O seguimento de Xesús: Unha opción libre
Mato, Xesús - lunes, 07 de noviembre de 2005
Nós somos cristiáns/ás pola gracia de Deus e porque aceptamos e queremos selo. Hai unha resposta asumida e aceptada, libre e voluntariamente, por nós e por todos os que deciden ser seus seguidores/amigos. Non é froito dunha imposición ou un mandato. A resposta á fe, a fidelidade e crenzas, non se impoñen: propóñense. Así fixo e actuou Xesús. Propón, anuncia, invita e anima a vivir e participar no seu Reino. En liberdade.
É necesario ter isto en conta á hora de dar resposta axeitada á mensaxe deste domingo. Chega no momento oportuno e pon o dedo na chaga para ser curada. O que se agradece. Boa falla fai esta chamada (hoxe xa un berro seco galego) dediante de tanta absurda e innecesaria crispación, liortas, insultos e descalificacións que, a cotío, abondan arestora na Sociedade e na Igrexa desta nosa variada, rica e fermosa España das Autonomías.
Na parábola das mociñas (cinco asisadas e cinco atolondradas) o Señor invítanos a estarmos atentos á vida, a sermos conscientes e a facérmonos responsábeis dela. (A Humanidade é a grande e única familia humana). Estamos chamados todos/as, (crentes ou non crentes) a estar vixiantes e coas lámpadas do amor e do servicio sempre accesas (activadas) para atopármonos cun Deus e uns cos outros/as. Non podemos seguir durmidos ou exercendo de passotas. Cómpre estar atentos, espabilados e activos xa que todos/as estamos implicados/as no labor/compromiso de devolverlle a toda persoa humana a dignidade, xustiza, fraternidade, paz e liberdade, dons de Deus aos que teñen dereito. Todos/as nosoutros/as somos co-rresponsabeis da marcha e futuro do mundo.
Debemos estar atentos a refacer a terra, os pobos, as parroquias, virar a sorte dos pobres. Falla a escoita, o diálogo, a conversa, os acordos
e multiplícanse os monólogos e os egoísmos. ¡Non nos escoitamos! Cantas veces nos escudamos no que din ou fan os demais para non termos que tomar decisións e asumir responsabilidades propias. Hai moitos/as que viven de ideas prestadas e non medran: quédanse coma nenos/as. Persoas adurmiñadas que non son capaces de ver, distinguir, xulgar, apreciar e gozar da vida. Así non se pode chegar a adultos. Nin na vivencia da fe, nin no senso humano/social.
Deus camiña connosco, sae ó noso encontro. Faise presente, Compañeiro de viaxe. Se tiveramos conciencia diso, se a espectativa de que é posible algo novo, distinto e mellor. mobilizase as nosas vidas..non habería desánimos, canseiras, tristuras e ollaríamos a vida doutro xeito; desde a confianza e seguridade en Deus. Vivimos do mimetismo. Viven por nós. Por aí chegan fundamentalismos á Igrexa, á Política, á Vida!
O que busca a sabedoría, atópaa, porque nos sae ao encontro. Somos responsábeis de ter accesa a lámpada do aceite do amor e do servicio para axudar/alumear a este Mundo.

Mato, Xesús
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora