Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Coñecer a un veciño sabio e poeta

viernes, 24 de enero de 2014
Compás social

As primeiras noticias da existencia de Xosé Mª Díaz Castro tívenas de rapaz novo. Meu pai falábame de Serafín do Vilariño dos Vilares que tiña un irmán aló en Madrid chamado Xosé María. A aldea do Vilariño está a uns dous quilómetros do centro do Buriz onde vivía a miña familia, meus pais, meus irmáns e veciños. Non coñecía a Serafín, irmán de Xosé María, pois naqueles tempos a distancia de dous kms. era algo considerable. Ata que un domingo Serafín de Cidre, así lle chamaban todos, veu a misa ó Buriz e alí no adro da Igrexa conversou largo e tendido con meu pai. Falaron do divino e do humano e o cativo, que era eu, aguzaba o oído intentando coller algo. Nun inciso meu pai preguntoulle: que é de teu irmán Xosé María?

-Como sabes Lourenzo, respondeu Serafín, está en Madrid. Está ben situado nun organismo oficial, e o seu traballo principal e de tradutor de idiomas. -Claro, claro Serafín, teu irmán estaba ben preparado e ademais agora xa será todo un sabio.

Aquela música quedoume asentada durante moitos anos no faiado da miña memoria; ata que sendo un estudante de vinte e tantos anos, coñecín o sabio Xosé Mª que tamén visitou O Buriz onde tiña bastantes parentes, entre eles o cura da parroquia. Presentoumo o cura e parolamos un pouco, sen maiores detalles nin conversas transcendentes. Foi un parrafeo de paso, mais deixou en min a súa pegada.

Uns dez anos despois cando volvín de Europa, no primeiro lustro dos anos 70, de novo nos encontramos adrede na vila de Guitiriz. E agora tivemos un longo diálogo no que Xosé María quería preguntar máis que afirmar. Naquel intre eu xa lera o seu único libriño NIMBOS có que alguén me agasallara, e decateime de que naquel instante estaba diante do sabio que meu Pai dixera, e diante do poeta que xa descubrira no seu libro. Case de súpeto preguntoume: que viches en Europa? -Pois, respondín titubeante, encontreime con traballadores emigrantes e outros grupos de españois, con universitarios de todo o mundo, con sociólogos e grupos diversos de intelectuais, cunha sociedade belga con tensións pero moi práctica, e así con outras experiencias miúdas.

Mais matinei con preguntar a Xosé María. Xa reflexionara sobre os seus poemas e pedíalle algunhas aclaracións. El quitaba importancia a súa obra poética, como reflicte o primeiro poema do seu libriño NIMBOS (“Coma ventos fuxidos”), non por falsa modestia senón porque así o entendía. Logrei que, como bo conversador, me falara non só dalgúns dos seus poemas senón de como vía el a situación de Europa e da literatura europea. Certamente, estaba diante do sabio que despregaba uns grandes coñecementos de Europa e diante do poeta “ferido pola beleza” da natureza, da lingua, das relacións humanas e de todos os seres, ata os máis insignificantes. De paso tamén falamos da posible entrada de España na Comunidade Europea que o goberno franquista xa estaba pretendendo.

Nos últimos anos 70 e primeiros dos 80, por motivo rutineiro dunhas obras, fun a ver a Serafín Díaz Castro, seu irmán, home cheo de humanidade e modelo de sabedoría do sentido común; e parolamos tamén amplamente de todo o posible e do imposible. Así mesmo naqueles anos volvín a encontrarme varias veces con Xosé María para falar das súas poesías, do mundo rural galego e da situación concreta do concello de Guitiriz. En sucesivos artigos lembrarei algunhas daquelas conversas.

Pese as moi boas relacións de veciñanza e de amizade cos irmáns Díaz Castro, estas foron esporádicas e ocasionais debido a distancia física que nos separou durante longos anos. Por iso neste escrito e en sucesivas aproximacións, só poderei achegar algúns datos puntuais e algunhas consideracións xenéricas. A miña intención é, ademais de render unha sentida homenaxe ós dous irmáns Díaz Castro, axudar a sacar do anonimato a figura humana deles e espallar a biografía, o saber humanista e a obra literaria de Xosé María.

Xa sei que moitas persoas e organizacións levan moito camiño andado na reconstrución da biografía e da produción literaria do noso poeta vilarego-guitiricense, o que é de agradecer en sumo grao. Mais creo que estamos ante unha ocasión de aspirar a retos de maior envergadura. Benvidos sexan os artigos nos xornais e revistas, benvidas sexan as declaracións e conferencias, benvidos sexan os fermosos audiovisuais e outras formas mediáticas de achegarse a figura do noso poeta. Non obstante, debemos intentar todos, a poder ser, ir máis aló con máis amplas achegas.

Persoalmente sempre me gustaron os retos duradeiros e de fonda pegada. Gustaríame que, deste momento de sensibilidade mediática, xurdira algún profesor de literatura ou equipo investigador que, apoiado por algunha institución, organización ou asociación, elaborara un estudo crítico e completo da biografía e obra literaria, narrativa e poética, do noso persoeiro. E cando digo estudo crítico e completo refírome ó estudo de todas as principais dimensións da vida e obra do noso sabio poeta, sinalando todos os seus acertos e limitacións nuns contextos espazo-temporais determinados da sociedade galega e española. Temos moito que aprender de Xosé Mª Díaz Castro. Ben sei que ese traballo require moita capacitación e medios económicos, moito tempo e paciente busca de fontes e materiais. Mais hoxe é posible.

Como seguir soñando é de balde, tamén me gustaría que desta ocasión, ademais dos numerosos actos puntuais de honra ó vate Díaz Castro, quedara algunha infraestrutura estable e permanente de cultivo da súa obra e promoción dos lugares nos que naceu, creceu, viviu e experimentou, co seu don especial, a beleza de todas as cousas. Un dos problemas, ó meu ver, do mundo rural galego foi e segue sendo unha feble organización cultural case sempre provisional, inestable e desprovista de medios económicos mesmo elementais. O reencontro da sensibilidade colectiva, dos mecenados económicos e dos promotores da cultura segue sendo outro reto importante, aínda hoxe pendente. Oxalá que nesta ocasión cheguen a converxer!
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES