Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O idiota e o futbolista

viernes, 31 de enero de 2014
Acouguen. Aborrezo as grosarías. Non se van a encontrar con elas: Nin a miña realidade persoal nin o respecto que vostedes me inspiran mo permitirían. Todo é anecdótico.

Cando habitualmente vou coa miña muller, só os domingos pola tarde, tomar un café e propiciar a ocasión para non perder o contacto cuns amigos, acostumo a follear calquera revista ou xornal que haxa a man. E mentres ela repasa coas amigas iso do vestir e aproveita para chufar un pouco o bisneto (si..., non me equivoquei, é BIS), eu espero que se caldee o ambiente político, porque asegúrolles que aí encontro as solucións das que parecen estar desertos os homes de prol.

E miren por onde, eu que dediquei boa parte da miña vida a lectura (máis ou menos comprensiva, claro), fun encontrar nun chiste dunha revista, unha solución económica aos problemas da crise, e nunha entrevista a un futbolista, un agudo problema metafísico, deses cos que argallo, as veces, cando non se me ocorre algo mellor, e xúrolles que esas ocorrencias andan moi remisas en min.

A cousa económica tenlles unha introdución gráfica, non polo uso das curvas da oferta e da demanda, nin das de prezos e custes, para determinar que empresas son marxinais (hoxe unhas e outras ociosas, porque o son a maioría) dentro dunhas coordenadas, ao estilo académico, senón nun debuxo que entra polos ollos case tan ben como as disertacións do Señor Montoro ou do Señor De Guindos.

Co primeiro que se encontran vostedes é cun montón de moedas, colocadas moi coidadosamente para que formen unha elevada columna, que a simple vista semella a cousa como se estivéramos na Fábrica de Moeda e Timbre.

Aló arriba sentado está un rapaz, un tanto desaliñado, ao que lle chaman o “Idiota”. A súa faciana, de faccións tristes, ofrece unha expresión dunha natural humildade: Non ten aspecto de pillabán.

A uns metros da base da columna hai, formando circo, uns señores ben apostos, vestidos con estraños roupaxes de luxo, de arrogantes expresións, e cos brazos levantados, ofrecéndolle ao “Idiota” nunha man un billete de cen, e noutra unha moeda de cinco.

A un estranxeiro que pasaba por alí a escena non lle foi indiferente e acercouse. Como os cabaleiros o informaron de todo con aire de autosuficiencia nun ambiente de mofa, movido pola compaixón, dirixiuse ao rapaz para preguntarlle por que non collía o billete de cen, e así evitaba que o tiveran por bobo.

A contestación non se deixou esperar: Collo as cinco moedas, señor, – dixo – porque, se collera o billete de cen, xa non volverían e non xuntaría este diñeiro. (Moitas veces acostumamos a usar tan rudimentarios cualificativos, sen pararnos a pensar que terían mellor aplicación moito máis cerca!).

Eu, que son abondo rudo en economía, non puiden evitar pensar que o “Idiota” deu unha lección aos nosos gobernantes, non menos oufanos que os cabaleiros do chiste, porque se esixiran menos esforzo a un sector grande da cidadanía, seguro que recadaban máis e mantiñan a actividade económica moito máis viva e eficiente. Eles atenderon á estranxeira (si..., aquí trátase dunha compasiva señora), e embarcáronse co billete de cen, en
liña neocapitalista; pero uns cerraron o negocio e outros xa non poden nin aportar a moeda de cinco.

E agora, a metafísica. Nesa mesma revista, e no clima dos rumores das discusións políticas, entre os que están definíndose todos os días como apolíticos, leo, sen poñer moito interese, unha entrevista a un futbolista.
Sen embargo, cando lle preguntaron se tiña noiva, interesoume a súa contestación, que foi esta: “Non teño noiva real”. Anda...!, pensei, aquí hai un filósofo. Non deu máis explicacións, pero a min ocorréuseme pensar se a noiva sería “ideal”, “virtual”, etc. Ou, tal vez, “platónica”, polo da metafísica!.
Pero cavilando, rectifiquei, xa que enseguida me dei conta de que estaba lendo unha entrevista a un verdadeiro político. Que outra cousa se me podía vir ao maxín, cando non se sabe o que quixo dicir?!. É que non podo imaxinarme para que diaños quere unha noiva que non sexa real.

Tampouco sei o que quere dicirnos o goberno coa revalorización das pensións, nin cos programas políticos, nin coa separación de poderes, nin coa redución dos días de espera nos servizos sanitarios, nin coa lei de transparencia, nin coa coherencia política, nin coa cohesión social onde reina a crispación, nin sei que representa a bandeira nacional acantoada nalgunhas autonomías..., e tamén teño que pensar se será todo “ideal” ou “virtual”. Para ser “platónico” os gobernantes non acadan as condicións que lles impón Platón.

O caso é que acabei enguedellado nun galimatías político, aínda que mentalmente. E reconsiderei que todo isto tiña pouco que ver coa metafísica do futbolista, salvo fuxir da realidade, porque nin tan sequera derivaba nunha consideración relativa ao alcance planetario do capital, das finanzas e do comercio, e tampouco do modo como viven as persoas, dos seus sonos e das súas esperanzas, pois son só motivo da especulación metafísica dos políticos, que non xogan ao fútbol, senón ao peloteo.
Sen embargo, un sisudo compañeiro deste faladoiro informal afirmou tallante que a cousa non era tan fácil de razoar nun contexto con tantas a tan preocupantes vivencias da “desregulación” (máis ben por exceso que por defecto) e sen un cadro de valores referenciais delimitadores da praxe política, ética e estética.

E ata se permitiu traernos a colación unha opinión do profesor de teoría política no King`s College de Londres, A. Callinicos, que afirma que esta época caracterízase pola multiplicidade e a IRRESOLUCIÓN. Nada está en sosego, todo descansa no que el chama DAS GLEITENDE, para designar o que se move, o que se nos vai das mans. E isto non favorece a racionalidade.

Coma sempre, quedamos citados, e xa poñendo os chuvasqueiros aproveitei para dicirlles que me sorprendía que un conservador como o Señor Rajoy respondera tan ben, na praxe política, á opinión dun revolucionario comunista como este profesor, sobre todo no que respecta á “irresolución”.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES