O dereito á educación
Vaamonde, Pablo - lunes, 24 de febrero de 2014
Nacín nunha casa sen libros. Os meus avós eran analfabetos funcionais. A escola pública foi para mín un territorio liberador, que me permitíu acceder á cultura e á formación. Naqueles escuros anos setenta o ensino público facilitou que moitos rapaces do rural tivésemos un destino distinto ao dos pais, lonxe da estada e da emigración.
Coñezo de primeira man a importancia da educación como factor de equidade e integración.
Os poderes públicos teñen a obriga de manter e mellorar o sistema público como elemento clave do Estado de benestar. Mais non é así. Os actuais gobernantes aplican con insania as súas políticas de recortes sobre os centros públicos mentres o ensino concertado tivo un incremento dun 30% de fondos nos últimos cinco anos. Asistimos a unha radical ruptura do pacto social que potenciou a emenxencia e o desenvolvemento dos servizos públicos de cobertura universal. Hoxe vemos como, desde propio poder, están a executar o seu desmantelamento.
A editorial Laiovento (dirixida polo meu amigo Francisco Pillado) editou hai pouco un libro excelente -Educación: dereito ou mercadoría-, coordinado pola pedagoga Mariló Candedo, no que os autores fan un repaso das diferentes medidas adoptadas polos gobernos central e autonómico, que están a provocar unha auténtica contrarreforma educativa, que nos conduce a tempos pretéritos, que xa criamos superados. Estamos diante dun cambio de modelo, afirma Mariló Candedo, que utiliza a crise económica como coartada perfecta para colocar verdadeiras cargas de profundidade nun modelo educativo que conseguiu logros indiscutibles en termos de igualdade de oportunidades e equidade social.
A estratexia aplicada é a mesma que na sanidade: recortar, desprestixiar e privatizar. Ese é o modus operandi das políticas neocon que aplican os actuais gobernantes. As medidas adoptadas, tal como se relata no libro, seguen os ditados de organismos, como o BCE e o FMI, que posúen o control a escala internacional. Mais introducen dous elementos diferenciais: a forte presenza da Igrexa, que ve aumentados os seus privilexios, e a orientación recentralizadora, dacordo co seu modelo de Estado, que pretende reducir o papel das autonomías.
O ministro Wert impón con soberbia a súa lei sen propiciar acordos cos outros partidos, e coa oposición frontal da comunidade educativa. O discurso oficial centra o seu foco nas deficiencias do sistema: o fracaso escolar, o abandono precoz, a escaseza de alumnado excelente, a sobretitulación, os baixos resultados no informe PISA, a falta de competencia en linguas estranxeiras. Non se reflexiona sobre a educacion que se precisa para enfrontar os retos do século XXI, mais usan este argumentario para recortar de forma drástica os orzamentos e substraer á educación pública recursos materiais e humanos de xeito radical. Están a executar unha auténtica contrarreforma educativa que nos devolve aos tempos da desigualdade, cando os fillos dos pobres sabían que nunca chegarían á Universidade, pois o seu destino estaba escrito no código xenético, tal como afirmaba Rajoy de mozo, cando se manifestaba como un entusiasta defensor da desigualdade natural dos seres humanos.
PD: A Alianza Social Galega convocou mobilizacións en toda Galicia o día 27 de febreiro, para esixir o cese dos recortes e reclamar outras políticas para saír da crise, que non castiguen máis á cidadanía e os traballadores.
http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

Vaamonde, Pablo
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora