Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Día mundial contra o Cancro

jueves, 06 de febrero de 2014
En días ben próximos celébranse dúas xornadas de sensibilización sobre esa incómoda compañeira da humanidade que é a enfermidade.

Unha delas, O DÍA MUNDIAL CONTRA O CANCRO, celebrouse o martes, día 4, e tén un carácter digamos máis “civil” cá outra, A XORNADA MUNDIAL DO ENFERMO que naceu nun ámbito máis “relixioso”, porque esta é promovida pola Igrexa Católica. Poño entre comiñas “civil e relixioso”, por dar a entender que eu, á verdade, non sei diferencias moi ben en certos casos de loita contra o mal cal é a diferencia entre civil e relixioso.

Tampouco pretendo agora perder espacio e tempo en discusións fóra de lugar. ¡Benvidas sexas esas xornadas e moitas outras coma elas que non se reducen a “O DÍA DE.... coa sóa finalidade de incitarnos a mercar máis.

Estas dúas xornadas, paréceme a min que en vez de animarnos a mercar máis, tratan de animarnos a dar máis e a non poñer toda a nosa felicidade no que aínda non se tén, e queren facernos crer que necesitamos, senón a sentirnos menos infelices polo que xa non temos, non tivemos nunca, ou non teñen os que viven ao noso carón.

Por desgraza, ou, se cadra, por sorte, quen sabe? Tócame participar algo da enfermidade nas súas múltiples manifestacións. Tocoume moi preto na familia desde hai ben anos, tampouco eu estiven libre de alifafes e non hai moito que me quitaron da gorxa un cancro e, agora que me acordo, aínda non preguntei onde o botaron ou que fixeron con el. Digo isto para que se vexa que teño algo de experiencia e non falo de memoria, pero, ¡coidadiño!, que ninguén pense que pretendo facerme a víctima porque sei ben que houbo e que hai quen sufriu e quen sofre moito máis, que o mesmo mal non é igual de grave en todas as persoas. De aí que se diga que máis ca enfermidades hai enfermos..

O día 4 participei nun programa de radio en “La” Coruña emitido desde a sede da Asociación contra o Cancro, que en “La” Coruña aínda se di:cáncer.

Alí déronse cifras arrepiantes do alarmante aumento deste bicho, conforme a datos da OMS, pero pregúntome eu, que son lerdo na materia: E se este mal, o cancro, non é contaxioso, se tamén se afirma que en moi raros casos pode considerarse hereditario, aínda que poida selo algún xen anormal que o causa, están claras as causas dese gran aumento no mundo? Non me fagan moito caso, pero sospeito que ou non saben ben as causas, ou non nolas queren dicir todas. E, se cadra, é mellor así, especialmente para persoas aprensivas ou hipocondríacas. As mesmas causas do cambio climático non estarán influíndo tamén no cambio de certas enfermidades?

Eu procuraba, ata que me fixo unha faena un avogado do estado con apelido de peixe barato, equivocarme algunha vez por confiar que atinar sempre é paraa desconfiar, pero agora xa desconfío de que nos oculten algo relacionado con estes temas e con outros tamén. Home, é certo que se di que o cancro tende a aumentar máis en países esfameados e niso cadro conforme, porque a fame é sempre bo caldo de cultivo ata para mutacións xenéticas. De onde se deduce que, mesmo por egoísmo, deberiamos tratar de erradicala, para que non nos veñan de rebote os seus efectos colaterais.

No programa de “La” Coruña e noutros medios escoitei e lin que a principal causa do cancro é o tabaco. Cabréame escoitar isto, porque eu, que tamén son víctima do tabaquismo, non acepto que cos ollos pechados que se lle bote a culpa ó tabaco. E iso non significa que eu defenda fumar. Non, todo o contrario.

Vese nalgún paquete de cigarriños: “EL TABACO MATA”. Tamén escoitei que a un fumador solteirón ao que lle despacharon un paquete que dicía: “FUMAR REDUCE LA POTENCIA SEXUAL” pediulle á estanqueira: “Oi, nena, cámbiamo polo que mata, se fas o favor, anda”. Neste que “MATA” hai tan pouco o espacio, que non queda sitio para escribir as máis de duascentas substancias, mortíferas boa parte delas, do tabaco manipulado polas multinacionais tabaqueiras das que as autoridades sanitarias son cómplices e cooperadoras necesarias, perseguindo e sancionando aos fumadores, sacando boa rendibilidade dos impostos do tabaco, acusando de que resultan moi caros para as huchas furadas, que verten por cada esquina, da sanidade pública, facilitando que poucos anos poidamos cobrar as pensións de xubilación se chegamos alá, e facendo a vista gorda para non perseguir ás criminais tabaqueiras. E despois din que teñen a conciencia tranquila, porque o que non deixa de fumar é porque non quere.

O mellor para ter a conciencia tranquila é non ter conciencia. Se non se deixa de fumar é porque non se quere, porque hai programas, subvencionados tamén con cartos públicos da inseguridade social para axudar a desengancharse dos aditivos que levan os cigarros, que nalgunhas persoas son tanto ou máis eficaces que a cocaína ou a heroína? Serán, por un casual, os aditivos para enriquecer en nutrientes cada proxectil en forma de pitillo? ¡Canta farsa e canta hipocrisía para vendernos a moto de que os lexitimados representantes do pobo velan por nós!

O día 4 pagoume a pena ir a “La” Coruña, porque con este motivo puiden coñecer a outro operado coma min, Manuel García Fraga, que se embarcou na aventura de presentar unha denuncia contra Sanidade. De momento non tivo moitos apoios, aínda que foi noticia. Co meu pequeno apoio conta, non en busca de indemnización, senón pola satisfacción de poderlles dicir aos que nos fan comulgar con rodas de muíño que ben sabemos que estamos comulgando con rodas de muíño. E cando teña nas miñas mans a denuncia, hei procurar dar razón dela, xa que creo que está moi ben fundamentada.

Na xuntanza de “La” Coruña, en parte por un chisco de cabreo e en parte por meter unha faragulla de humor, (o humor pode ser moi serio), comecei a miña curta intervención dicindo que ía falar en galego, porque cando comecei a asistir ás clases de logopedia para aprender de novo a falar pedinlle á moi boa logopeda da asociación, María Ramallo, que me ensinase en galego; porque se volvía ás miñas parroquias, que sempre me oen falar en galego incluso nas misas, falando en curuñés e con acento de Don Paco Vázquez, igual dicían: ¡Ai, home, pra eso, fora mellor que seguise mudo pra sempre!

Convén que disto non lle digan nada a Dona Gloria Lago que defende coma min unha Galicia Bilingüe e, a diferencia de min, cunha lingua, a galega así como duns dez centímetros de longa e a castelá así como duns cincuenta.

Parece que ese é ultimamente o criterio de “La” Xunta. Tamén cando o rexedor-presentador dixo que eu fora cura dinlle unha pequena catequese: “Sigo séndoo, porque o carácter que imprime o sacramento do orde non está situado nas cordas vocais que me quitaron”

Haberá que ir rematando e, como é preceptivo nun cura, remato o sermón cuns consellos morais:

1º-Todos, (pero todos, eh?. O Sergas e o Ministerio de Sanidade, tamén. ¡Ala, xa me volvín a meter en política! Estes curas...), teremos que loitar contra o cancro.

2º Quen o padeceu e o padece, na medida do posible, terá que asumilo coma unha limitación máis, procurando que non nos esmague, porque así son dúas enfermidades: o cancro, e a do esmagamento moral que agrava os danos físicos.

3º Deberemos usar o sentido do humor ata rirnos de nós mesmos, se é posible, (que hai situación nas que se barren as ganas de bromas, e por nada do mundo quero que se pense que estou tomando a broma os sufrimentos de moitos). Se eu son capaz de rirme de min, por que vou acomplexarme porque non se entenda ben o que digo? Para consolarme abóndame pensar que hai outros aos que se lles entende moi ben pero estaban máis guapiños calados. Verdade, señor Posada, que vostede oe moitos discursos destes nas Cortes?. Cortes ou cortellos?

4º Que quen está menos mal debe axudar a que non se sintan tan sós os que se senten máis mal, pero sen atafegar coma eses que chegan de visita e nin tempo deixan para ir facer as necesidades sen estar atusmando.

5º Que quen cre en Deus como é debido, non esqueza que Noso Señor, aínda que non veña facer un milagre cada vez que llo pedimos, camiña canda a nós pola costa arriba levando a súa crus e botándonos unha man para alixeirar as nosas.

E, se non hai cousa de novo, na próxima colaboración falaremos da XORNADA DO ENFERMO que se celebra o día once.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES