Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha Cigoña, bo laxante e barato

Carballo, Xosé Manuel - miércoles, 22 de enero de 2014
Alá polo ano 1968 fixen en Madrid, como remate dun curso para formadores de seminarios, unha tese sobre psicoloxía evolutiva centrada fundamentalmente no concepto de identidade e usando sobre todo bibliografía francesa. Podía pasar perfectamente sen mencionar nada disto, pero pétame comezar impresionando a quen non me coñeza. Para completar ese coñecemento e facilitarllo a quen me busque, tamén podo presumir de que quen me busque pode atoparme en internet polas tardes e por aquí abaixo a calquera hora que me necesite e eu poida servir.

Dicía entón o que xa dixeran outros, porque “case nada novum sub sole”, que a nosa voz é, para os que tivemos a sorte de gozar dela, un dos elementos importantes da nosa identidade e da nosa identificación. Por iso os cambios de voz da adolescencia agudizan a crise de identidade desa conflictiva etapa da nosa vida. Pero cando se pasa por un cambio significativo e duradeiro de voz, aínda que sexa en idade adulta, tamén soe producir unha certa crise de identidade, pois nin se recoñece ben a si mesmo quen fala nin o recoñecen sen dificultade os oístes. Nas crises de identidade tamén se anda á pescuda de modelos de identificación e a min estame pasando que, por mor dunha larinxectomía total, despois dun tempo sen poder falar, volvo a facelo, pero cunha voz moi diferente á que tiña, de maneira que, coma na adolescencia, ando procurando modelos a quen parecerme nas distintas tonalidades da miña nova voz.

E, xa postos, á hora de buscar un son humorístico estoume decantando por Gila, traducido ao galego, debido a que non dou atopados humoristas galegos que dignifiquen a nosa lingua e atinen a amosar o noso enxeño fino e retranqueiro, que dende tempo inmemorial ven sendo un mecanismo de defensa difícil de entender para non galegos ou galegos non practicantes.

Para o son afable ben afincado en convicción éticas e morais, trato de identificarme con Benxamín Casal. No campo relixioso gustaríame parecerme ao Papa actual, afable e, de momento, moi próximo e máis pastoral ca dogmático, e moi semellante tamén ao noso igualmente ben equilibrado e querido Andrés Torres Queiruga. Desexaría ter a palabra tenra e próxima de Neira Vilas en todo momento, pero especialmente a manifestada en “Memorias dun neno labrego”. E, saltando a moitos polos que sinto gran admiración, para o son agresivo, desapiadado e resentido non din atopado a ninguén mellor ca un que firma co pseudónimo de “La cigüeña de la Torre”.

Síntome moi identificado con el, porque se ve ás leguas que tampouco dá superado a súa crise de identidade, xa que, nacer, naceu Cigoña; pero rabautizar, rebautizouse Cigüeña.

Xa dixen que aquela miña tese era sobre psicoloxía e non me desgusta xogar a psicólogo, aínda que leva consigo certos riscos, porque a personalidade humana dá moito que desentreteñar. En base a eses xogos, a algunha foto e aos poucos escritos que lle teño lido a este escribidor, dende unha análise psicolóxica superficial non me acaba de parecer Cigüeña, porque as cigüeñas son máis ben apracibles, calmosas, de pico largo, carnívoras... e el aparenta ser máis ben agresivo, nervioso, de bico recortado ata o punto de que cando sorrí o que parece é que pretende roer, debido a que o labio de riba non lle dá tapado ben a dentamia superior, e, máis ca carnívoro semella omnívoro con especial preferencia por alimentos que cre en proceso de descomposición natural ou inducida. O que si parece tamén é considerarse especie semiprotexida.

Doutra banda, iso de “de la Torre” seméllaseme en demasía fachendoso para unhas neuronas que ninguén diría que teñen tanta altura de miras. O que non poño en dúbida é que se trata dunha ave de paso que co cambio climático non deixará moito rastro tras de si cando se vaia ivernar. Por un intre pensei se non lle cadraría mellor “buitre” ca “cigüeña”, pero tampouco. Para voitre fáltalle envergadura e equilibro no voar señorial. Inclinaríame, máis ben por catalogálo de corvo. Pero claro, corvos non se ven moitos en altas torres, así que para min, sen estar moi seguro, pero, como el di moi a miúdo: “O a mi me lo parece”, sería un corvo de salgueiro da calquera lameiro.

Que conste que non me poño a escribir isto porque me pase coma a el que non sempre escribe porque teña que dicir, senón que a miúdo di porque ten que escribir. Pagaranlle por iso? Escribo por unha especie de defensa propia e allea ante acusacións gratuítas e non debidamente fundamentadas.

Se hoxe perdo por culpa súa algo do meu tempo de xubilado en activo é en sinal de gratitude polo gran agasallo que o día de Reis lle fixo á diocese de Mondoñedo Ferrol á que eu me honro en pertencer, e el se deshonra en agredir inmisericorde e lerdamente. A súa inconmensurable sabedoría eclesial e os seus peculiares varemos valorativos lévano a dicir: “Hoy Mondoñedo-Ferrol es la diócesis más conflictiva de Galicia”. Ao noso exemplar e ben querido Bispo, Don Manuel Sánchez Monge, chámalle “imbécil impresentable” nun mal disimulado e miserento estilo literario, mal remedo de retranca dexenerada en raposeiría e impropio de quen se di que estudiou dereito. Do tamén noso Bispo, xa defunto, Don Miguel Anxo Araujo di que é de “infaustísima memoria”.

Debe ter ben aguzadas as poutas este maléfico córvido, para desenterrar mortos de xeito tan irreverente e desapiadado e para rabuñar impunemente a alguén de quen gardamos agarimosa e agradecida memoria de pastor, que non tivo reparos xa nos seus tempos en ulir a ovella como recomenda este Papa, con acertos e desatinos, pero nomeado non precisamente por mentes tan enfermizas coma a de quen se tapa con fina capa de agudo crítico sen atinar a non deixar trasver o miserento criticón que vai debaixo da vella capa. Trata de arremeter, usando o plural maxestático ou disimulando a súa confusa identidade botando man dun plural difuso, contra un cura do que di: “No es la primera vez que hablamos del cura de Xermade. Y nunca bien” O de “nunca bien” sobraba tratándose dos seus córvidos grallidos, pero mire o ben informado que está, que nin sequera sitúa a ese cura na parroquia que lle corresponde, e así, de paso que arremete contra un que non é malo, calumnia a outro, D. Uxío García Amor, con merecida sona de santo, facendo arteiro uso de modos moi propio do corvus corax, que mentres defende con ferocidade o seu territorio, foscalla e esparexese a destra e sinistra a bosta na que remexe pavoneándose fachendoso e amosando o seu ameazante peteiro.

Coa desculpa de atacarlle a ese cura despáchase contra o clero desta diocese de Mondoñedo Ferol con palabras tan agarimosas como: “Unos cuantos de los pocos curas que quedan son muy malos e impresentables” Como eu son un deses poucos curas que quedan, síntome alagado porque este individuo me cualifique de malo e impresentable, xa que, se fose dos que el tén por bos e presentables, sería eu mesmo quen sentiría vergoña de presentarme en público. Cando agasallará este frustrado Licenciado Molina aos seus sectarios seguidores con un tratado que leve por título algo así coma: “Manual del buen sacerdote por el alucinado Paco Pepe”?

O máis curioso aínda é que di que o que di el non o di, senón que cita unha crónica de La Voz de Galicia, colgándolle ao cronista, que só informa dunha maneira sensata, os seus delirios de “católico-torquemadista-lefebriano” non só preconciliar, senón resentido anticonciliar. Quen le tan ao revés unha crónica periodística ben feita, manipulándoa para apoiar nela as súas falsidades, malamente poderá escribir ao dereito.

Vese que o noso Don Manuel é un bo Bispo, porque xa é a cuarta ou quinta vez que lle ataca este individuo en permanente crise de identidade.
Tamén di que “La Voz de Galicia es el periódico más leído en mi tierra”. Non llo discuto, pero eu nunca sospeitaría que “su tierra” é a mesma nai miña, repudiada por el ao trocar cigoña por cigüeña, en perfecta simbiose cos domadores e capadores de tempos polo que se ve aínda non superados.

Vistas as súas declaracións sobre “su tierra”, pregunteille de inmediato a miña nai: “Mamá, é posible que ese elemento e máis eu sexamos irmáns de pleno dereito?” A mamá respondeume: “Filliño, só che sei dicir que ti es fillo de lexítimo matrimonio, pero cando o tiven a el foron moitos os que me violaron”. Algo diso xa sospeitaba eu, pero, disimulando, só ousei dicirlle: “Pois mira, mamaíña, sabendo o moito que tiveches que sufrir, e que segue habendo fillos e fillastros que renegan de ti, aínda te quero máis”.

Advertiume alguén cando lle comuniquei que tiña intención de malgastar algo de tempo ocupándome desta curuxa, perdón, cigueña, perdón, corvo, de que responderlle era entrar no seu xogo e que me atacaría. Pero non fixen caso destas advertencias e, pola contra, permítome aconsellarlle a ese mal fiscal acusador, que se acubilla baixo toga de avogado-avogador-defensor, que, se me vai atacar, non o faga polo meu amor a Galicia e á súa lingua sen exclusivismos, pois se me ataca por aí, reafírmame nas miñas conviccións de amor ao próximo, nin acuda a que o meu son non é caritativo nin evanxélico, porque no Evanxeo tamén están as arremetidas de Xesús contra os sepulcros branqueados, escribas e fariseos que se cren os únicos perfectos e fachendosos donos da verdade en exclusiva, ou as incisivas palabras de Xoán Bautista contra as distintas razas de víboras. Se bota man do vergallo, que sempre tén tan ao xeito para botarme do templo, que teña coidade con non enguedellarse nel e saír el mesmo diante min arrastrado por algún carneiro asustadizo. E, se por aí colle o camiño máis pailán e menos creativo de colgarme algunha querida, párese un chisquiño, home, a ver se polo menos por unha vez demostra que aínda lle queda algo de bo gusto á hora de escollerma.

Non quero despedirme por agora sen antes facer grandes loanzas do seu dominio da lingua Castelá, aínda que en sintaxe anda algo frouxo. Para mostra abonda este botón do mes de setembro do 2013: “Tuve yo un problema con la mirada del cardenal arzobispo de Buenos Aires (Bergoglio, actual Papa). No sé si la califiqué bien o mal. Pero algo tenía en la mirada: ¿Duro, triste, torvo...? No tengo ningún master (sic, sen acento) en miradas. Por lo que me puedo equivocar opinando sobre las mismas. Con lo que no pasa nada. (¿Nada? ¡Que gustazo!) Simplemente que me equivoqué. Y que juzgué (Fiscal, avogado e xuíz. ¡Case nada! Pagará moito á facenda, non?) una mirada dulce, amable, afectuosa como hosca, de pocos amigos”. (¡Olé tu grasia, moreno! ¿Ou será olé con h?)

Non terá ningún máster en miradas, pero en dominio de sinónimos debe ter polo menos corenta másteres miudíños ou un masterismo xigante. Quen non tén utilizado “mirada torva” co significado de “dulce, afectuosa”? Perdón non pide, non. Como “no pasa nada”. Ve aí tén: unha idea xenial para engadir ao ritual do sacramento da penitencia: “¿Hiciste algún máster, hijo mío?... ¿No?... Pues vete en paz, y sigue así quer vas por el camino del nuevo salvador don Cicuta” .

Por favor, non cambie nunca de estilo nin deixe de escribir, nin apee nunca do seu salgueiro, porque, a falta de “Crónicas Marcianas”, cando teño o estómago ou o ventre revolto, léoo a vostede e con media dose xa evacúo por riba e por baixo con moita facilidade e sen necesidade de facer empuxes coma quen obra pouco pero duro. Case deberían receitalo como laxante pola seguridade social. Ou non ten código de barras nin denominación de orixe?

Se me contesta poderíamos ir a medias nas ganancias por proporcionarlle ideas das que non parece andar moi sobrado, xa que se repite moito, e por abrirlle portas e que non teña que seguir reprimíndose nas súas ameazas de: “decir muchas cosas que llevo tiempo callando sobre parte del clero mindoniense”. Se os seus espías informantes son tan rigorosos coma vostede, ou se a súa miopía lle permite albiscarme dende o seu salgueiro, agardo impaciente as súas lindezas e supoño que os meus lectores tamén.

Por hoxe nada máis e vélese, por mor da friaxe invernal, de que non lle esmouquen o salgueiro e quede a mercede da xistra como lle pasou en Religión Digital.

Moi desatentamente, como corresponde ao son de voz do que vostede é insuperable modelo de identificación ao que en adiante non quero seguir parecéndome.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES