Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Padre Seixas desde dentro

martes, 14 de enero de 2014
Na presentación do seu libro O PADRE SEIXAS DESDE DENTRO, en A Estrada (Pontevedra), o autor, Manuel Cabada, pronunciou as seguintes palabras:


Moi queridos amigos todos:
En primeiro lugar, quero agradecer moi especialmente ós promotores desta presentación do libro sobre Seixas aquí na Estrada, o meu concello natal. Como ben sabedes, David Otero e Xoán Carlos Garrido están sempre alí presentes onde se trata de promover e animar actos e acontecementos que teñen que ver coa promoción e dignificación da cultura e da lingua deste noso país galego. Foi David quen, para usar a comparanza, levantou a lebre cando nunha librería ourensá ollou por casualidade este libriño que hoxe presentamos, poucas semanas despois da súa aparición. Grazas, pois a eles, pola súa xenerosidade e tamén, por suposto, ós responsables e integrantes da “Asociación Cultural Vagalumes” de Tabeirós-Terra de Montes, dinamizadora deste acto. Unha Asociación á que eu, naturalmente, non podo menos de sentirme moi próximo por ter escollido para si como distintivo Vagalumes, o título que leva o libro de poemas do meu tío Xosé Manuel Cabada Vázquez, poeta e político galeguista finado no ano 1936.

E tamén quero agradecerlle de paso á Asociación (como non?) que teña escollido o campanario da igrexa da miña parroquia natal de Sabucedo para figurar así, ben fachendosa, no cartel-anuncio da Presentación.

Xunto con eles está hoxe aquí, acompañándome na cabeceira ou presidencia desta presentación Quico Domínguez (Director da importantísima Fundación Penzol de Vigo e director tamén da benemérita editorial SEPT, que se dignou acoller entre as súas selectas publicacións tamén este cativo escrito meu). Tamén está aquí con nós Silvestre Gómez Xurxo (autor, entre outros méritos, dunha obra-entrevista sobre Seixas que, como axiña direi, foi para min providencial). Ámbolos dous foron moi bos amigos, discípulos e coñecedores de Seixas, bastante antes de que se convertesen tamén, grazas a Deus, en bos amigos meus.

Benvidos tamén todos os que vos animastes, a pesar do desapracible deste tempo de inverno, a achegarvos a estas horas por aquí para asistir a esta Presentación!

Supoño que será preferible que o que poida eu comentarvos aquí xire arredor da orixe e das experiencias da redacción deste escrito sobre Seixas, para que así poidades quizais situalo mellor.

Pois ben e para empezar. Escribir sobre Seixas non se me pasara nunca pola cabeza durante os algo máis de corenta anos que pasei en Madrid dedicado a outros mesteres. Hai agora tres anos e tres meses os que podían tomar decisións sobre min consideraron que sería mellor que, en vez de facer esporádicas escapadas a Galicia e concretamente á miña parroquia natal de Sabucedo, residise xa máis establemente en Galicia, e concretamente en Vigo, para así gozar máis de cheo do coñecido xúbilo da xubilación. Nestas, un bo día, pouco tempo despois de asentarme na cidade olívica, un compañeiro meu, Bieito Santos, amosoume un libriño, que eu por entón descoñecía e que a todos vos recomendo. O seu título é Conversas do Pai Xaime Seixas Subirá con Silvestre Gómez Xurxo. O autor deste libriño, Gómez Xurxo, está hoxe aquí con nós.

Quedei impresionado polo espírito que Seixas reflectía nese libro-entrevista, e aí empezou todo. A curiosidade e a admiración leváronme primeiro ó Arquivo Histórico da Compañía de Xesús en Galicia do Colexio Apóstolo Santiago de Vigo. Neste Arquivo, fundado e organizado polo benemérito historiador Evaristo Rivera, había documentación inédita de Seixas e sobre Seixas. Outra documentación foime chegando doutros arquivos e persoas, entre estas especialmente do bo amigo Quico Domínguez, que aquí está hoxe con nós e a quen moito lle debo na redacción do libriño. Foron moitas e moi precisas as informacións que recibín del.

En principio escribín sobre Seixas o que me petou, quero dicir, o que máis me interesaba del, sen saber moi ben se iso, dados os tempos de crise en que estabamos e aínda estamos, podería valer para ser publicado. Ocorréuseme mandar o orixinal á editorial SEPT, da que persoalmente non coñecía aínda a ninguén, e foi a través do asiduo contacto posterior co seu Director, Quico Domínguez, como este primeiro orixinal se foi mellorando, ampliando e perfilando ata converterse no que é agora.

Cando hai pouco lle mandei o libriño ó mencionado Evaristo Rivera, que coñecía ben a Seixas, respondeume axiña dicindo: “A moitos (a min o primeiro) sorprenderalles a enorme riqueza que posuía (Seixas) e que por de fóra só amosaba parcialmente”.

Tamén podo dicir agora que eu mesmo fun igualmente o primeiro sorprendido. Os galegos (e Seixas sentíase moi galego) adoitamos levar con nós unha especie de soto ou faiado que non amosamos a calquera, porque pertence á nosa intimidade e ás nosas secretas forzas. Neste sentido, poucos sabían, por exemplo, que Seixas pediu, cando era aínda ben mozo, ó Superior Xeral da Compañía de Xesús que o mandase a atender e acompañar a leprosos nalgún lugar do mundo. E que, ó se lle denegar tal destino, solicitou algún país de raza negra para traballar cos que para el eran os máis discriminados do mundo.

Neste sentido, a actividade, tan ampla, próxima e intensa de Seixas, durante vinte anos, en Vigo con moi diversas persoas e colectivos convén vela tamén como unha aposta, a derradeira e máis longa da súa vida, a prol dun pobo discriminado na súa cultura, na súa lingua, nas súas posibilidades de desenvolvemento autónomo e libre. Por iso, a fin de contas, Seixas non realizou en Vigo, en Galicia, senón o mesmo que fixera xa antes en Bordeos con emigrantes e exiliados políticos, en Salamanca cos obreiros da VOJ (Vangarda Obreira Xuvenil) ou na República Dominicana con xentes de diversas razas e culturas. E cómpre engadir tamén que en todo iso, Seixas soubo manterse fiel ós seus principios relixiosos e cristiáns. Nunca se sentiu escindido entre a súa acción social ou política e a súa fidelidade relixiosa. Foi sempre un home libre, coa especial liberdade que dá sentirse identificado coas persoas ou clases sociais necesitadas ou marxinadas.

Seixas quixo ser sempre en moitos modos de proceder (como el mesmo formulaba) un “pioneiro”, un adiantado á súa época. Nestes días, conversando con un ou con outro, víñaseme insistentemente á cabeza o ditoso que se sentiría hoxe Seixas se puidese oír e contemplar as palabras e comportamentos do novo bispo de Roma, o papa Francisco. Pois pódese dicir que Seixas se comportou xa no seu tempo dunha maneira ben semellante ó que estamos hoxe a presenciar con Francisco.

Coido que Seixas ten un gran futuro diante de si. Porque foi sempre un home aberto ó porvir, ós cambios, ás reformas, ás persoas con problemas e carencias na súa vida. De persoeiros coma el segue a ter necesidade o mundo e, concretamente, o noso país galego, ó que Seixas lle dedicou tantos esforzos e desvelos e a moitos niveis. ¿Qué pasa, por exemplo, coa pasividade e desleixo existente hoxe en tantos lugares de Galicia no pulo lingüístico galego que Seixas teimou insistentemente darlle ás celebracións litúrxicas das nosas igrexas? ¿Qué pasa co retroceso na atención a emigrantes e outros colectivos discriminados, ós que Seixas atendeu en tantos sitios con decidida entrega persoal? Seixas vivía e actuaba xa nas fronteiras, na periferia, das actuacións tradicionais da Igrexa, das que, segundo as actuais directrices do pontífice Francisco, debería ocuparse ela. ¿Qué pasa coa promoción da cultura e da lingua do noso país, ás que Seixas atendeu sen acougo, vistos os atrancos de moi diverso xénero ós que aínda se ven sometidas?

Seixas loitou esforzadamente, desde o fondo da súa visión cristiá do mundo, polo desenvolvemento dos pobos desde as súas propias culturas, linguas e respectivos modos de ser. No que toca a Galicia, Seixas sentíase no seu interior galeguista e podemos dicir tamén que nacionalista. Só así se explica o moito que lle deben a el determinados partidos e persoas que se foron formando á súa beira ata o ano 1985, cando Seixas foi visitado pola derradeira das súas doenzas que, esta vez si, lle gañaría a partida.

Remato, neste sentido, cunha anécdota de Seixas da que só fun informado trala aparición deste libro. Hai poucos días, na véspera da Noite Boa asistín a un acto en Vigo na que interviñan diversas persoas para discutir e reflexionar sobre un libro recente co título de Para que nos serve Galiza? Ía intervir alí unha persoa á que eu tiña interese en dedicarlle e entregarlle o libro de Seixas, porque no libro falo eu da amizade desta persoa con Seixas. Así o puiden facer, quedando ela moi agradecida polas miñas atencións. Pois ben, no día seguinte recibo un correo no que se dicía:

“Moitísimas grazas polo libro e polo inmenso detalle de vir traerme ese agasallo dunha das persoas que máis admirei na miña vida. Hai persoas que marcan, que fan que poidamos seguir crendo na bondade do ser humano, e o Pai Seixas era unha delas. Por iso, o seu traballo nese libro tan importante é crucial. Agradezo tamén a grande sorpresa que para min foi atopar no libro aquelas cartas dunha moza preocupada por saber do paradoiro do seu vello amigo e logo a que trasladaba a mágoa que sentín co seu pasamento e tamén o agradecemento inmenso. Un agradecemento que chega a esta época porque das moitas influencias que tiven a sorte de ter na vida política como Camilo Nogueira ou Xosé Manuel Beiras, dende logo a primeira foi a do Pai Seixas. E digo a primeira, porque tendo eu 10 anos faloume dos mundos, da solidariedade internacional, dos inmigrantes. Non puiden emocionarme na presentación do libro, encollíaseme o corazón cando vostede falou do seu compromiso con inmigrantes, os parias, como dicía onte alguén na presentación do libro, os pobres, os excluídos. Iso marcoume moito toda a miña vida. Lembro unha anécdota moi simpática. O concello de Vigo organizaba teatro de rúa para nenos e inscribinme con 12 anos ou así no curso, e fomos representar unha obra na rúa do Príncipe, fronte ao actual Marco. Cando estabamos actuando, vin que pasaba o noso amigo, e funme da representación, porque cómo podía eu non saudar ao Pai Seixas, que era como unha figura de referencia, de admiración. Tróuxome unha reprimenda do director do teatro, máis a min non me importou. El sorría ao ver aos nenos. Miña aboa que tiña alzheimer, cando el viña xantar con nós ás Travesas, era feliz, porque el tratábaa con honras e simpatía. Non teño palabras. Así que grazas, grazas inmensas. E ogallá que o seu legado, transmitido así en pequenas doses a tantas persoas no noso País, sirva de algo, como me serviu a min, para polo menos, tentar melloralo, e mellorar a calidade da vida das persoas, das súas liberdades e dereitos”.

A que me escribe este correo é unha muller cun posto importante na política. Pero polo de agora permitídeme que non diga o seu nome.

MOITAS GRAZAS!
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES