Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Mostra de Viveiro

martes, 25 de febrero de 2014
Ao longo do ano, Viveiro da moitas “mostras” de ser unha pequena cidade, un pobo diferente. E esas mostras poden notala os que pisan a diario as súas rúas, os que pasan de largo ou se paran nunha visita turística, e mesmo os que só imos a Viveiro de cando en cando, porque sentimos unha especial chamada en determinadas circunstancias.

Chamoume a atención un titular de La Voz de Galicia (17.1.14,pax.30), que proclamaba “LA SEMANA SANTA DE FERROL GANA CACHÉ. Entra en el club de las celebraciones de interés turístico internacional, como Sevilla, Málaga o Viveiro”. Neste titular resúmense séculos de historia e décadas de traballo e esforzos das xentes de Viveiro porque as súas celebracións de Semana Santa desborden de participación, de entusiasmo, e chamen a Viveiro a milleiros de persoas que veñen participar dun clima especial, dunha atmósfera única, dunhas celebracións con tradición de séculos e coa forza e o entusiasmo da primeira mocidade. Esta sería a “mostra” máis ostensible da “diferencia “ de Viveiro en relación coas súas iguais, pero hai moitas outras.

A “mostra” que a min máis me motiva leva precisamente ese nome – Mostra folclórica internacional – e cada primeira semana de agosto fai que Viveiro se convirta na capital da cultura tradicional dunha comarca tan grande como as nosas querencias, as nosas ilusións, as nosas devocións. Coido que das trinta e cinco mostras celebradas levo presentadas trinta e tres, e non quixera morrer profesionalmente sen redondear algo esa cifra, sempre que as forzas me permitan subir cunhas facultades mínimas ao maxestuoso escenario da praza Pastor Díaz.

Na mostra XXXV, celebrada o pasado agosto, despedimos o magno espectáculo coa dúbida da continuidade –esta maldita crise que nos abafa- non por falta de entusiasmo e ilusión da organización (aínda que hai moita xente traballando permitídeme que eu chame “organización” a Maricarmen Chipe) senón porque ese elemento imprescindible que é a financiación cada vez é máis escasa e chega máis tarde.

O semanario HERALDO DE VIVERO (9-8-2013), co título de “CUATRO DÍAS DE ABARROTE DE LA PLAZA EN LA MOSTRA”, en crónica de loubanzas á Mostra, destacada que o presentador “dejó en el aire... el envite para instituciones y organismos que tiene un compromiso con la cultura y con lo popular, para que la Mostra vuelva brillar en agosto del año que viene, como lo ha venido haciendo en sus 35 ediciones celebradas”.

Xa que entón deixei no aire o tema da celebración, para que pensaran nela os representantes das institucions chamadas a colaborar, agora falo e digo que agardo que Viveiro siga a ter no seu calendario vital –sei que a vai ter – esta extraordinaria celebración que se honra a unha entidade cultural como Bágoas da Terra, prestixia á cidade de Viveiro e leva o seu nome polo mundo enteiro.

Non é doado seguir mantendo o tipo cunha celebración coma esta, e cidades coma Cádiz viron desaparecer –quizais para non volver recuperala- unha Mostra que levou décadas conseguir. Viveiro non perderá a súa Mostra, porque posúe todos os elementos imprescindibles para a súa celebración.

Ten a “materia prima” dos rapaces, das rapazas, dos nenos e dos maiores, de Bágoas da Terra, que constitúen unha forza imparable na defensa da cultura, da tradición e de Viveiro. Ten un equipo de xente entusiasta – moza, sexa cal fose a súa idade- capitaneado por Maricarmen López Gómez, que garante a súa pervivencia e potenciación. E ten un público incrible que enche a Praza Pastor Díaz día tras día, choiva ou faga sol, entusiasmándose por todo o que alí pode contemplarse.

O resto –apoio económico, moral, institucional- corresponde aos organismos competentes na materia: Concello, Deputación, Xunta de Galicia... A maior responsabilidade correspóndelle ao concello para axudar e para facer que as outras institucións apoien. E sabendo como funcionan estas cousas, que fai falla que os políticos teñan coñecemento directo, non esquezamos que a nova alcaldesa xa pisou o escenario da Mostra o pasado ano, sustituíndo ao alcalde, e a Vicepresidenta da Deputación teno pisado, ademáis de cómo política, como profesora de danza dirixindo grupos que actuaron en anteriores celebracións.

Eu quero crer, e creo; confío e teño a seguridade de que a Mostra de Viveiro vai seguir coa forza de sempre, co entusiasmo que lle é propio á organización, e co apoio –tamén entusiasta- das institucións.

Agardo, deste xeito, ter asegurado o meu posto de traballo nos próximos anos. Que aí está a diferencia vital que máis me emociona: un pode estar xubilado, pero retirado nunca. Se a Mostra desaparece, para min sería o retiro. E eu necesito a vitalidade da Mostra, a presencia da xente de Viveiro, a amizade de Bágoas, o entusiasmo e a entrega de Maricarmen, para saberme útil e vivo.

Que a Mostra tamén é iso: Sinal de vida –de cultura, de tradición, de forza, de entusiasmo- dun pobo especial que se fai escoitar e querer.

Por sempre, Viveiro e a súa Mostra Folclórica Internacional!.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES