Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Antroido non iguala; xa desiguala

jueves, 27 de febrero de 2014
ANTROIDO DO VAL DE FRANCOS

O ANTROIDO NON IGUALA. XA DESIGUALA

Unha das opinión máis xeneralizadas sobre o Antroido, Entroido, Entruido ou Carnaval adoita asociar estas celebracións coa transgresión temporal de costumes, leis e valores, con excesos e subversións, con poñer patas arriba, aínda que só sexa por unhas horas, respectos e veneracións, con sacudir xugos e submisión, obediencias e recatos. De aí que se asocie tamén con “desmadres” e que tratasen e traten de poñerlle freo autoridades civís, militares e relixiosas, branco en moitas ocasións das súas críticas máis ou menos mordaces.

Partindo desas premisas e non pasando máis adiante delas, non é estraño que haxa quen se sorprenda de que un cura, -coma min e non son o único- ande mesturado coa organización e festexos do Antroido do Val de Francos, realizado polas parroquias de Ansemar, Balmonte e Goberno, do Concello de Castro de Rei. Tampouco é de estrañar que antes de comezar a pronunciar o meu Pregón do Antroido no Concello de Lugo se me achegase unha dama da cidade, víase que moi boa cidadana e moi cristiana ela e con rostro inquisitorial me dixese:: “Vengo a ver si puede decir algo bueno del pecaminoso carnaval un sacerdote católico”. Eu contesteille: “Pois se a súa conciencia lle permite agardar ata o final e, se non é moita molestia, agradeceríalle que me dese a súa impresión antes de denunciarme ó Obispo”. Denuncia non houbo e a opinión foi bastante mellor cá dos Patoxos de Castro de Rei e a súa asesora legal, cando en Cartas al Director de varios medios me calumniaron por non facer con eles unha excepción dunha primeira comuñón, acusándome tamén de mesturarme co Antroido.

Lémbroo como pago á súa alegría porque eu tivese que sufrir a operación de gorxa.

Pois vou ó caso de que sen bendicir desmadres, procacidades ou sinais de moi mal gusto que tamén se dan, a miña experiencia e o meu xuízo, -no contacto, participación e mesmo impulso deste Antoido do Val de Francos que arrinca do ano 1.992 nesta nova versión, en que comezou a celebrase conxuntamente entre as tres parroquias citadas, como xa contei na miña colaboración en Galicia Dixital do xoves pasado- é a de que estas celebracións veñen sendo motivo de colaboración veciñal saltando lindes parroquias a veces atafegante. Son estímulo de creatividade, de enxeño e de bo humor. Son, como debe ser toda verdadeira festa, un mirar con gratitude as tradicións do pasado, un vivir con ilusión o presente e un proxectarse con esperanza cara o futuro.

Procurando manter e mellorar a tradición herdada, seguimos conservando como momento importante o Sermón e a queima do boneco que representa ó Antroido, que á súa vez representa a algún personaxe destacado durante o ano polas súas falcatruadas. Claro que para que todos os falcatrueiros poidan estar debidamente representados, habería que queimar un antroido cada semana. E agora mesmo estou caendo na conta de que haberá que pensar en incorporar polo menos o corenta por cento legal de antroidas. Ó Sermón e á queima engadimos o Xuízo, que non é o mesmo ca o Testamento doutras bisbarras.

O Sermón, aínda que a comparanza poida parecer a primeira vista irreverente, vén a ser unha especia de revisión de vida colectiva co: ver, xulgar e actuar, xa que se relatan feitos, apúntanse causas e propóñense pautas de solución, pasando pola queima purificadora do Antroido, “culpable” de tantos males. En ningún momento se dixo que o Antroido puidese encarnar a Merkel, Obana, Putin… ou á viceversa.

Ese certo aire “transgresor” destas celebracións tamén dá lugar a que, grazas a Deus, e pasando por riba de loitos esterilizantes e mal entendidos, se deixen ver polo campo da festa ou, mellor dito, pola gran carpa, viúvas, viúvos, vellos, e impedidos que non acostuman a asistir a outras festas e nalgúns caso nin a saír da casa en todo o ano máis que para acudir ós médicos. Xa non se trata só de que o pasen ben alí, senón de que teñen tema de conversación para ben tempo.

Quixera pararme un chisquiño nos sermóns. Temos unha boa colección deles, -algúns publicados no libriño “Máis de media ducia de escritores chairegos e o Antroido”.- Un dos que temos e que aparece alí é do ano 1902. Son compostos por veciños e veciñas da contorna e ditos, “predicados”, tamén por persoas do lugar. Vou transcribir algo do que a este respecto xa dixen no Prólogo do libriño citado:

“Algún erudito terá tema de estudo sobre a cuestión de cómo uns homes e mulleres que malamente sabían escribir, si sabían (e saben) manexar a palabra oral e expresarse moi ben con ironía, retranca, picardía, con crítica atinada firme no fondo e atenuada na forma, con ridiculizacións de falsos, (por desleigados) progresismos, con consellos, arte para cadrar os versos, capacidade para serpentear por entre os atrancos das censuras. Dá que pensar como Laxe de Loentia, Elías da Concha, Salvador de Aguiar, etc. son (eran daquela no 1.992) capaces de repetir de memoria ata trinta e tres estrofas contadas por min. Hoxe o principal artífice de sermóns é Edelmiro García que cos seus máis de oitenta anos, amarrados á máquina do osíxeno, ó longo do ano está atento a canto, de máis preto ou de máis lonxe, poida ser obxecto do sermón. Quen sabe se non o propoñerán algún día para as Letras Galegas? …Sabe, sabe e máis ben…

Habería moito máis que dicir, pero é preciso ir pechando. Quero, non obstante, dicir que quen asocia rural con incultura e cidadán con cultura, sofre unha grave carencia: non coñece o rural e pensa coma os frades que fixeron ringleiras e ringleiras de relacións de pecados bramando contra o mundo exterior sen saberen del nada máis ca o que pode verse por unha lumieira aberta cara arriba e non cara o chan e imaxinando o resto. Tamén quero dicir que todo isto non se fai sen esforzo. Destacan nese esforzo os de Casade Valente: José Luís e Ana, sen seren o únicos. Pero, coma sempre, no antroido ou fóra del, os cidadáns divídense nestes poucos grupos: Os que poden e queren colabora e colaboran. Os que poden e non queren. Algúns que queren e non poden. E os mal nacidos-comenencias, que só sacan as mans dos petos para os pinchos, ós que nunca faltan, pero sen aportaren nunca nada positivo. Estes para xustificárense e tratar de poñer a todos e todas á súa mesma altura, están sempre moi ocupados en criticar, despelexar e poñer atrancos. ¡Pobre máscaras que ós dez minutos xa están descubertas!

E aínda outra consideración: O Antroido era a festa que tradicionalmente tiña unha fonda tendencia igualitaria. Tiña, porque, fagocitado polo consumismo imperante, xa se infiltrou nel a competitividade que se demostra en mercar o disfraz máis caro e vistoso, aínda que para iso haxa que comezar a coresma co seu xaxún e abstinencia mesmo antes de acabar de pagar as débedas das navidades.

Cando é Antoido, propicio para disfraces, os días de Carnaval, ou o resto do ano? Tamén se celebra nos Congresos con debates sobre os estado da nación, das autonomías e desas cousas?
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES