Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vivir é un acto heroico

miércoles, 12 de febrero de 2014
A min pasoume coma ó ministro Wert, que non son quen de estar en dous sitios ó mesmo tempo, polo que a realización dun traballo con data de caducidade impediume presenciar unha nova edición da entrega dos premios Goya, no meu caso, iso si, como televidente e dende a distancia.

O traballo, rematado en tempo e forma, non me impediu, sen embargo, estar ó tanto dalgún dos pormenores da gala e, loxicamente, dalgunhas das perlas políticas coas que xa nos teñen acostumados as xentes do cine dende as súas cómodas posicións elitistas, así como dalgunha que outra caricatura -porque no caso de Pilar Bardem o asunto xa alcanzou o nivel de patética excelencia caricaturesca- ó termar un cartonciño de Coca Cola porque non había á man unha vasoira do servizo de limpeza, senón tamén entraría con ela na sala do Hotel Auditorium madrileño.

Pero de todos eles quero botar man dun collido con fíos do apurado discurso do presidente da Academia, porque creo que merece unha reflexión pausada.

Dixo, o señor González Macho nun momento da súa intervención -ou, polo menos, así o recolleron os medios de comunicación, entre eles, este-, algo así como que 'facer unha película é case un acto heroico'.

E dixo ben, porque todos sabemos que sacar adiante un proxecto cinematográfico non supón un investimento de cifras de catro ceros, que xa son cartos cando falamos en euros, senón de cinco e de seis, cando menos.

Pero, hoxe en día -el sábeo tan ben como calquera outro español de a pé que está á fronte de calquera proxecto empresarial, por máis que sexa unha microempresa- facer parafusos -ou, se quere, tornillos, para que se me entenda- é tamén un acto heroico. E colocar ladrillos en fieira, e vender porcos a anacos nunha carnicería, e facer mobles de cociña nunha carpintería ou editar libros ou encher botellas de viño sen saber se van saír ou non da adega.

Hoxe constitúe un acto heroico calquera ínfima empresa que se emprenda, porque todo o mundo está co depósito na reserva e por máis que anuncian arcos da vella polo horizonte dificilmente se poden ver as súas cores se o pano de fondo se ve só en escala de grises tirando ó negro.

Claro que facer unha película é un acto heroico. ¡Vivir! é un acto heroico nestes intres.

Por iso sona xa insultante tanta insistencia reivindicativa dende o púlpito, tanta glamurosa ladaíña cando se pronuncia vestida en traxe de raso ou saia de cola con cuxo 'PVP' podería vivir unha familia en paro durante catro ou cinco meses.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES