Provisionalidade
Xiz, Xulio - lunes, 27 de enero de 2014
Aínda deben quedar nalgún rueiro urbano nalgunha das nosas cidades placas que proclamen Sargento Provincial e Alférez provisional co que as corporacións correspondentes honraban aos combatentes da parte nacional na gran Guerra incivil que sufriron os nosos máis directos ascendentes.
A provisionalidade deses niveis militares viña dada pola urxencia da situación que precisaba contar con mandos nun exército, tamén provisional, que suplisen as carencias de efectivos en caso tan perentorio.
Afeitos a esa provisionalidade nominal, a provisionalidade agora ven dada por outras circunstancias de oportunidade política, e en lugar de nomear políticos provisionais, ministros provisionais ou deputados provisionais (que o son por naturaleza), fan leis provisionais que só van durar o tempo que dure o seu mandato.
Para que unha Lei, especialmente en temas fundamentais para a convivencia, teña vixencia permanente, ten que ser pactada, razoada, de maneira que valla para todos, e aínda que se produza un cambio radical no exercizo do poder, a Lei seguirá vixente porque é unha Lei de todos.
Sen embargo na actualidade, en base a unha maioría absoluta como antes, noutras de diferente signo- constrúense leis manifestamente provisionais en educación, en saúde, no aborto, que non contan co apoio de ningunha outra forza máis ca a que sostén o goberno. Leis que volverán ser redactadas cando se produza un cambio, tarde este menos ou máis.
E así andamos. As placas dos provisionais sarxentos ou alféreces desaparecerán, non só porque os seus homenaxeados pasaran xa a mellor vida, senón porque lembran un tempo de enfrontamento que todos desexamos esquecer. O das leis provisionais é outra cousa, aínda máis fonda, non máis duradeira, que só consigue valer nun lugar en un tempo, que caducarán cando os actuais gobernantes caduquen. Que non é que estes sexan peores ca outros. É que nin uns nin outros saben mirar ao futuro, superar diferencias ideológicas e pensar no supremo ben común. Por iso caducarán todos: os políticos e as Leis que erguen sen unha base firme e duradeira.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora