No Nadal
Xiz, Xulio - lunes, 13 de enero de 2014
Pasou o día e pasou a romaría, di o refrán. E agora mesmo so é Nadal en Begonte, co seu belén electrónico, no que seguen a estar todas as figuras sen que falte ningunha.
Sexan cacos ou bromistas, a figura do neno nos belenes chama a atención de desaprensivos que a furtan a saber con que fins.
O ano pasado en Santiago desapareceu o neno do Belén do Obradoiro, nun secuestro por motivos económico-políticos, para protestar polas preferentes coas que determinadas entidades bancarias e de aforro engañaron a incautos que coidaron gañar montes e moreas cando o único que conseguiron foi perder ou alomenos arriscar os aforros de toda a súa vida. O Neno Xesús apareceu nun caixeiro, como un toque de atención sobre o problema, sobre os causantes e sobre os que non fan abondo para solventar un feito sangrante.
E en Vilalba, tamén no Nadal 2012, roubaron dous nenos de dous belenes, sen petición de rescate. Un dos nenos desapareceu do belén que José Grandío ten montado no seu Restaurante Terra Chá, e o outro, no Belén da Pravia, aínda que neste parece que non se tratou da primeira vez, que está demasiado á vista como para que os bromistas non sintan a tentación de facer un chiste discutible secuestrando unha peza de barro con escaso valor monetario pero un elevado valor simbólico que alguén pretende explotar aínda que non pida nada a cambio.
Este ano os belenes volveron ser noticia, e no centro de Santiago no Belén do Obradoiro- roubaron o rei Baltasar, suponse que ao non poder facelo co neno, que o concello retiraba todas as noites.
En Vilalba, no Terra Chá, apareceu un neno Xesús nun berce, cunha nota que indicaba que seus pais tiveron que abandoalo polos desafiuzamentos e por non ter diñeiro para darlle unha educación adecuada. María e Pepe deixaron o neno na mellor tradición dos nenos abandoados nunha porta, que en tempos era a do hospicio.
E por fin, en Momán e Labrada, o crego responsable da UNED Senior montou un Belén con escraches, prohibicións e barreiras, para reflectir toda a problemática que nos abafa.
Rematou o tempo de Nadal Agás en Begonte que remata o vintecinco- e con el o tempo no que os belenes ofrezan mensaxes contra da crise evidenciando o sufrimento da xente, aínda que o sistema poida ser discutible.
E xa que o Nadal rematou, a ver como se protesta agora, que o sistema pode ser impropio, pero as causas seguen vixentes e cada vez máis.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora