Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Famentos, habelos hainos

lunes, 17 de febrero de 2014
Certas escenas vense mellor de noite ca de día. Nunha delas era algo así como un par de zapatos, que de vez en cando se movían case agachados baixo a tapa entreaberta dun dos colectores de lixo da rúa. Achegueime algo a esa visión nocturna, mentres alá enriba, indiferente ás miserias da terra e namorada de si mesma, unha estrela fugaz facía un risco no ceo.

Batinlle suavemente coa man nos pés e dediqueille -algo alto para que me oíse desde o interior do colector- un saúdo de irmán (“coma un irmau che falo”, diría Celso Emilio Ferreiro). O mozo, ó que aqueles vellos zapatos pertencían, deixou por un intre de rebuscar guiándose só polo tacto no colector. Ergueuse sorprendido, pois non esperaba que un descoñecido o saudase a esas horas en semellante tarefa. “Que tal? Atopaches algo?”, ocorréuseme dicirlle.

Agasalloume cun comezo de sorriso, a pesar de ter a face enfraquecida e alterada, e díxome algo, en castelán (claro!) por aquilo de non querer aparecer aínda máis pobre e miserable do que era. Como lle resistín amabelmente falándolle en galego, pouco tardou en volver ó seu galego propio. Algo xa reposto do inesperado encontro, volveu ó seu traballo. Tiña présa antes de que viñese o camión do lixo. Ó pouco ergueuse de novo: “Mira o que atopei, apalpa aquí. Mañá poderei comer ben”. Non se vía moito, pero era unha boa peza alongada de pescada conxelada. Noutro día en que o volvín ver, amosoume tamén uns filetes de carne que podería aproveitar.

Comentoume, días despois, que encontrara ademais unha máquina de coser antiga, daquelas de darlle co pé, e que ó mellor a podía vender. Outro día, rebuscando ó meu lado, atopou unha boa cámara de fotos que funcionaba de marabilla. Quería agasallarme con ela. Como case sempre ocorre, das frangullas que caen da mesa dos ricos comen os cans e certas persoas.

Nestes momentos a tele estaríalles ofrecendo ós teleadictos mundos de fantasía. Non está mal, mais a realidade hai que albiscala algunha vez tamén de noite. Faríalles moito ben á xente normal de a pé, mais tamén e sobre todo a aqueles dos que se dedican á función pública e se converten en corruptos.

Que o demo me leve (como diría Curros) se non ficaban vacinados, alomenos para algunha tempada, contra as tentacións de aproveitarse dos cartos dos demais.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES