Repensando a festa dos Santos
Mato, Xesús - martes, 01 de noviembre de 2005
Un ano máis, honramos a Todos os Santos. ¡Tamén aos nosos!. Debemos ter presente que os defuntos son os nosos Santos. Non hai outros. Son os mesmos. Por iso cómpre unificar o senso da Festa. O noso pobo galego, que soubo vivir e conservar as tradicións (visita cemiterios, frores, misas, oracións, etc.) debería dar un paso máis e mostrar a súa fe adulta celebrando esta festa con moita máis alegría. Sobran tristuras, laios e bágoas e falla (alomenos non se nota) unha leda, gozosa e esperanzada confianza no Señor, que morreu e resucitou para que todos e todas tiveramos e gozaramos da súa vida groriosa.
A celebración desa incontable moitedume dos santos (nosos parentes, veciños, amigos, etc...) lémbranos que é un día moi oportuno para recordar que todos nosoutros estamos tamén chamados a esa vida, santidade, felicidade e plenitude que posúen os santos. Algo que aquí, neste mundo, só podemos encetar e esperar confiadamente.
Para non quedármonos na rutina, velaí tres ideas/clave para a reflexión (Badal, 1999)
a/. A Santidade neste mundo. Durante moitos anos, na nosa Igrexa, pensábase que a santidade era algo inalcanzabel para a maioría dos humanos. Críase que o camiño da perfección só podía ser vivido por Xesús, os apóstolos e/ou algunhas (poucas) persoas. Os/as santos/as estaban fóra da normalidade, coma seres superiores, estranos. Só canonizaban aos papas, cardeais, bispos, monxes/as fundadores/as, relixiosos/as e case ningún laico/a. Foi o Concilio Vat. II o que nos fixo entender que calquera persoa (home/muller) pode vivir a santidade (incluso fóra da Igrexa) con tal de asemellarse ao prototipo fixado por Xesús. Todos/as estamos chamados/as á santidade (L.G.11) pois é única para todos, aínda tendo distintas ocupacións. A santidade consiste en sermos mais humanos (L.G.40) pois os verdadeiros froitos da santidade deben frorecer na mesma humanidade. Xa o dixera Xesús. Todos e todas podemos e debemos ser santos/as.
b/. A Calidade/cantidade de santos/as. Ser santo non significa ser irreal, estar fóra do mundo, ser de madeira
Non hai tope de benaventurados, pois é grande a multitude que fai esforzos (coa graza de Deus) para acadar a santidade. Son imnumerabeis os que loitan a prol da paz, da vida e da xustiza; os/as ilusos/as, os/as incasábeis, os/as escravos/as, os/as martirizados/as, os/as masacrados/as pola xustiza, os/as que pensan que a orde social establecida non é inalterábel, os pobres e os/as marxinados/as
.Todos e todas os/as que camiñan na busca da presencia de Deus (que algún día verán tal cal é) e que están a ver o mundo (tal e como debería ser), que cren nesta Humanidade coma consecuencia de ser fillos/as de Deus
todos e todas eses/as están no camiño. E son multitude, aínda que fagan menos barullo cós que sementan violencias, guerras, terrorismos, morte
Esa multitude vai ser a que salve este noso mundo, á deriva.
c/. Por todo iso tamén todos/as debemos estar alegres e contentos/as.
Porque nos gozamos dos que xa están banda dalá e celebramos a esperanza de que os esforzos dos da banda dacá valen a pena e van ter recompensa. Van ser ben acollidos os mártires da xustiza, os que fomentan a lei do amor, do servicio; os non contaxiados do culto adulterado, os silenciados, os nosos vellos e vellas condeados/as ao silencio nas aldeas, os/as que no teñen opción ó dialogo, os que forman a Igrexa dos pobres. O Ceo e maila Terra están máis unidos do que pensamos. E tamén
¡cheos de Santos e Santas!.
¡Celebrar esta Festa é celebrar/gozar do pasado (nos santos/as) e do noso futuro!

Mato, Xesús