Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sinerxias relixiosas a prol dun mundo máis xusto

viernes, 17 de enero de 2014
Na revista Tendencias21 (www.tendencias21.net), o xesuíta D. Juan Masiá, publica unha colaboración resaltando a cooperación entre budistas e cristiáns en diversos proxectos humanitarios, algunha de cuxas ideas penso que merecen subliñarse. Permítanme que, modestamente, lles traia aquí algunha delas. Pero antes, fago unha presentación deste profesor para poñer nas mans de vostedes algún elemento de xuízo.

D. Juan Masiá Clavel, xesuíta español, leva máis de dúas décadas residindo no Xapón, aínda que dirixiu a Cátedra de Bioética da Universidade de Comillas, entre os anos 2.004 a 2.006, da que foi separado, segundo información dixital, por cualificar como “metade cómico, metade anacrónico” o debate eclesiástico sobre o uso do preservativo. É profesor na actualidade da Universidade Sophia de Tokio (Xapón). Ten diversas obras publicadas, entre as que figuran as seguintes: “Temas de Bioética” e “Teoloxía de la Liberación”, en xaponés, e “Bioética y Antropología”, “Aprender de Oriente” e “El animal vulnerable”, en español.

Aínda que tal vez sexa conveniente saber algo do autor para valorar as ideas vertidas nos contidos dos seus traballos, penso que tampouco se pode caer no erro de prexulgar o sabor dos froitos dunha árbore só polo aspecto que ofrece a nosa propia sensibilidade, e moitas veces a experiencia ensínanos que as árbores máis espiñosas dan os froitos máis saborosos. Ata onde isto ven ao caso, non me corresponde a min dicilo, senón a vostedes intuílo.

Comeza o profesor Maciá a súa colaboración ocupándose da COMPAIXÓN, sobre a que di que este termo en español baleirouse de contido, porque, cando falamos de que sentimos compaixón por algunha persoa, o que realmente estamos a dicir é que “nos da mágoa”; “pero poucas veces se asocia coa necesidade de preguntarse polas causas profundas da dor allea, polas compoñentes sociais e políticas dos chamados AXENTES VITIMIZADORES: as situacións sociais xeradoras de inxustiza e dor”. (Maiúsculas, miñas).

Segundo este autor, está preocupando a moitos teólogos, de tradición cristián e budista, o feito de que a compaixón individual non quede relegada a un mero sentimentalismo, sen tradución nas transformacións sociais necesarias, porque a compaixón é moito máis que mágoa, xa que esixe que esta sexa eficaz, tarefa farto difícil hoxe en día, en canto hai necesariamente que operar a escala da globalización: liberar á vítima pasa por unha profunda transformación dos sistemas que a causan.

En relación a isto, Xesús hoxe contaríanos, posiblemente, a parábola do bo samaritano noutros termos: Tería que falar de moitas vítimas e de moitas estruturas e sistemas agresores, porque se o 20% máis rico da humanidade acapara o 80% dos recursos do planeta, aínda que no nos encandee demasiado por escoitalo moitas veces, é demoledor. E, evidentemente, para liberar ás vítimas non chega cunha compaixón puntual. Fai falla moita solidariedade compasiva, pero a condición de crear moitas estruturas de solidariedade para desarraigar as inxustizas estruturais.
E non falemos do que o Prof. Maciá chama “axentes vitimizadores”, porque a súa complexidade é aterradora. Curiosamente pon o exemplo das preferentes e di: “...non eran (non son) só vítimas da persoa que lles fixo as póliza na fiestriña, a cadea de “vitimizadores” lévanos desde o director da sucursal a central, e desta a cúpula da entidade bancaria, a toda a rede de manipulación financeira, a facenda, e ata Wall Street, pasando por Bruselas...”.

Fai alusión aos nómades da Mongolia, os que lles arruinaron e destruíron o seu xénero de vida, xa que non poden levar os seus gandos aos pastos, porque os terreos foron comprados por multinacionais, onde montaron instalacións para extraer uranio, que compran os xaponeses para as centrais nucleares, e o Xapón ofrece a Mongolia montarlle centrais nucleares a cambio de que lle permita enterrar no deserto de Gobi os refugallos reactivos: “ É dicir, tirar o lixo do rico no patio do pobre”.
Pero...ollo!. Segundo parece, este proxecto xaponés é un acordo en secreto con Francia e USA, que descubriu a prensa. E ben que se apuraron os ministros de economía dun e doutro país a dicir que só era un proxecto; pero o certo é que, ao cabo dun ano, o proxecto segue adiante.

Se preguntamos, entón, cal é o “axente vitimizador”, habería que dicir que se trata dunha “rede de intereses político-financeiros”. Son moitos os agresores, porque hai implicados sistemas, estruturas, institucións..., que esixen un minucioso análise, para denuncialos e criticalos con eficacia, algo que tiñan que facer “unhas políticas con criterio ético e non vítimas da ditadura da economía, das finanzas e dos mercados”. Aquí habería que aplicar criterios de globalización, a escala mundial, da xustiza.
Desgraciadamente, formamos greas de individuos, non sociedades de persoas responsables e liberadas, que estamos anestesiados ata tal grado que todo nos esvara, ven a dicirnos o xesuíta, porque tanto nos da que nos informen de que hai, segundo din, máis de 42 millóns de vítimas da SIDA, coma que morren de fame 800 millóns de persoas e hai 200 millóns de nenos e nenas con desnutrición: Estamos “insensibilizados ante a GLOBALIZACIÓN DA VIOLENCIA, e caemos na GLOBALIZACIÓN DA INDIFERENZA, da que falaba o Papa Francisco a propósito do drama silenciado de Lampedusa”. Hai medo, moito medo, que tamén está globalizándose, e parece que toca calar, se queremos non expoñernos aos dardos certeiros dos poderes de feito.

Nas relixións, saen ao paso as teoloxías da liberación no cristianismo e os budismos comprometidos; pero este mesmo relixioso dinos algo verdadeiramente preocupante, e non por descoñecido: “No cristianismo e no budismo, xorden teoloxías da liberación e ideoloxías de dominación. Hai budismos comprometidos e budismos de evasión. Hai cristiáns comprometidos e cristiáns de evasión”. Pero... que evaden?. Comprometerse coa transformacións estrutural.

Máis aínda. Penso que Maciá, forzando a súa obxectividade, sacode a mesma hermenéutica, e di que aquilo que Xesús dixo, segundo San Xan, en 20, 23,“ a quen perdoedes os pecados, perdoados lles son; a quen os retedes, retidos quedan”, sacouse de contexto, porque Xesús non estaba referíndose a primeira “xerarquía eclesiástica”, senón a “primeira comunidade”, e non deu ningún poder para que se perdoe a unhas persoas e se condene a outras, porque “o encargo de ir ao mundo, coa dobre misión de conciliar e transformar, é unha misión dada a toda a comunidade, non unha potestade privilexiada para un grupo dirixente”.

Estende o xesuíta todo isto ao noso contexto, e expono así:
“Xesús da un dobre encargo á comunidade liberadora e liberada, seguidora da súa obra.

A primeira parte do encargo é: Ide a perdoar, ide a reconciliar. Ide a liberar ás vítimas do mal, compadecendo, acollendo, reconciliando e librando do mal estrutural do “pecado do mundo”.

A segunda parte do encargo é: Ide a denunciar, ide a transformar. Ide a liberar aos axentes “vitimizadores”, denunciando, criticando, chamando á conversión e transformación das estruturas inxustas”.

E termina cunhas palabras que penso que o reflicten ética e relixiosamente:
“...: a compaixón sen liberación é alma sen corpo, insuficiente. A liberación sen compaixón é contraditoria, corpo inanimado”.

Que queren que lles diga...?!. Sabido é que a enorme complexidade da realidade ofrece moitos costados, como xa explicou Ortega no seu perspectivismo, e non pode un quedarse cunha soa vía de acceso a ela; pero o que parece incuestionable é a necesidade de contar co maior número posible de accesos para coñecela mellor e evitar que, dende unha única perspectiva, se queira articular un coñecemento da totalidade.
Escusado é dicir que aquí a integración de opinións debería producirse polo camiño da cordura, a prudencia e a ponderación das razóns esgrimidas, e xamais por decreto, aínda tendo en conta que Xesús presentouse no templo, días antes de que o apresaran, co látego na man, para desbaratar o “poder relixioso casado co poder económico e co poder político do goberno local e o poder colonizador romano”.

Vivimos nun mundo convulsionado. Necesítanse, pois, sinerxías correctoras con amplas e diversas estruturas de solidariedade, e bo é que as dúas grandes relixións do mundo converxan en proxectos de matiz humanitario e os estudosos das mesmas espallen refachos de luz sobre as conciencias anestesiadas, rachando os efectos perversos de calquera xerarquización que non sexa de servizo, senón de poder interesado e ostentoso.

A dificultade de asumir estas responsabilidades xa a experimentou Xesús no seu propio corpo. Preséntase como unha constante histórica. Compre, pois, nestes tempos de abondosa comunicación, ir sacando caretas para desvelar as facianas na súa propia realidade.

E non perdamos o tempo xesticulando e con expresións faciais de rexeitamento a quen trae a colación as inxustizas e invita a loitar contra elas, porque, como tamén dixo o Papa Francisco, NINGUÉN PODE QUITARNOS O DEREITO DE LOITAR POLA FELICIDADE DOS DEMAIS e, se somos cristiáns, NINGUÉN ESTÁ AUTORIZADO PARA IMPEDIR O EXERCICIO DO DEBER DE FACELO, aínda que se poñan en perigo eses efectos anestésicos que tanto defendemos os máis ou menos acomodados como “paz social”. Compre reflexionar..., sen escusar algunha desvergoña!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES