Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aínda non pasou o Antroido

jueves, 06 de marzo de 2014
AÍNDA NON PASOU O ANTROIDO. PASARÍA DE MODA A CORESMA?

Sospeito que pasado o martes de Carnaval, que ven do latín: carne, vale, o que ensinaron que quere dicir; adeus á carne ou adeus, carne, non se pode dicir aínda que pasase o Antroido ou, mais apropiado, Entroido, que tamén significa entrada, entrada na coresma. Digo que non se pode dicir que pasase, porque nalgúns sitios houbo que pospoñer festexos e noutros, ou para outros, é Antroido todo ano, ata que alguén lles, ou nos, quite as caretas. Ben sei que estas celebracións de saturnais e lupercais veñen de antes do cristianismo, e se non o soubese, con mirar en Wikipedia xa o sabía, pero entre nós viñeron tendo un significado moi relacionado coas prácticas da Igrexa.

Xosé Chao Rego escribiu moi atinadamente nese libriño ó que xa me referín noutras ocasións: “Máis de media ducia de escritores chairegos e o Antroido” que o Antroido e a Coresma son parentes moi próximos, case irmáns. Durante moito tempo, na cultura occidental, moi marcada polo cristianismo, por máis que haxa quen se empeñe en negalo ou non querer recoñecelo, non puideron vivir un sen a outra. Hoxe vai habendo quen celebra moito o Antroido e “pasa “ da Coresma, pero niso non me vou meter, que non é a miña intención neste momento, nin quero levar a ninguén á misa no meu carro contra a súa vontade.

Eu, sen constituírme por iso en modelo, senón relatando as cousas como son, trato de celebrar os dous. O martes no Val de Francos, andei por alí. Houbo moita xente, e algunha desa xente eran novos, outros vellos e outros “entre las dos”. Había bastante xente disfrazada, pero, polo que puiden observar, seguiron sendo xente apracible, culta e con disposición de festexar sen augarlle a festa a ninguén. Tamén estivo o Alcalde, Francisco Balado, que dixo unhas palabras moi ao caso e, sendo como é a máxima autoridade municipal, a súa presenza e as súas palabras prestixiaron os actos. Tamén conto, se Deus me deixa, con celebrar, ou tratar de vivir, o sentido da Coresma, así, o domingo vindeiro, o día nove, teremos en Santa Locaia, a carón de Castro de Rei, o tradicional Vía Crucis, subindo desde a igrexa parroquial uns trescentos cincuenta metros, por diante das súas 14 estacións, ata o gran monumento ó Sagrado Corazón, nun dos lugares máis senlleiros da Terra Chá, o Monte da Escrita, desde o que se divisa unha asombrosa vista da Chaira e das súas lindes. Queremos comezar ás 4 e parece que o tempo vai permitir a camiñata. Esta celebración recuperouse hai uns cantos anos, grazas ó impulso da Asociación de veciños é a implicación da súa directiva.

De maneira que, se o Antroido do Val de Francos é un exemplo de solidariedade entre veciños de tres parroquia, esta celebración do Vía Crucis, tamén é froito do esforzo dos nosos vellos que o erixiron e dos novos que non renegamos do que nos deixaron os vellos tanto no terreo material como no inmaterial. É frecuente que para a lectura das estacións se ofrezan ata 28 persoas, dúas por estación. Estas xentes, estes veciños, estes cristiáns, son fundamentalmente, tanto os que len, coma os que escoitan, rezando todos, das parroquias que nos toca atender a Jesús Muinelo e a min, dez en total; pero tamén veñen de outras e algúns ata son descoñecidos.

Aproveito para invitar a quen teña devoción, aínda que quen queira pode facelo calquera outro día, como tamén ven sendo frecuente desde o ano 1945.

Xa ven que estou a facer publicidade, por que non? Ou, se cadra, estou a ofrecer algo do que temos, grazas a quen nolo legou, sen pedir a cambio máis que a participación. Non se cobra nin entrada nin saída.

Pero, terá sentido a Coresma hoxe, non serán esas historias lerias de
tempos idos? E, pois, por un lado xa ven e por outro que queren que lles diga? A ver, ten sentido hoxe a abstinencia de carne? Igual non, porque case todo estamos a réxime, -aclaro: unha cousa é estar a réxime e outra estar a dieta: comer de réxime soe identificarse con comer pouco, e en cambio comer de dieta é ter dietas para comer, ou sexa: comer a gastos pagados-. Volvo ó rego, case todos estamos a réxime por mor de colesteroles, diabetes, obesidades, etc. Pero algo que nos recorde que estamos nun tempo especial, a quen queremos que sexa especial, non nos ven mal, porque os signos son importantes e moitas veces máis elocuentes ca as palabras.

E o “aiuno”, xaxún? E pois, algún dietistas, endócrinos e entendidos en cousas de nutrición tamén din que xexunar de vez en cando non só non é malo, senón que é bo; pero, se sentir un chisquiño de fame algunha vez me recorda que hai moitos que non deixan de sentir fame ningunha vez e me axuda a ser solidario con quen non ten ningunha culpa de, se cadra, pasar fame por culpa de algún listos que os espolian para que eu me beneficie dese espolio, o mesmo non está tan mal que pase algunha vez algo de fame, ou que lles parece? E se aínda por riba me xuda a mentalizarme, e paso a darlles ademais dun anaco de pan a miña voz, ós que non teñen voz para denunciar a inxustiza, podería ter xeito o xaxún, a que si?

O que xa non terá moito sentido son esas endrómenas de conversións, que sempre se dixo que a Coresma é tempo de conversión. Non. Nos tempos de hoxe paréceme que non hai nin de que arrepentirse nin de que converterse. Non lle lo parece tamén? Polo menos eu non teño nada que cambiar na miña vida. E vostede? Se cadra non hai ninguén por aí e estou falando só.

Que se convirtan os corruptos! pero eu... O caso é que, se me paro a mirar un momentiño para dentro de min mesmo, puidera darse o caso de que descubrise, pero non llo digan a ninguén, que eu tamén son corrupto, ou, se non o son, é porque non se me presentou aínda a ocasión.

Ben, pero polo que non paso é por iso do espírito de sacrificio: Chégame ben cos sacrificios que a vida me depara sen andar inventando outros.

Aceptar os sacrificios, reveses e privacións que veñen sen chamalos xa é abondo, ou non? Pois, paréceme que si, o que pasa é que para aceptalos, igual non me viña mal estar un pouquiño entrenado, porque se estou afeito a non negarme ningún capricho e a moverme só a golpe do que me apetece ou non me apetece, podo atoparme con sorpresas e desesperarme diante de calquera. En fin, vostede, se é que aínda queda alguén por aí tamén pode pensar por si e decidir en consecuencia.

E pintará algo en todo isto a fe en Xesucrito?... Home, ou muller, El parece que xexunou, experimentou fame, preocupouse de compartir pan, entrenou, ou adestrou, denunciou. Igual é que non tiña moito que facer…

Por hoxe retírome que temos que preparar o Vía Crucis e non sei se me toca facer de Cireneo ou se me toca agradecer a outros que me fixeron e me fan tan ben de Cireneos. O que creo ter experimentado, é que cando nos achegamos co corazón molciño a quen sofre, o seu rostro quédanos impreso na alma como quedou o de Xesús na verónica da Verónica. Así, quen sofre séntese máis acompañado e mingua o sufrimento.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES