Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Amo ás nais

miércoles, 15 de enero de 2014
Dicía Silvia Penide nunha canción que ama “ a los niños que se duermen con nadita en sus barrigas, a las madres que por ellos darían hasta la vida”.

Cavilando no tema das nais doume conta de que dalgún xeito sempre as admirei, porque eu tamén tiven a sorte de ser o fillo dunha auténtica loitadora e podo dicir e digo que son pasado, presente e futuro deste país.

As nais ensínanos que só o presente fai o futuro e que con loita diaria, pouco a pouco, o horizonte faise próximo.

Amo ás nais porque son “mel e cerna” como dicía aquel verso de Marica Campo, a mel serve para medrar no amor a quen máis queren; a cerna serve para manterse firme ante as adversidades e impedir calquera dano contra o tesouro absoluto que é un fillo.

Vén isto a conto por toda a polémica que se levantou co tema do aborto e que ninguén liga cunha realidade social na que se está desmantelando boa parte dos servizos que velaban polo benestar. Cando se erguen tantas voces “defendendo a vida” eu pregúntome que é “defender a vida”, pregúntome porqué unha parte desas voces que defenden a vida cala ante o desmantelamento do benestar.

Admiro e admirarei sempre á nai que aposta polo seu fillo “sexa como sexa”, a súa vontade é o meu exemplo pero non lle vexo sentido a traer unha persoa ao mundo para que ese mundo lle negue o fundamental para levar unha vida digna. Polo tanto, o primeiro que temos que facer é propiciar as condicións necesarias para que calquera persoa que naza teña asegurados os seus dereitos fundamentais ao longo de todo o ciclo vital: sanidade, educación, dependencia, acceso á vida laboral de acordo coas súas capacidades, acceso ao ocio. Todo isto é o que leva loitando miles de nais dende hai moitos anos.

Paréceme moi ben defender o dereito á vida, pero non esquezamos que o dereito á vida non é nacer, é vivir e ter posibilidades de desenvolvemento na medida das capacidades de cada quen. Polo tanto, para que haxa unha garantía real do dereito á vida ten que haber unha rede de servizos intocables que lle proporcionen a cada persoa o necesario para o seu desenvolvemento. Se non é así este é un dereito baleiro que arrastra moito sufrimento.

Amo ás nais que sacrificaron todo e máis por criar aos seus fillos, mais sei que non chega con amalas. O que realmente necesitan é que lles aseguren o futuro, que lles aseguren o benestar dos seus nenos máis alá da súa propia vida, que lles aseguren que a persoa á que con tanto cariño e dedicación sacan adiante vai ter o mesmo cariño e dedicación cando a nai ou o pai falten. Velaquí o problema real do que case ninguén fala. Pois asegurar isto, si que sería “defender a vida”.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES