Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A rebelión dos alcaldes pedáneos

jueves, 16 de enero de 2014
Compás social

Desde 2012 fitei algunhas manifestacións de “Alcaldes Pedáneos” diante do Ministerio das Administracións Públicas. Sorprendeume este novedoso fenómeno social. Os manifestantes eran dirixentes de Entidades Menores de varios pequenos pobos da Comunidade Autónoma de Castela-León e en menor medida doutras rexións. Este feito repetido varias veces sen demasiado eco social, era algo inhabitual, non só na época franquista senón nos anos da democracia. Que está pasando?

Os manifestantes pregoaron que o proxecto de Reforma das Administracións Locais pretendía que as Entidades Menores desaparecesen ou que quedaran baleiradas de competencias. Era iso certo? Había algo máis detrás? Nas vacacións de verán tiven a ocasión de visitar algunhas Entidades Menores das provincias de León, Palencia e Burgos, de parolar con algúns veciños e dirixentes e consultar a lexislación autonómica de Castela-león sobre esta forma de organización político-administrativa de base. E logrei aclarar algo pouco a pouco: eses pobos, hoxe con minguada poboación, foron en tempos pasados concellos máis poboados, con plena autonomía, con competencias e patrimonio propio. Agora son núcleos rurais de poboación en loita agónica por sobrevivir.

Na Lei 1/1998 de Réxime Local de Castela-León quedou fixada a actual estrutura de goberno desas Entidades Locais, cun Alcalde-Presidente e dous ou tres concelleiros de acordo có tamaño da poboación, co seu patrimonio e orzamento propios e con plenas competencias, aínda que, para certos asuntos, estean integradas nun concello de maior extensión e poboación. Nos últimos anos, dixéronme os informantes, as autoridades autonómicas veñen falando de “distritos rurais” que dalgún modo supoñen a desaparición desas Entidades Locais para fusionalas ou integralas nuns concellos de maior tamaño; mais de momento ese proxecto está paralizado. Esas Entidades Menores teñen recursos propios, funcionan razoablemente con esa reducida xunta de goberno e cun secretario compartido entre varias delas, e en xeral sen acumular débedas. Entón, que ocorre? Por que as queren suprimer?

Algúns secretarios desas Entidades Menores, -que son os que realmente coñecen os recunchos recónditos desa Administración local-, descubriron o miolo da cuestión: os concellos que acumularon débedas importantes, -por mala administración, por dilapidación ou incluso por corrupción-, son os grandes concellos que agora están endebedados. E as entidades locais teñen a sospeita de que detrás da suposta “fusión racionalizadora” está o intento de fagocitar os bens patrimoniais dos pequenos pobos e os beneficios que actualmente obteñen, tal como poden ser os cartos que producen as poxas de madeira dos montes propiedade común. Ademais intúen unha previsible desatención futura dos servizos esenciais deses núcleos pequenos medio baleiros. Por estas e outras razóns máis en detalle, os veciños opóñense frontalmente á integración nuns teóricos “distritos rurais”. Temen o famoso círculo vicioso: a clase dirixente quita servizos ó medio rural porque decreceu a poboación, e sigue reducíndose a poboación por falta de servizos e de oportunidades de traballo e de vida digna.

En Galicia apenas existen Entidades Menores, quizais só algunhas na provincia de Pontevedra saídas do Estatuto Municipal de 1924 que prevía pequenos concellos abertos. Certo que o Estatuto de autonomía de Galicia de 1981 recolle o recoñecemento xurídico da parroquia rural e que no ano 1997 publicouse a Lei Galega de Administración Local, que inclúe a posible creación de Entidades Locais Menores; mais eses textos quedaron sine die no limbo da nada. Os alcaldes pedáneos das parroquias do período franquista representaban ó alcalde do concello levando recados ós veciños; e os pedáneos parroquiais que hoxe continúan, seguen facendo o mesmo, cando agora debería ser ó revés: que un alcalde pedáneo parroquial elixido, debería representar ós veciños ante o alcalde do concello, para expoñer os problemas veciñais e reivindicar solucións axeitadas.

Mais pronto estaremos noutro novo escenario: o texto da Lei de Reforma Local, que está a punto de cociñarse no Parlamento Nacional, parece ser que prevé a “racionalización e sustentabilidade” dos concellos rurais mediante fusións ou outros posibles mecanismos de integración. Un dos elementos clave desa reforma local semella ser a redución das competencias dos pequenos concellos e traspasalas ás deputacións. Hai que esperar o texto definitivo desa Lei de Racionalidade e Sustentabilidade da Administración Local para saber como se axustará á situación galega. Tendo en conta as circunstancias de cada lugar, ¿repetiranse nos Concellos Rurais de Galicia as tensións que vimos nas Entidades Locais Menores de Castela-León? Xa ollamos a reacción dalgúns alcaldes e de expertos nesta materia. Veremos en que queda ese dilema entre identidades locais e racionalización sustentabel. Agora estamos nun compás de espera.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES