Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O bebé de Alison

miércoles, 26 de febrero de 2014
Hai unhas semanas descubrín a historia de superación de Alison Lapper. Unha muller que naceu sen brazos e coas pernas atrofiadas froito da focomelia provocada nos anos 60 pola talidomida. Alison é unha pintora que sempre loitou pola súa autodeterminación pero fíxoo aceptando o seu propio corpo, sen axudas de próteses que moitas veces requiren unha adaptación moi dolorosa.

A súa vida foi unha continua busca de autonomía e liberdade que lle leva, como tantos outros, a buscar xeitos de facer para ser o máis autónoma posible. Nun documental que se pode ver en youtube, poñendo “el bebé de Alison” podemos ver cómo se manexa na súa vida diaria para satisfacer tanto as súas necesidades como os compromisos cos demais.

A polémica xurdiu na vida de Alison cando ela, ao quedarse embarazada, manifesta o desexo de ser nai. Non contaba co apoio do pai e para moitos era unha auténtica toleada que intentara criar ao neno nesas condicións. Non en tanto, Alison contaba co seu traballo de pintora e sobre todo coa súa vontade. Por iso, coa axuda da súa asistente persoal, acomete a crianza do seu fillo Parys, que hoxe xa conta con quince anos. O que para moitos era loucura para ela foi un soño que día a día fixo realidade.

No documental pódese ver a consciencia de Alison fronte o embarazo e posteriormente unha busca de técnicas que lle permitiran satisfacer as necesidades do bebé sen mancalo ou poñelo en risco. En todo momento, vemos unha nai entregada á crianza do seu fillo, entregándose tamén á conquista do espazo vital que lles corresponde a ambos.

Esta historia de superación mereceu unha homenaxe que consistiu nunha escultura representando a Alison nos últimos meses de xestación. Esta escultura estivo presente en Trafalgar Square do ano 2005 ao 2007 e unha réplica da mesma foi exposta na Cerimonia de Apertura dos Xogos Paralímpicos do 2012. Cómpre dicir que a obra foi obxecto de críticas por parte de diversas persoas e colectivos pero, como a mesma Alison di, a Venus de Milo tampouco ten brazos e ninguén se queixa.

Alison Lapper é unha muller que nos amosa que se pode ir máis alá do establecido á procura da felicidade e que ningunha diversidade funcional é tan forte como para anular a capacidade de criar un neno ás beiras da ledicia. Unha historia que nos invita a repensarnos e volver a procurar o xeito de rachar os nosos propios límites.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES