Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Fitur, unha feira para aprender

viernes, 07 de febrero de 2014
Compás social

Non sei por que, mais as feiras sempre me gustaron. Do 22 ó 26 do recen pasado mes de xaneiro celebrouse en Madrid a Feira Internacional do Turismo (FITUR), e levo varios anos acudindo a ela. Toda feira ten moito de teatral, de tremoia de circo e sobre todo de escaparate de mercadorías. E iso ocorre a maior escala se se trata dunha feira mundial. A gran cantidade de variedades e ofertas atrae a grandes e pequenos, a pais e nais con nenos, a executivos e a visitantes trotamundos, a miróns e a negociantes.

Fitur, unha feira para aprenderEfectivamente, alí estaban máis de cen países, todas as comunidades autónomas de España, as mellores cidades e empresas turísticas españolas. E todos ofrecendo o mellor das súas paisaxes naturais, os máis espléndidos monumentos histórico-artísticos, as máis exquisitas gastronomías, as máis orixinais e máxicas historias de cada recanto do planeta. E todo iso de forma virtual, en grandes murais, mapas e folletos con fotografías de beleza extraordinaria. No dous días de fin de semana abertos ó gran público, o espectáculo comezaba con roldas de música, globos para nenos, pallasos actuando e contando historias, danzas rexionais, conferenciantes sisudos dialogando, soldados romanos desfilando, actuacións exóticas do oriente próximo ou afastado, e así un longo etcétera.

Notábase a crise? Podemos dicir que bastante. As estruturas dos stands eran máis sinxelas e menos aparatosas, houbo menos exuberancia de agasallos simbólicos e as degustacións de produtos gastronómicos foron máis reducidas. É moi posible que, debido a esta redución de pompas e ostentacións, moitos visitantes quedaran insatisfeitos.

A gran exposición de escaparates estaba organizada, como era habitual, por pavillóns e grandes áreas xeográficas; mais, por economía de tempo, tiven que elixir primeiro uns puntos de obrigada referencia: Castela-León e Galicia. E dentro deses dous stands tiña que fitar os detalles: o conxunto dos expositores, construídos con grandes murais de fotografías e letreiros, era austero e á vez agradable e estaba estruturado por provincias, comarcas, cidades e os pobos máis turísticos. Todos os espazos xeográficos estaban relatados en mapas ben detallados e folletos de gran calidade fotográfica.

Ofrecíase unha información temática e especializada dalgúns conxuntos de Galicia, como a gastronomía, os bosques, as praias, as rutas xacobeas...

De Lugo e da súa provincia había unha moi digna representación e información dalgunhas comarcas, tal como os Ancares e a Ribeira Sacra. Dos concellos da miña soñada Terra Chá pouca información encontrei, agás unha carpeta xeitosa con fichas moi ben elaboradas do concello de Outeiro de Rei. En hora boa.

Tiven, non obstante, que preguntarme: ¿por que non participaron os cinco concellos da Mancomunidade da Terra Chá, coa súa información e oferta conxunta que tanto prometía o ano pasado? Sentín a súa ausencia, aínda que a miña opinión segue sendo que os doce ou trece concellos que forman a gran Chaira teñen que mancomunarse para ofrecer un espazo turístico de conxunto, máis amplo, rural e urbano, de moitas e variadas paisaxes, de gastronomía diversificada, aberto a múltiples visitas e posibles actividades para estancias de curta, media ou longa duración. A unidade crea eficacia, economía de medios e modernización de estruturas a unha maior escala.

Esta visión da feira FITUR é sen dúbida epidérmica, propia dun visitante profano e alleo a ese mundo da organización do turismo. E moi posible que os expertos e profesionais teñan outra apreciación diferente de como se organizou e transcorreu ese evento da feira madrileña. Mais nunha situación de crise mundial, pareceume un acontecemento moi digno que conseguiu unha boa estética con medios reducidos, combinando a informática e a fotografía dixital con outros materiais modestos e cun resultado relativamente económico e satisfactorio, o que supón un bo exercicio de imaxinación e de creatividade.

E como xa viña ocorrendo en anos anteriores, foi un encontro de convivencia multirracial, pacífica e de sumo respecto entre pobos, cidades, comarcas, rexións e países. Non obstante notei a ausencia dun país europeo: Inglaterra. Aínda hoxe non acabo de entender ese feito, cando tantos cidadáns ingleses nos visitan e moitos deles están encantados de vivir entre nosoutros; e tantos españois que apreciamos a lingua e as marabillas do Reino Unido.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES