Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Igrexa xerárquica e a memoria histórica

lunes, 27 de enero de 2014
Vou ver se son quen de tratar este tema da Memoria Histórica co ánimo de clarificar e sacarlle ferro para que toda a xente de boa vontade, sobre todo do clero que viviu tan apegado ao nacionalcatolicismo ou dos que herdaron e seguen sen decatarse desa inmersión, non teñan medo de coñecer a verdade acochada tanto tempo. E digo medo que é a situación anímica que atrofia tanto á xente por tantos anos suxeita que chega a ser connatural. Trátase pois da Memoria Histórica, tal como se ven desenrolando ao traveso destes últimos tempos en que se rompe o silencio e o esquecemento imposto de tanto terror como sementou o franquismo durante a guerra civil e a ditadura, longa noite de pedra con que deixou acuñado ese tempo o noso Celso Emilio Ferreiro.

Fundaméntase esta pescuda na memoria de moitas testemuñas que aínda viven, xa non son moitas, que contaron e contan como libros viventes o que pasou, que só se sabía o contado polos vencedores. Falan das vítimas da barbarie franquista, dos lugares onde están as fosas para erguer da ignominia a tantos seres queridos que sufriron non só o asasinato senon tamén o maior desprezo que é borralos da historia. Por estas testemuñas sabemos que ademais dos curas asasinados do lado da República houbo máis de 30 asasinados polos franquistas. Esta memoria é ratificada polos documentos históricos de arquivos deturpados restaurados do abandono, que agora en xeral recuperaron a súa vida e ben ordenados puxéronse ao servizo dos investigadores para que desentrañen e nos transmitan esa verdade. Hai tamén testemuñas escritas en libros prohibidos ou non divulgados durante moito tempo. Memorias que estaban escritas e que moito despois de morto Franco aínda estaban perseguidas e que de milagre puideron chegar a saír ao prelo. Estou a lembrar ao padre capuchino Gumersindo Estella que escribiu un diario de cando foi capelán, sen emolumento algún, do cárcere de Torrero en Zaragoza, asistindo aos condenados a morte, abrazándoos sentado na camioneta acompañándoos cara o cemiterio onde seguía apegado tan intimamente aos axustizados que o xefe do piquete tiña que arrancalo para cumprir o axustizamento, nos seus apuntes diarios rebelándose contra da Cruzada facía de profeta, ¡quen o ía dicir!, no senso estrito da palabra, escribiu: “ E logo se chega a revolución e matan sacerdotes, ai!, daquela son mártires do cristianismo...! E queren que os ergan ao honor dos altares! Eses son mártires? Son os que provocan a matanza!!! O Cristianismo perdura a pesares dos eclesiásticos!”.

Lembro tamén ao cóengo da catedral de Córdoba, Gallegos Rocafull, que viviu na defensa do Goberno lexítimo da República condenando a “Santa Cruzada”, que bendiciu o golpe contra o poder establecido e a guerra fratricida, compartiu a boa nova do Evanxeo con tantos crentes que estaban de parte da República. Do seu exilio mexicano, chegounos o seu escrito, escondido tantos anos, La Pequeña Grey, que por fin foi editado en 2007, antes fora editada en México en 2005. Non podemos esquecer o libro España en Crisol que compendia os artigos que Basilio Álvarez escribía dende Bos Aires no xornal Crítica, condenando o golpe e pedindo axuda á loita da democracia da República contra do fascismo dos ”Generales golpistas” e dos bispos “carcundas” que os defendían, sufriu tamén a prohibición e moitos anos despois puidemos ler este libro.

Houbo outro libro dos anos cincuenta, que fixo tremer, lendo ás escondidas debaixo das mantas, a un seminarista, No me avergoncé del Evangelio. Desde mi parroquia, de Marino Ayerra, cura de Alsasua, tremía polo medo de que o colleron cun libro moi prohibido e pola verdade que descubría do terror franquista en Navarra.

Lei da Memoria Historia

Por fin no ano 2007 foi aprobada a Ley de la Memoria Histórica, coa expresa dignificación das vítimas, a clara condena do franquismo coa supresión dos seus símbolos.

Esta lei para Igrexa é un perigo. En novembro de 2006, pouco antes do debate, a Conferencia Episcopal, que xa promovera o beneficio da amnesia da guerra fratricida, fai a declaración “Sobre la situación actual de España”, na que alarmaba sobre a lei da Memoria Histórica como perigo para a reconciliación dos españois. Pouco despois de facer público o devandito informe, contradicindo a súa argumentación sobre a reabertura das vellas feridas, esta CEE anunciou a beatificación de 492 mártires da barbarie roxa, desoíndo outra grande parte do pobo, que, no canto desa celebración, lle propoñía a celebración de un evento público de reparación dos centos de miles de persoas que tiñan perseguido durante a ditadura.

Para o goberno actual é unha inutilidade. Aínda máis, é unha lei como se non existira, pois tena aparcada sen orzamento algún para levala a cabo, sobre todo no que toca á recuperación dos restos de tantas vítimas que aínda xacen nas cunetas, sen a dignificación mínima que piden os seus seres queridos.

Para outros moitos tivo a falla de non rectificar a amnistía da Transición. Nisto se fundaron os que suspenderon a Garzón polo seu Auto contra os crimes do franquismo. Mais a ONU ten avisado ao goberno de España pola súa desatención ás reclamación dos familiares das súas vítimas. Ora ben, hai delitos que non prescriben nin amnistía algunha que pode anular os tipificados como delitos de lesa humanidade, en concreto, os delitos do franquismo durante a guerra civil, como son os bombardeos das cidades abertas, onde non había obxectivos militares, fusilar unha muller embarazada, asasinar a enfermos no hospital, e durante a ditadura o xenocidio; estes crimes non caducan endexamais. Esta é a razón de que a xuíz, Servini, teña admitido a trámite varios de estes delitos no chamado Auto da Querella de Argentina. Se aquí os tribunais condenaron a un delincuente da ditadura Arxentina, Adolfo Scilingo, teñen que ir a Arxentina xulgar agora delincuentes da nosa ditadura. Varrer a casa allea e non varrer a propia.

Está comprobado que o pobo que esquece ou acocha a historia está condenado a repetila; as feridas hai que curalas non pechalas en falso. Mais a xerarquía eclesiástica segue na teima dese peche promovendo o enfrontamento e a división entre os españois, con reiterada celebración da beatificación, a última fornada dos 522 mártires só dun lado, en setembro do ano pasado, entre os que hai de todo, uns, moi poucos, verdadeiros mártires ou heroes e outros non tanto. Mais non é este o momento de analizar as persoas se non de desbotar o feito da celebración hipócrita fronte a outros moitas vítimas, tamén mártires, nos que a mesma xerarquía eclesiástica daquela colaborou directamente no seu martirio ou no seu esquecemento.

Uns douscentos cregos foron xulgados en Consellos de Guerra de Franco moitos deles condenados a duras penas de prisión en cadeas franquistas inmundas.

Por qué esta xerarquía se nega a pedir perdón e a promover unha celebración de reconciliación respondendo ao clamor de tanta xente crente e non crente?. Por que non colabora para que a xustiza brille en todos os ámbitos e en todos os tempos?

Celebración do perdón

Ora ben, non podemos deixar de mencionar a valiosa celebración de perdón na catedral de Vitoria-Gasteiz dos bispos do Pais Vasco, o 11 de xullo de 2009, facendo memoria a todas as persoas que foron executadas... especialmente a catorce sacerdotes asasinados polos vencedores “No queremos reabrir heridas, sino ayudar a curarlas o aliviarlas. Queremos contribuir a la dignificación de quienes han sido olvidados o excluidos y a mitigar el dolor de sus familiares y allegados. Queremos pedir perdón e invitar a perdonar”. A esta celebración asistiron algún bispo estranxeiro, mais non da CEE, nin o seu presidente, daquela o cardeal Rouco Varela.

É de estimar a reflexión que nos deixou escrita o noso bispo, Miguel Anxo Arauxo, de feliz memoria, no libro Memoria de Vida: “A Igrexa Española que tanto se volcou a prol das forzas de Franco procure ser consciente das súas responsabilidades e pida perdón á sociedade española polo seu pecado público... Todos puxémo-las nosas mans pecadoras sobre esta pel de Iberia. ¡Perdóanos, Señor, e dano-la túa reconciliación! ¡¡ Nunca máis guerras, nunca máis odios e rencores!!”.

Pero aínda máis neste senso. Soubemos que despois de celebrar a última fornada de beatificacións, o Arcebispo de Tarragona e o Abade de Montserrat, con distintas palabras, diante das duras críticas dos seus fieis pola celebración da discordia en vez de ser de concordia e fraternidade, dixeron: "Somos conscientes de las carencias y errores que como miembros de la Iglesia hemos podido cometer en un pasado cercano y humildemente pedimos perdón".

O ministro de Xustiza no goberno da República, Manuel de Irujo, católico convencido, nunha carta ao cardeal de Tarragona no exilio, Vidal i Barraquer, dicíalle que a Igrexa “figurara como mártir na zona republicana e formando parte do piquete na zona franquista”.

Foron moitos os anos en acochar a verdade e vivir na mentira de que a guerra fratricida fora promovida polas autoridades republicanas, pero este é outro tema a tratar.

(Anxo Ferreiro Currás é autor do libro CONSEJOS DE GUERRA CONTRA EL CLERO VASCO. 1936-1944. Iglesia Vasca vencida").
Ferreiro Currás, Anxo
Ferreiro Currás, Anxo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES