Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Quixote de Neira Pampín

viernes, 10 de enero de 2014
O Quixote de Neira Pampn Texto da presentación do libro EL QUIJOTE DE MADERA, do Dr. Francisco J. Neira Pampín, por xulio Xiz, na Galería Sargadelos de Lugo:

"EL QUIJOTE DE MADERA", Francisco Javier Neira Pampín

Hai anos que coñezo e estimo a Francisco Javier Neira Pampín, compostelano da colleita de 1953, residente en Lugo desde sempre. Coñecino primeiro como médico, atendendo a un familiar, deixando na familia unha excelente impresión e recordo; logo como divulgador de temas sanitarios no programa médico que hai arredor de quince anos artellamos en Televisión Lugo, e por fin como conferenciante nesta mesma sala, sobre temas da súa especialidade, en dous ciclos de divulgación organizados por Ancianos del Mundo.

E precisamente a través de “Ancianos del mundo” me chegou a invitación para intervir na presentación deste libro, ao que accedín gustoso, mesmo antes de saber de que trataba o libro, por simpatía persoal polo autor.

Pensei que quizais o libro sería un tratado de uroloxía, a especialidade de Neira Pampín, polo que a sorpresa foi grande cando me atopei coa novela “El Quijote de madera”, primorosamente editado, no que todo se conxuga para trasladarnos nunha viaxe no tempo a unha lonxana Compostela da que só nos separan unhas décadas e sen embargo parece que pasou unha eternidade desde aquel tempo e aquela cidade ata hoxe.

E polo libro entérome de que antes desta incursión no eido da novela fixo xa outra na poesía, co título de “Vaite baixo”, que agardo poder leer por ser a ópera prima dun escritor que promete.

En Lugo temos excelentes exemplos de médicos escritores que teñen demostrado a posible afinidade da práctica médica coa expresión escrita, debendo ser mencionados desde don Jesús Rodríguez López – do que hai que destacar aquelas “Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares” - ao gran poeta Luís Pimentel pasando por Rof Carballo ou Fausto Galdo, e nos nosos días con temas da súa especialidade o reumatólogo Jesús Vázquez Gallego; con temas de actualidade, de historia, de medicina e do mar, Fernando Pardo Gómez ou pola súa aguda análise político-Social a José Luís Durán Mariño.

Pois nesa relación de médicos con fluída capacidade expresiva temos que incluir a Neira Pampín, que voa libre e alto con esta súa primeira novela “El Quijote de madera”.

O primeiro que como lector lle pido a un libro – sexa dun escritor consagrado ou dun no que a ilusión sobrepasa en moito á experiencia escritora - é que o libro se deixe ler. Porque teño libros que por veces que o teña intentado non dou pasado dunhas determinadas páxinas e van quedando na biblioteca repousando ata data impredecible. Logo están os libros que se deixan ler, que con pouca intención que un lle poña vai entrando en materia ata chegar confortablemente ao final.

Pero tamén hai, e non son moitos, os libros que “te levan”, que te obrigan a ler, que tiran polo lector independentemente do lugar e da hora, con forza que pode ser resistible pero eu non son quen de resistirme. E un deses libros que “arrastran” ao lector, que me “arrastraron” como lector foi –é- “Un quijote de madera”, do veterano e prestixioso urólogo e novel escritor Francisco Javier Neira Pampín.

En tempos, Compostela parecíanos un pobo grande comparada co resto das cidades galegas... Tiña arzobispado, tiña Universidade, pero non tiña Gobernador civil nin delegacións de ministerios; non era capital de provincia, polo que moitos galegos tiñamos a impresión de que non era verdadeiramente unha “capital”, ata que andando o tempo se convertiu na capital administrativa e política de Galicia, ademáis se seguir sendo a gran cidade universitaria, e capital relixiosa do occidente europeo.

A historia transcorre nesa Compostela de finais dos cincuenta ou comezo dos sesenta na que – como pasaba en Lugo- o rural invadía a cidade, os barrios eran totalmente populares, e moitísimas persoas arrastraban unha existencia humilde, sacrificada, paupérrima en moitos casos, sinxela.

E aí xorden os personaxes desta novela, extraídos do pobo do xeito máis directo, que poden ter por oficio o de pescadeira ou taberneiro, mecánico ou carpinteiro, ou mesmo non ter oficio nin polo tanto beneficio como o eivado Xan co que chegamos a identificarnos perfectamente pola súa sinxeleza, honradez, pobreza, inocencia e ata polo seu inocente enamoramento platónico da súa amiga de toda a vida.

Claro que hai personaxes encumbrados pola vida coma o señor do pazo, crego bo e crego malo, policía bo e policia corrupto... que son necesarios para que a historia transcurra. Que se o discurrir da vida fose plácido e tranquilo non habería novela, e centos de factores ten esta historia como para facela atractiva, axitada, tremebunda en ocasións, e con final que non desvelarei porque ata aquí poido chegar pero nunca ousarei reventarlle a calquera presente ou futuro lector un final impactante, esplendoroso, no que a verdade e a honradez triunfan, despois de moitas vicisitudes e de non poucos sufrimentos e perdas.

Coido que non debemos encaixar esta novela no xénero de “novela negra”, porque este xénero parece reservado ás obras que describen feitos truculentos pero o principal do argumento non é a resolución dos crimes. Poderíamos falar de novela policíaca, de misterio, porque a policía –o misterio- ten un papel relevante. Pero é tamén unha novela social, costumista, porque nos leva a unha cidade descoñecida, a un tempo lonxano, cunha forza semellante a un Dickens no tratamento dos personaxes populares e da súa vida de estreiteces; unha novela histórica por reflectir tan ben un tempo e un espazo; porque nos leva a aquela vella Compostela, cun tan especial xeito de vivir, e cun tan especial xeito de falar.

E agora paso ao tema do idioma, que entendo é importante no que a esta obra e a este autor se refire.

Normalmente, antes dunha presentación, pregúntolle ao autor en que idioma se sinte máis cómodo, para sintonizar con el. A Neira Pampín non llo preguntei, porque sei que domina os dous idiomas á perfección, e mesmo no libro o reflicte dun xeito que ao comezo pode parecer caótico, pero entendo que é perfectamente natural, e se se me permite indicalo, “compostelano”.

Parece caótico en principio porque os personaxes populares falan en galego, os de clases algo máis elevadas en castelán, pero todos eles poden irse fora do seu marco lingüístico para mellor sintonizar, por empatía, por comodidade, ou por complicidade. E aparece a gheada, o teismo ou o cheismo, e todo tipo de aparentes imperfeccións que compoñen un panorama lingüístico propio do lugar e do tempo, que mesmo é aproveitado polo autor para momentos de humor que a novela permite e que se agradecen polo lector.

Cando comecei a leer o libro comentei con outro lector o tema lingüístico e falamos da conveniencia de uniformización, do que modernamente se chama “supervisión lingüística” ou “corrección de estilo”. E segundo fun avanzando na lectura do libro, fun entrando no ambiente, coñecendo a xente, penetrando no seu mundo... e dei en pensar que así era aquel mundo, así o vivíu o autor, e así pode e debe ser reflectido.

E entón lembrei a frase que lle escoitei tantas veces a Anxel Fole referido ao idioma do noso país: “A fala é o que se fala”, dixo don Ánxel, para evidenciar que o idioma é algo vivo que as xentes herdamos dos nosos devanceiros e imos perfeccionando ou deturpando, construíndo ao fin, sendo un resultado diferente para cada lugar, para cada tempo, aínda que a tendencia lóxica sexa a de unificar unha expresión para un país, co fin de que este dispoña dun elemento diferenciador, identificador, ata poderíamos dicir dun elemento “patriótico”.

E lembrei tamén o aparente caos lingüístico da miña propia casa cando eu simultáneamente falaba en galego coa miña nai, en castelán coa miña muller, e indistintamente cos fillos. É o que me pasa habitualmente nunha conversa colectiva, que falo en galego en dirección a uns e en castelán para outros, sin que exista o máis mínimo problema. Pois iso entendo que pasa en “El Quijote de madera” que hoxe presentamos.

Velaquí a primeira novela de Francisco Javier Neira Pampín, ambientada na súa cidade natal, no barrio do Sar, que tan sonado sería de xeito tan tráxico a mediados do ano 2013 por unha gravísima catástrofe ferroviaria.

Na viaxe que o autor nos propón, volvemos atrás no tempo, entramos nun mundo diferente, descubrimos unha Compostela casi no medievo, movida por forzas que parecen escapar a todo control, na que ao final concorda case todo, quedando no camiño inevitables eslabóns que ao comezo non parecían prescindibles. Pero o resultado evidénciase necesario para redondear, para completar, unha historia. Unha historia, xa dixen, en parte negra, en parte policial, en parte histórica, en parte social... tremendamente humana, como corresponde a un médico que, afeito a ver doenzas humanas, ten aprendido a entrar no ser e no sentir das persoas. E contar o que ve cos ollos do coñecemento, da experiencia, da sensibilidade.

Mesmo ao final da novela, un estudiante de medicina anuncia que irá para Lugo traballar de urólogo. Parece unha chiscada de ollo ao lector, como nas películas de Hitchcock nas que este sempre facía un pequeno papel, tamén neste caso o autor non quere deixar pasar a ocasión de reafirmar a súa raiz compostelana e a súa vocación lucense.

Na obra de Neira Pampín, un quixote de madeira é testemuña e fío conductor desde o comezo ata o final. De Santiago a Lugo pasando pola aventura, a ficción, as lembranzas, a vida no sentido máis amplo. Ata pode que este libro sexa para o autor ese mesmo símbolo, ese quixote de madeira, labrado espiritualmente polo autor na nenez e primeira mocidade, tallado e lixado no mundo universitario da medicina, e resucitado ou rescatado, aparecido de novo agora, en Lugo, tanto anos despois, para evidenciar que a vida segue pero deixa pouso, que o que se aprende ao comezo é o que máis dura e pervive; que a experiencia, a vida e os lugares iniciais marcan a un de tal xeito que na madurez da vida pode descubrirse como un excelente escritor por ser un bo observador, profundo pensador e magnífico contador.

Eu recoméndovos a lectura de “El quijote de madera”, de Neira Pampín, na seguridade de que quedaredes agradablemente sorprendidos polo inesperado, pola profundidade social, pola entrañable atmósfera na que viven os personaxes, no vello Santiago que hoxe xa non existe máis ca na memoria, na imaxinación, dos que o viviron, dos que o amaron, e que agora saben mirar profundamente cara o máis fondo do seu interior.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES