Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'A beleza feriume para sempre' (1)

miércoles, 19 de febrero de 2014
O HOME DIAZ CASTRO


Xosé Manuel María Díaz Castro nace no barrio de O Vilariño, na parroquia de San Vicenzo de Os Vilares, no Concello de Guitiriz, ás oito da mañá do dezanove de febreiro de 1914. Era fillo do matrimonio formado por Isidro Díaz Calvo e María Manuela Castro López, que tiveron, ademais de Xosé María, outros tres fillos: Antonio, María e Serafín. As primeiras letras aprendeunas no Buriz, na escola de dona Clotilde. Na súa parroquia nativa, a partir de 1922, terá coma mestre a Manuel Cordeiro.

En 1929 ingresa no Seminario de Mondoñedo onde cursa, con gran aproveitamento, tres anos de Latín e Humanidades, tres anos de Filosofía e dous de Teoloxía. En 1936 deixa o Seminario para incorporarse ó exercito, sendo alistado en Sanidade Militar na Coruña. Estivo na fronte en Asturias nun posto de socorro, acabando no Hospital Provincial de Pontevedra onde estivo dous anos e medio. En 1939, unha vez rematada a guerra, estará aínda uns meses no Seminario, que abandonará definitivamente a comezos de 1940.

Estando no Seminario publica os seus primeiros versos, sendo Aquilino Iglesia Alvariño –tamén alumno do Seminario- o seu mentor e, segundo me manifestou, dirixe unha revista escolar manuscrita:

“Alí foi onde aprendín a escribir en versos e empecei a publicar. Lémbrome ben que, na miña época de estadía en Mondoñedo, dirixín tamén unha revista absolutamente manuscrita, feita toda por estudiantes”

Durante a súa estadía no Seminario mindoniense escribe os cadernos de poesía Follas verdes e Follas ó aire. Algúns dos poemas incluídos nestes cadernos verán a luz no libro Nimbos, o único libro que publicou.

Unha vez que deixa o Seminario, vai dar clases ó Colexio León XIII de Vilagarcía de Arousa, onde está Aquilino Iglesia Alvariño con quen coincidira no Seminario de Santa Catarina de Mondoñedo. Alí bota sete anos. En 1948, despois de licenciarse en Filosofía e Letras, vai para Madrid, onde imparte clases e exerce de tradutor en diversos Ministerios ata a súa xubilación. O dez de agosto de 1954 casa, en Villarreal de Urretxu, con María Teresa Zubizarreta Bengoetxea, coa que ten tres fillos. En 1973, foi nomeado membro “correspondente” da Real Academia Galega. Non podía ser membro numerario por vivir en Madrid. Isto mesmo lle ocurriu a outros escritores coma Xosé Ramón Fernández Ojea, máis coñecido por Ben Cho Shey.

A súa muller finou o dezanove de outubro de 1988 e Díaz Castro regresa ó seu Guitiriz nativo e alí pasa os derradeiros anos da súa vida. Antes da súa morte visita o Seminario de Mondoñedo onde tiven a sorte de estar con el e facerlle varias fotografías.

“Chega o outono. (...) Oubea o vento”, escribiu Díaz Castro. E chegou o outono e e oubeu o vento tan forte que, o dous de outubro 1990 no Hospital Xeral de Lugo, unha póla (Xosé María Díaz Castro) da árbore da chamada Escola Poética do Seminario de Mondoñedo esgazou e veuse abaixo cando os ventos levaban as primeiras follas amarelas. Esa póla fora ferida uns anos antes –como el nos dixera- por un “infarctus myocardii”.

Díaz Castro só publicou un libro de poemas: Nimbos. Ten colaborado en diversas revistas e libros colectivos. Sobre o título do libro díxonos:

“Moitos, incluso críticos, creron que Nimbos significaban esas nubes cargadas de auga, que anuncian choiva. Nimbos é o nimbo dos santos, a aureola que rodea a cabeza dos santos, unha aureola de gloria. E coma unha aureola que lles poñemos ás cousas para facelas resaltar máis”.

A pesar do éxito da crítica que tivo o libro Nimbos, Xosé María Díaz Castro só publicou poemas soltos en diversas revistas, entre elas Amencer, a revista do Seminario de Mondoñedo. Isto foi, segundo nos dixo porque:

“Desde hai bastantes anos son autocrítico, e non me gusta publicar cousas que eu non vexa que teñen a altura suficiente para levalas á imprenta. Isto influíu, o ser esixente comigo mesmo”.

De todos os xeitos, aínda que, como queda dito, só publicou o libro Nimbos e algúns poemas en xornais e revistas, cómpre dicir que estamos ante un dos mellores poetas galegos e así é recoñecido polos críticos literarios e polos estudiosos.

* * * * * *
“I as falopas dos anos van caendo
sobra sede inmortal i os ollos tristes,
pro no enterran a boca da ferida!
A beleza feriume para sempre”.
(De Nimbos)


Si. Caeron as falopas dos anos. A póla esgazou e a “Beleza”, a eterna e suprema “Beleza”, feriu a Xosé María Díaz Castro para sempre e e levouno onda El para que alí poida fartar a súa sede de Luz.
Villares Mouteira, Félix
Villares Mouteira, Félix


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES