Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Antroido: Algunhas reflexións

jueves, 20 de febrero de 2014
ALGUNHAS REFLEXIÓNS SOBRE O ANTROIDO

Estase achegando o Antroido, ou mellor dito, o máis Antroido aínda, ou o Antroido propiamente dito. Digo iso porque agora co Arde Lucus, as Feiras Medievais, Cabalgatas e regalos de Reis, capirotes de Confrarías, traxes de Primeira Comuñon, uniformes civís, militares e relixiosos, etc., pasamos máis de medio ano, ou de media vida, disfrazados por fóra e non está libre de que as xeracións máis novas, e algúns das máis vellas, xa non saiban distinguir moi ben entre o Antroido, propiamente dito, e outros eventos. Dos disfraces que cada un levamos por dentro, será mellor non falar por aquelo do respecto á intimidade persoal, protexida, polo que se le e non polo que se ve, pola Constitución vixente. Vixente polo que algúns din e case ninguén cre.

Conforme ao encabezamento deste artigo, pretendo aportar algunhas reflexións sobre o Antroido, pero, de acordo co sentido máis profundo das antroidadas de que somos víctimas, eu cobrarei e outros faranme o traballo, ou, sendo máis precisos, daranmo feito sen cobraren dereitos de autor.

Citareinos, iso si, que o cortés non quita o raspiñeiro nin a apropiación indebida de ideas alleas, cousa que, polo que din, lévase moito entre escritores.

Ben sei -aínda que eu non os coñeza, pero para dar a impresión de que si- que hai feitos e publicados estudos moi serios sobre o Antroido ou o Carnaval a nivel do mundo enteiro, pero quizabes non teñamos que ir buscar a fóra o que temos na casa, pois aló polo ano 1983 a Asociación Cultural Val de Francos, promotora do Antroido que leva este mesmo nome, no Concello de Castro de Rei, editou o libro do que eu mesmo –aquí onde non me vedes- fun coordinador. Titulábase: “Máis de media ducia de escritores chairegos e o Antroido”. Nel varios dos pensadores e escritores da Terra Cha verten as súas reflexións sobre os significados deste “personaxe” e dos festexos a que dá lugar. Tamén inclúe sermóns feitos ao longos dos anos por xentes sen moitos estudos, que non se defendía gran cousa na linguaxe escrita, pero que, non obstante manexaba a palabra cunha serie de rexistros asombrosa. E para dignificar aínda máis este libro, as ilustracións son do gran artista Xosé Vizoso.

Aí van, xa que logo, entrecollidas para este momento, algunhas das aportacións dos escritores que colaboraron, acompañadas do noso agradecemento. Isto de que eu entrecolla pola miña conta, sacando de contexto uns textos, é un risco –máis para os entrecollidos que para o entrecolledor- porque me é doado facerlles dicir só o que a min me gusta máis, que, se cadra, non é o que lles gusta máis a quen escribiron, o que non deixa de ser outro xeito de disfrazarse vestíndose con plumas alleas, asignatura que debe ocupar moitas horas nas escolas de periodismo amarelo, negro ou mesmo branco. Os autores que escribiron para eso libro son: D. José Trapero Pardo, Xosé Chao Rego, Margarita Ledo Andión, Xulio Xiz Ramil, Bernardo García Cendán, Marica Campo Domínguez, Darío Xoán Cabana e Manuel María, pero este, o Patriarca, mandou unha peciña de teatro sen reflexión persoais. Debo pedir perdón, porque nese libro a presencia de mulleres escritoras non chega ao mínimo do corenta por cento que lles dimos –dimos ou demos?- de participación política conforme á “Ley Orgánica 3/2007” Cantísima xenerosidade! Moi agradecidísimas nos teñen que estar! Nunca a obriga nos dan pagado por concesión tan xenerosa!

Ben, pois imos ao prometido que o tempo vai pasando. Empezamos:
D. José Trapero Pardo:
“O Antroido, feito con dignidade, tén dado lugar á conxunción de arte, poesía, tradición e paixón”. Pero tamén recoñecía D. José que: “Hai quen se vale do Antroido para facer ruindades e non pequenas”. (Este D. José debía estar algo desfasado, mira que falar de ruindades –un concepto moral- en pleno século XXI?. A quen se lle ocorre!)

Xosé Chao Rego:
“O Antroido consiste nun exceso, nunha rebeldía contra o xeito habitual de vida normal demasiado regulamentada polas normas. O pobo revírase contra o xeito habitual de vida do resto do ano e pón o mundo ó revés. Pero de remate o Antroido acaba ensinando que, se o exceso fose continuo, o mundo non se sostería”. (A ver se vai ser o Antroido o santo patrón do movemento 15m ou dos indignados)

Margarita Ledo Andión:
“Pensar as cousas como as cousas non son, como nos gustaría que chegasen a se producir tén a súa orixe no tempo de lecer, e o lecer deu orixe á festa. E entre a festa, a que mellor nos fala das nosas capacidades de transformación é a festa de Antroido”. (Iso de pensar as cousas como as cousas non son terá algo que ver cos brotes verdes da Señora Salgado ou do Señor de Guindos ou do Monto-ro, que xa non sei quen monta máis?)

Xulio Xiz Ramil:
“En toda Galicia o Antroido é a festa máis popular, máis sincera, máis rebelde e independente. É a festa que a todos iguala, que a todos rebaixa ou a todos ensalza, a festa que nos ispe por máis que nos vistamos, a festa que amosa o que verdadeiramente levamos dentro do peito”. (Se o Antroido é a festa que a todos iguala debería ser a única Festa Nacional, ou non? Ben se deita -dirían na Xunta: Bien se acuesta- de que nos quede algo de independencia. Non sei por que non lles chega aos cataláns...)

Bernardo García Cendán:
“O Antroido é a festa da risa. Rirse dun mesmo é sano. É como sacar a máscara que nos fai levar a sociedade da vida diaria. Rirse un pouco das “cousas serias” tamén é sano, non para burlarse de todo, pero si para recordar que non todo é tan “serio” como quixeron facernos ver os que disfrutan dos privilexios que lles dá a sociedade”. (Cando escribiu esto Bernardo aínda non había que pagar o 21 por cento de IVE por rirse. Calquera se ri hoxe. Estache boa! -dirían na Xunta: Te está buena- E que conste que non o din por ningunha secretaria. Sería machismo!)

Marica Campo Domínguez:
“Os días de Antroido son os de darlle voltas a todo. A consigna é crebar a orde establecida. El é o señor do transformismo e da impostura, o bandullán que engulipa cacheiras e chourizos, o larpeiro de filloas, orellas e roscas, o contador de troulas por unha boca mentireira que bota bafaradas de augardente e viño”. (E tamén é o señor dos regalos de cabritos, troitas e coellos e dos sobres mensuais con 3.500 euros e dos rólex e outras trapalladas de 20.000 euros. Vamos, digo eu...Píllame esa mosca polo rabo –dirían na Xunta: Píjame esa mosca por la cola!)

Darío Xoán Cabana. Facendo memoria dun Antroido vivido na súa nenez en Roás, a súa parroquia natal, destaca a capacidade de crear foliada e festa das xentes do rural, pero constata como tamén esto vai cambiando. (E que o digas, amigo Darío. Madia leva a cambiar! -dirían na Xunta: Madia lleva a cambiar!- Agora xa non se sabe facer festa. Todo se reduce a pagar espectáculo ou a darlle ao botellón)

Pola miña parte, entendo que, se as celebracións do Antroido se mantiveron a pesares dos atrancos que lles puxeron en anos aínda non tan lonxanos as autoridades civís e relixiosas, é porque teñen un fondo arraigo popular e a ese arraigo acompáñano uns valores entre os que penso que están o estimular o sentido festivo de base, a unión entre veciños á hora de organizar festexos e de crear comparsas, aguzar o inxenio e a creatividade, e, mesmo, o feito de queimar o boneco que representa ó Antroido, despois de atribuírlle en sermóns e xuízos a maioría dos males próximos e remotos, tén un certo carácter de purificación.

Certamente que non serei eu quen bendiga, (ou diga ben), de desmadres, procacidades, desenfreos ou falcatruadas feitas desde detrás do escudo dunha careta; pero para todas esas “carnavaladas” non fai falla agardar ó Antroido, que as sufrimos cada día desde televisións e parlamentos e desde detrás de títulos moi pomposos. (Xa me parecía a min que o cura tiña que rematar co seu sermón. Se se estivese calado resultaría o artigo máis xeitosiño –dirían na Xunta: Que significará jeitosito?).
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES