Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Anti-U.E.

jueves, 27 de febrero de 2014
Non é de estrañar o incremento dos euroescépticos de todo signo ante unha UE que sacrifica os seus fundamentos mais elementais, impasible, cando non cómplice, do desprazamento e submisión dos poderes públicos a favor de entidades totalmente incontroladas. O temor era que os estados perderan soberanía ao transferir as súas competencias a unha Unión reforzada, pero non semella selo a abdicación absoluta, a capitulación en toda regra, fronte o mundo das finanzas e os mercados non regulamentados.

Dende o estoupido da crise asistimos a un sismo que gangrena os sistemas democráticos. Primeiro, certo, pola corrupción, que acada niveis mafiosos, dunha dexeneración de magnitudes vergoñentas, desenvolvéndose en paralelo ao aumento exponencial das desigualdades. Pero segundo, pola dilapidación do papel dos poderes públicos, incluíndo os parlamentos elixidos polos cidadáns e reducidos á condición de meros mediadores e lexitimadores do atraco.

Nesta Europa, constitucións e parlamentos se sacrifican para satisfacer as troikas, permitindo que os ben pagados señoritos do FMI mesmo critiquen a xuíces por ditar sentenzas que non son do seu agrado ou ata que os comisarios de Bruxelas reprendan a tribunais constitucionais que anulan reformas que claramente atentan contra dereitos humanos básicos. En Italia levan estreado xa varios gobernos sen eleccións. E estas van camiño de converterse en “riscos” para a estabilidade ou “freos” para as reformas. Esta UE sucumbiu ante o poder dos lobbies e do mundo dos negocios. Bruxelas non ten vontade algunha de controlar nin o comercio nin as finanzas transnacionais, renunciando a poñelas ao servizo do ben común.

Fronte á transparencia que reclaman a terceiros, agora avógase polo segredo. Bo exemplo son esas negociacións para a Asociación Transatlántica en materia de comercio e investimentos. Expertos dunha e doutra beira que reclaman liberdade absoluta ás multinacionais para pasar por alto ata as regras mais elementais que protexen aos cidadáns en materia de saúde ou ambiente, sen o mais básico control democrático. Nada de normas, nada de interferencias públicas, todo iso son molestias, barreiras que impiden o progreso. Todo en aras dunha produtividade que sacrifica o benestar das persoas. Todo en aras dunha estabilidade que reprime e desnaturaliza a representatividade. Todo en nome dun progreso que enriquece a unha minoría e empobrece a inmensa maioría. Esta é a UE na que estamos, unha UE que pouco ten a ver sequera co ideario dos seus fundadores, unha UE presa dun sistema cada vez menos democrático. ¿Quen pode ser entusiasta desta UE?

(Xulio Ríos é Director do Igadi)
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES