O céntimo sanitario
Otero Canto, Xosé - viernes, 07 de marzo de 2014
Non son os nosos representantes, non o son, nunca o poden ser.
Representante é a persoa que substitúe a outra cando a primeira delega nela para que os quefaceres desa non se vexan mermados pola ausencia tácita nun asunto ou mester, xa sexa de clerecía ou de xograría, e neste caso sería máis de xograría polo seu carácter popular; de aí que o seu mester sexa mesterioso ou misterioso en canto ao céntimo sanitario imposto, porque un representante teu pediría ipso facto a devolución dos cartos cobrados indebidamente por obra e graza dos representantes, -sen ter en conta as directrices europeas que abogaban pola súa inxustiza e a súa inconstitucionalidade-, mais non, estes representantes nosos, xamais nos dirán que o cobrado ad hoc vaise ver restituído verbigracia no famoso aparcamento ou imposto municipal de circulación, non, para iso hai que ter as facturas dende o ano 2002, fíxense vostedes, non valen os apuntes bancarios, e non valen porque nos queren roubar, son os nosos roubadores vestidos de garabata.
E xa que falamos de mesteres, había que darlles cos mestoiros ao largo das costelas, un por cada céntimo, que non é un, nin é sanitario porque parece ser que non ía a tal efecto ( ¡ manda carallo! ).
Señores repres de represores, e sentantes de estar sentados, gústalle a vostedes máis os sextantes romanos porque son da familia dos ases, aínda que os sextantes dos reloxos fan que con seis ou sete aniños sentados podan vostedes ser sentantes xubilosos da súa xubilación que por nosoutros é agora mesmo tan desexada. Váianse. Moitas grazas.

Otero Canto, Xosé
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora