Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Homenaxe ao pobo de Tourém

lunes, 10 de marzo de 2014
Nas Terras do Barroso está a aldea de Tourén, que os arraianos galegos denominan Turei; unha freguesía do Concello de Montalegre, porta con porta con Randín deste lado da fronteira galega, e a unha carreiriña dun can do Couto Mixto se ímos polo Camiño Privilexiado. No século XIX pertenceu á diocese de Ourense. Ali, sen saír da súa xurisdición eclesiástica estivo desterrado don Pedro de Quevedo, o bispo que non quixo xurar a constitución de Cádiz de 1812, deica maio de 1814, fai agora douscentos anos.

Tourém contrasta con Randín. Mentres do outro lado da raia a economía agraria é puxante e a poboación moi numerosa, deste lado o censo de habitantes é mínimo, composto pro xente vella que xa abandonou as actividades agrícolas.

Tourém e Randín comparten o mesmo espazo natural do parque do Xurés e unha historia común. Poucos territorios teñen sido obxecto de tanta atención polos antropólogos e creadores literarios. Joâo Gonçalves da Costa, António Lourenzo Fontes, Paula Godinho ou Bento da Cruz pola banda portuguesa dedicáronlle monografías e relatos literarios que se complementan cos que Xoaquín Lourenzo “Xocas”, Méndez Ferrín, Luís Manuel García Mañá, Antón Riveiro Coello e Xosé Benito Reza teñen publicados. Otero Pedrayo na súa novela “O señorito da Reboraina” describe as actividades conspirativas de Xoán Manuel Pereira nas loitas entre liberais e absolutistas por aquelas terras.

Ese escenario tamén foi elixido en 1936 polos republicanos galegos que fuxían da persecución da sublevación militar. Luís Soto Fernández nas súas memorias describe así a Tourém: “é un pobiño que tiña entón corenta veciños e no intre en que eu recalei nesa aldeiña había oitenta refuxiados galegos, todos sen un can e sen teren que comer. Os corenta veciños, pobres de solemnidade, axudaban ós nosos fuxidos, pois só había dúas familias que se desenvolvían económicamente ben: o farmacéutico e o profesor Barros, un conservador, oliveirista, pero con sentido humano, mentres que o señor Barros,que era masón e mestre de escola, era antifascista”.

Por Tourém pasaron ducias de galegos: pasou o doutor Antonio Fernández Carnicero, médico, e outros compañeiros de profesión aos que relaciona David Simón Lorda no seu documentandisímo libro sobre os médicos perseguidos na provincia de Ourense. Por ali pasaron tamén o deputado Alfonso Pazos, o poeta Delgado Gurriarán e outros moitos, que deste xeito salvaron a vida. Algúns estiveron metidos nun agocho moi ben desimulado que tiña a casa dos Bragança que aínda se pode ver hoxe.

Luís Soto, amigo e compañeiro meu nas lides políticas, tíñame insistido na necesidade de recoñecerlles tanto ao profesor Manuel Barros Gonçalves como ao pobo de Tourém os sacrificios e solidaridade. Recollín o seu mandado e xa hai anos que celebramos un acto de homenaxe a aquel mestre colocando unha placa na casa onde vivira. Agora, o próximo día 15, ás 12:30 horas, promovida pola Fundación Lois Peña Novo dentro das actividades do roteiro “Luís Soto.Vieiros da Memoria”, e coa inestimable colaboración do Alcalde de Calvos de Randín, Aquilino Valencia, celebraremos un acto público co descubrimento dun monumento en homenaxe a aqueles homes e mulleres de Tourém que deron acubillo e protección aos loitadores polas liberdades en 1936.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania