de construción e de recollida de residuos. Esta mostra é significativa, mais non descobre toda a dinámica profunda que subxace a estes comportamentos das administracións públicas españolas. A maioría da opinión falada e publicada opina que xa é unha metástase sistémica de corrupcións en cadea.

Para cada tipo de corrupción o mesmo Informe dinos que o Goberno Español está tomando medidas correctoras: medidas lexislativas sobre o financiamento dos partidos propoñendo un código de boa conduta para cargos electos no ámbito local, autonómico e central; normas de avaliación de riscos de corrupción nas Administracións locais e rexionais, establecendo protocolos de boas prácticas nas Contratacións Públicas e controles adecuados. España participa no grupo GRECO (grupo de Estados contra a Corrupción do Consello de Europa) e desde 1995 ten a FECCO, Fiscalía Especial contra a Corrupción e a Criminalidade Organizada, composta por uns 40 fiscais e que en 2013 tiña nos tribunais uns 1.661 asuntos de corrupción financeira. Quéixanse da lentitude dos procesos debido á falta de medios e de persoal. Podemos dicir que sobre o papel algo está movéndose desde fai uns anos; mais, ¿será suficiente para acadar unha catarse masiva e unha rexeneración eficaz?

O mesmo Informe indícanos que falta moito camiño por percorrer, mais non entra na cuestión de verificar se na práctica esas normas xa vixentes se compren ou se se sancionan adecuadamente os incumprimentos. A corrupción económica pode materializarse de moitas formas, sendo as principais a apropiación indebida e ilegal, a apropiación indebida e legalizada, a dilapidación irresponsable de fondos públicos e a acumulación de privilexios, desproporcionados e socialmente inxustificables, ata crear un microclima de superclase. Todas esas categorías vémolas case todos os días na prensa, e na maioría dos casos coñecidos prodúcense a rentes dos cumios políticos, empresariais, sindicais e xudiciais.

As regras e controles xurídicos que propón a Comunidade Europea non parecen, polo menos de momento, suficientemente eficaces; quizais porque parten do suposto de que son "algunhas mazás podres", non un sistema xeneralizado. A mesma Comisión, o Parlamento e outros organismos da Unión Europea deberían someterse tamén a un exhaustivo exame para corrixir esa imaxe negativa que ás veces asoma, sen que ninguén musite unha palabra. Se Europa nos falla a gran escala neste terreo, o futuro será negro.

Todo isto lévanos a preguntarnos polo que máis nos toca de cerca, pola estrutura social da sociedade española e pola moral colectiva que hai detrás dos feitos de corrupción específicos de España, das súas autonomías e concellos. Mais ese é outro fardo de cuestións sobre as que cavilaremos outro día.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES