Patente de corso
Cardalda, Theo - jueves, 06 de marzo de 2014
Desde o Preguntoiro
En Bilbao, a presidenta Lagarde do FMI pediu outra volta de parafuso aos cidadáns españois. Son insaciables queren apertarnos máis os sancomiños para contentar aos seus amos europeos (e mundiais) para darlle aos ricos e banqueiros o que lle quitan ao pobo. Están a probar neste país as receitas neoliberais criminais e o peche definitivo ao estado do benestar. Ou sexa todos escravos fronte a uns poucos amos. Tanto noxo deume o ver ao ministro Montoro lamberlle a man a esta señora, que aínda hoxe non sei se o soñei ou estou alucinando,!que vergoña!.
Queren rematar cos pensionistas habendo cotizado toda a súa vida. Pódese dicir máis alto pero non máis claro, intentando facer coa banca para abrir plans de pensións privados para esnaquizar o sistema público, segundo estatísticas, é un negocio de 15 mil millóns de euros para encher o bandullo destes lacazáns da banca. Vostede e máis eu chamámoslle pensións, pero estes galopíns chámanlle capital.
Están a roubarlle o futuro á xuventude e a tranquilidade ao maiores. ¿Por que os mozos non se mobilizan?.En que fallamos os que estivemos na loita pola democracia en anos tebrosos, para que non loiten polo seu futuro.
¿Temos que deixarlle aínda agora todo feito?. ¿Xeración de pacíficos?. Ou de acomodados e que nós os pitoflautas teñamos outra vez que sacarlle as castañas do lume. Non xeneralizo, porque temos a moitos mozos que saben o que está en xogo, pero a maioría están dentro dunha burbulla chea de manipulación que están a cuspir a diario os medios co pan e circo, ao estilo Calígula.
Cun goberno con patente de corso, ata un burro pode gobernar. Aquí é onde falla o sistema, entre outras cousas...

Cardalda, Theo
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora