Xesús planta cara ao sistema e opta polos pobres
Mato, Xesús - lunes, 31 de octubre de 2005
A Palabra de Deus é liberadora cando se acolle con humildade e sinxeleza. É quen de transformar as nosas vidas e de facernos libres, abertos, valentes e coherentes. A Palabra do Señor dá vida e desenmascara as hipocrisías: as da Igrexa e as do Mundo/Sociedade.
As que escoitamos hoxe son fortes e craras. O seu realismo e actualidade, evidentes. Son tan certeiras que todos/as resultamos tocados/as. Chámannos a unha fonda revisión. Tanto aos dirixentes políticos, educacionais e socio/económicos coma aos relixiosos.
O profeta Malaquías denuncia a conducta incoherente dos sacerdotes: apartástesvos do camiño, fixestes tropezar a moitos na Lei e invalidastes a miña alianza con Leví (Mal.1-1) Xesús desenmascara aos dirixentes do pobo e do Templo (escribas/fariseos) porque non fan o que din e obrigan ao pobo a levar fardos insoportábeis sen que eles movan un dedo
. Ainda máis: todo o que fan é para que os vexa a xente: alargan as filacterias e ensanchan as franxas dos seus mantos, collen os primeiros postos nos banquetes e os asentos de honra na sinagoga
Admiten as reverencias polas rúas e déixanse chamar mestre, pai, xefe, señor
. Isto non casa coa doutrina de Xesús. Por iso: Vosoutros nada de iso: O primeiro entre vós será o voso servidor (Mat. 23,1-12)
É doado ver a quen se refire Xesús e quen son os que precisan (precisamos) conversión. Persoalmente síntome aludido e fortemente interpelado. Abondan demasiados fumes, soberbias e hipocrisías. Tanto no mundo da política e das finanzas coma na Igrexa xa que dá a sensación de estar máis ocupada en ollar cara sí mesma que cara ao mundo. Máis enredada en se manter e dar leis e en apoiar o sistema establecido ca en servir ao pobo e aos pobres. Vexan - en latin ou italiano- as 50 propostas da XI Asemblea do Sínodo dos Bispos. Só en dúas se fala de humanidade. (Sintomático, ¿non lles parece?)
Vestimentas, ritos, honras (funerais X. Paulo II e entronización Bieito XVI) desfiguran e/ou ocultan o verdadeiro rostro de Xesús na Igrexa. Dentro de nós aniñan os mesmos xeitos. Parece que preocupan máis as normas e a defensa dos nosos dereitos cá loita pola promoción dos dos máis pequenos. ¿Para que lles serven aos pobres os dereitos á vida, á saúde, ó traballo
?. ¿Que facemos os cristiáns/ás para mudar estos feitos?
A nosa obriga é servir. (¡Difícil servir na gratuidade, pór a disposición dos pobres o noso tempo, saber, vida!) Xesús chámanos a sermos coma El. (E vin que servir era ledicia, Tagore) A dignidade do cristián está en ser fillo de Deus, cristián na Igrexa e cidadán no mundo. O culto que Deus quere é que sirvamos e axudemos á liberación de todas as escravitudes dos nosos irmáns. Cando plantemos cara á inxustiza, á prepotencia e á desigualdade, estaremos a seguir, con coherencia, ó noso Mestre e Señor Xesús.

Mato, Xesús
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora