Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O baleiro referencial

viernes, 24 de enero de 2014
Volvo a insistir teimosamente en algo que todo o mundo sabe, e, precisamente por iso, non se repara nel: A nosa sociedade está pasando por un baleiro de fundamentos referenciais, que implica unha navegación sen rumbo nalgunhas singraduras, con confusos ronseis, que xeran as numerosas preocupacións cotiáns. Tal vez os que vamos na nave carezamos de perspectiva para velo, e caiamos na esaxeración; pero penso que vale a pena reflexionalo.

Preocúpanos a unidade de España, como referente estatal; o funcionamento dos distintos instrumentos de xestión política e gobernamental, como executores dunha coordinación referencial; os comportamentos éticos, azarosos como froito da debilidade das referencias axiolóxicas; as constantes liortas, intra e entre partidistas, que acusan unha indefinición ideolóxica, a niveis institucionais e individuais; unha dispersión consecutiva de criterios, que comporta inseguridade, na esfera privada e pública, traducida en insospeitadas e irritantes actitudes; unha proliferación de posturas, a hora de tomar decisións políticas, que raian o insubstancial; un desdén, cando non un ataque desapiadado, das estruturas referenciais de calquera índole, indispensables nas entidades sociais, e, por último, algo arrepiante, a verdadeira independencia dos poderes do Estado, cun aviso internacional recente.

Todo ten unha correspondencia a nivel europeo e global; pero en España con matizacións agravantes, porque non se pode esquecer que pasamos, FORMALMENTE, dunha ditadura a un sistema democrático en uns poucos días. E isto significou que invalidamos as referencias fundamentais coa mesma presa emocionante que se derribou o Muro de Berlín.

Antes encontrábamos as decisións fundamentadas nuns referentes inaceptables por impostos. Preparábannos o almorzo, e, gustara ou non, había que tomalo; agora temos que cociñalo nosoutros, mais como nos volvemos melindrosos, cada un pretende cociñar o seu, aínda que a falta de recipientes suficientes para facelo e de cociñeiros con verdadeiro liderado lévanos a unha considerable perda de tempo e abre horizontes de risco.

O que pensamos que fixemos mellor foi adoptar actitudes de rexeitamento a un pasado indesexable; pero pretender partir de cero é un descomunal absurdo: nunca se parte de cero, os Reinos de Taifas son historia!. Sen embargo, polo menos, foi mester coidar a linguaxe, para “normalizar legalmente o que xa era normal no pobo” e para non evidenciar un cambio hipócrita nas actitudes, facéndoo pasar por substancial.

Desta maneira, mentres uns simularon rexeitar un pasado vergoñoso, os outros apresuráronse a xustificar os seus erros. E houbo unha converxencia eloxiable, sen dúbida; pero o que non houbo foi sinceridade. Xustamente por isto, cadaquén quixo acelerar a destrución (incluso con actos de violencia) das estruturas referenciais que poñían atrancos aos seus obxectivos, que non sempre eran de ámbito estatal.

Redactouse unha Constitución, que non contentou a ninguén, porque recolleu máis renuncias que consensos, ou, se o prefiren, foron as renuncias as que marcaron o consenso. O positivo entrou por extrapolación. Non obstante, compre recoñecer que foi e segue sendo abondo útil, pese os seus ocos.

É a Constitución da insinceridade, aceptada como camiño para non saír (uns) e para entrar (os outros). Seguramente a única posible, aínda que foi o froito murcho da árbore caída, de cuxo zume uns seguiron gozando con nostálxico agrado, e os outros aproveitaron para mitigar os desacougos das derrotas.

E gústenos ou non, a nosa realidade social pode andar por estes paraxes, porque estamos verificando como “daqueles pos saen estas lamas”. Vexamos algún lamazal.

Nun deles meteunos o Sr. Ministro de Xustiza. Acendeu o facho do aborto, precisamente cun temporal variable en dirección e intensidade. Acaso ven a ser o único co que se pode xustificar o contido programático do partido?. Pero é que, ademais, estamos sen referencias éticas, no seo dunha embarullada dispersión axiolóxica, onde as contradicións e os sofismas aparecen por todos os costados nunha materia tan delicada, que esixe enfoques multilaterais coordinados en converxencia.

Hai tempo que o furacán catalán, que parecía limitarse a tranquilizadoras fumaredas, ruxe con certos ronquidos de fondo, anunciando unha contida entrada en ebulición. Os especialistas confían que as lavas non cheguen lonxe; pero nin eles van a estar sempre de vixías, nin parece intelixente entregarse á confianza da evolución de estratexias, ben calculadas, no tempo das certezas, de desenmascaralas e de tomar decisións. Ou tamén nisto hai acordos subxacentes?.

Eta, en Euskadi, ratifica a súa decisión definitiva de renunciar a violencia. E, se é “definitiva”, a ratificación ven a ser un ritual innecesario, con visos dilatorios, para evitar o “consecutivo”, que sería a entrega das armas. Tal vez os bruídos cataláns lles fagan tremer.

Algúns cidadáns preguntámonos se aínda lle queda ao noso Goberno algún compromiso solapado por cumprir, ou se realmente carecemos de fundamentos constitucionais, porque os constitutivos de eventualidade histórica, “condicio sine qua non” daqueles, parecen acantoados no cemiterio do esquecemento.

A democracia como sistema de goberno non debería ser un estropallo nas mans dos partidos nacionalistas, que rexeitan e atacan, insaciablemente, os fundamentos do Estado, e sen embargo permíteselles que utilicen o Parlamento e o Senado estatais para facilitarlles a labor a prol dos seus propósitos. Inconcibible!.

“Non haberá xa máis recortes”. Máis ou menos estas foron as palabras do noso Sr. Presidente do Goberno. Non vaia ocorrer que incluso haxa que entrar na semántica do termo “recortar” para entendernos, porque as familias que están experimentando a diminución do seu poder adquisitivo pola subida de certos pagos necesarios, e dos famosos “copagos”, están soportando un importante recorte. Canto se recortou aos grandes capitais...?.

E non se trata dunha teima contra o capitalismo, que tal vez sexa necesario, senón contra as formas do neocapitalismo, que impera con indiscutible poder: A rumbosa visita do noso Presidente á capital do mesmo, por outra parte con éxito e necesaria, non deixa de desprender unha tufarada de incenso á fosa que cada vez separa máis uns poucos ricos, en España, do resto da poboación. Pero aquí tamén parece que o modelo económico carece dos necesarios referentes sociais e económicos que fundamenten as pautas da xustiza distributiva.

Por suposto que non preocupa a moitos que o Señor Alcalde de Burgos, D. Javier Lacalle, decidira paralizar definitivamente unha obra que tiña incluída no seu programa e, segundo parece, incluso pactada co PSOE; pero a outros, entre os que me inclúo, si nos preocupa.

No meu caso por dúas razóns: Porque pon en cuestión a súa propia autoridade e tamén a lexitimidade do sistema democrático, e porque as algaradas nas rúas, cando son de ese tipo e por esas razóns ou análogas, facilitan a incorporación ao grupo de manifestantes de persoas irresponsables, que utilizan deliberadamente a violencia, e isto debería ser intolerable.

Cando unha autoridade está lexitimada para adoptar determinadas decisións, hai que respectalas ou acudir aos xulgados competentes ordinarios ou do contencioso-administrativo, se procede. O que é extemporáneo no século XXI é acudir, por sistema, as algaradas na rúa.
Desta maneira reséntese a autoridade, e foméntase e lexitímase virtualmente a utilización dunha canle á que teñen especial afección os extremismos, de esquerdas e dereitas, para imporse con modais ditatoriais.
É un tributo que teñen que pagar as democracias, pero nin deben aceptalo nin esperar, como xa nos teñen acostumados, a que estes problemas se resolvan por si mesmos. Hai que evitar embarrarse no lamazal daqueles pos, porque xa levamos uns aniños de ensaios democráticos.

Outra preocupación é a indefinición socialista: Non acaban de definirse en certas cuestións. Acaneados polo PSC, parecen crer que configurar o Estado como federalista daría satisfacción ás pretensións nacionalistas. Pero, se realmente o pensan así, están facendo unha manifestación de incompetencia e incapacidade programática para gobernar España, e preséntanse ante o pobo incoando unha espiral perigosa.

A parte de por en dúbida a oferta dunha alternativa seria, terían que explicar ós españois a forma de estruturar este país como unha federación dende a previa unidade, e os pasos a dar; pero non en grandes liñas, senón en perspectivas puntuais. Porque máis ben que unha federación, isto semella ser unha artificiosa desvertebración estatal de consecuencias imprevisibles.

Utilizar a regulación do aborto como estratexia política, por uns e outros; permitir que se cuestione a unidade de España, despois do armazón histórico de tantos séculos; aldraxar a semántica do termos para ocultarlle a verdade ao pobo; permitir que se debiliten as institucións democráticas nas mans habilidosas de subversivos sen espazos políticos; poñer en evidencia a inconsistencia ideolóxica con algarabías persoais; ..., todo isto, e moito máis, lévanos a pensar que o baleiro referencial específico de cada esfera está dando os seus froitos.








Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES