Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Contos de avós

miércoles, 19 de febrero de 2014
Cantaba Miguel Enríquez nun recopilatorio da Nova Canción Galega “Contos de avós”. Ao escoitar esta canción, a un entráballe unha mestura de saudade e orgullo por ser o portador dunha infancia chea de contos e xogos de avós que agora deriva na responsabilidade de manter e transmitir a memoria.

Do meu avó Antonio, gardo moitos contos que aínda hoxe me fan lembrar o seu riso e a súa retranca inesgotable. Cos contos do meu avó, podías cruzar calquera noite de inverno ou facer insomne unha sesta de verán. Pero, o mellor era cando se xuntaba co seu curmán nas festas de Vilaxuste; entón, esquecías a sesta nunha tarde longa de café (quizais con unhas pingas) e empezaba unha regueifa de contos entre os dous nos que saían á luz personaxes que non morreran na memoria do pobo como A María das Festas, que seica non perdía unha e era a que máis chamaba a atención; pero, un día, morreu. E como non tiña un can fixéronlle unha caixa de varas e metéronlle xestas para acolchala. Camiño do cemiterio houbo quen se laiou dicindo “ Ai, María das Festas, váiseche vendo o cu entre as xestas!”...

“Contos, contos e máis contos” que diría o meu querido Magín. O caso é que eses contos me axudaron a vogar os mares da infancia e da adolescencia da man dos meus avós e fican en min como un patrimonio inexpugnable que me axuda a camiñar polo mundo cunha identidade propia.

Os contos son as historias dos antergos eternizadas en risos do noso tempo. Créanse co transcurso da vida e forman parte do camiño que contamos en pretéritos nostálxicos. Cada vez que perdemos un conto, perdémonos un pouco a nós mesmos como se renunciaramos, sen querer, a ese recuncho de ledicia que viña no colo dos avós. Cada vez que rescatamos da memoria un conto volve a presenza dese colo que un día nos fixo felices e nos ensinou preguntándonos os camiños da picardía.

Somos memoria viva e compre inmortalizala en papel para legar o mesmo patrimonio que nos legaron. Esta é unha obriga moral porque na transmisión de dito legado dámoslle aos nosos devanceiros o tesouro do que somos portadores e que vale a pena seguir transmitindo. Moitas veces asústame aquela reflexión que facía Fuxan os ventos de que con cada vello morre un tesouro oral. Os contos de avós dótannos dunha historia con sabor a terra e con xestos e voces que nunca esqueceremos. Isto non pode quedar nun recordo persoal, ten que ser transmitido e recreado en diversos espazos culturais.

Quizais, un día, tamén nós seremos avós e non podemos negarlle aos nosos netos o pracer de durmir na quentura dun conto.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES