Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Interculturalidade e diálogo

miércoles, 29 de enero de 2014
“Prediquei no deserto e arei no mar” deixou escrito Celso Emilio nun fermoso poema onde tamén recoñecía botar zugameles fantásticos. Un ten a mesma sensación cando traballa día a día (no plano teórico e alí onde lle deixan facer algunha práctica) pola unión da humanidade en torno a un co-desenvolvemento sociocultural que nos permita gozar dun benestar colectivo sen renunciar ás peculiaridades do grupo a o que pertencemos. Coido que a mellor aprendizaxe ven do coñecemento do outro e non da súa negación; pero, para iso temos que valorar a diferenza como unha oportunidade de aprendizaxe e non como unha ameaza que ven a cuestionar todo o que somos.

O diálogo intercultural é o vínculo que desfai a barreira ideolóxica do prexuízo existente entre nós e o outro. O diálogo é a primeira forma de interacción humana, polo tanto a ferramenta que deita os valados das conciencias para facilitar os encontros da humanidade. Polo tanto, o diálogo humaniza a diferenza impulsándonos cara ó descoñecido.

Todo isto lévanos a pensar que é necesario fuxir de tópicos e prexuízos para valorar con claridade as posibilidades de diálogo entre culturas. Estas posibilidades anúlanse se hai supremacía dunha sobre outra, pero tamén se hai victimismo ou se se couta as posibilidades de desenvolvemento da cultura minoritaria.

Quizais, por todo isto, a UNESCO vén formulando unha serie de declaracións tendentes a protexer calquera expresión cultural e a favorecer tanto o seu desenvolvemento socioeconómico como a súa conservación para a posteridade. Neste sentido, cabe citar a Convención sobre a protección e promoción da diversidade das expresións culturais, que promove os principios de igualdade e respecto para todas as culturas, de solidariedade e cooperación internacionais, de desenvolvemento sostible e de acceso equitativo, entre outros.

De acordo cos principios da UNESCO é posible non só favorecer o diálogo intercultural senón tamén facer da interculturalidade un motor económico de desenvolvemento social. Se isto é así, nas características específicas de cada grupo humano está o cerne do seu propio progreso . Polo tanto, volver á orixe non é retroceder nin dividir, é agromar novamente dende unha identidade que se pode transformar nun produto cultural susceptible de ser presentado ao mundo como un atractivo para coñecer e valorar.

De novo, a diversidade trócase unha realidade innegable que algúns ven como un problema e outros vemos non só como unha solución senón, tamén, a maior xoia que a historia nos deixou. Unha historia que non debemos uniformar senón que a debemos coñecer en todas as súas formas e expresións para posteriormente establecer un diálogo que propicie oportunidades de fusión cultural, oportunidades para recrear as culturas unidos na diferenza abrindo posibilidades de colaboración. Aquí está o verdadeiro progreso que se pinta nun mosaico unido, sen renuncias, nin ignorancias, nin divisións.

As veces, ao dicir isto véxome predicando no deserto e arando no mar, mais paréceme imprescindible seguir teimando en que é posible unha universalidade que non renuncie a ningunha identidade.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania