Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un paseo polas Fragas do Eume

jueves, 09 de enero de 2014
Aproveitando que a miña filla andou por aquí estes días (todos os fillos volven a casa polo Nadal, e eu encantado) e fixo a proposta de deixarse caer polas fragas do Eume, axiña engadinme ao plan, pois había tempo que non camiñaba por ese paradisíaco lugar cheo de embruxo que tantas e diferentes sensacións fíxome sentir as numerosas veces que tomei o camiño do mosteiro de Caaveiro, ben no outono cando a verea está con ese ton ocre tan característico que dan as follas caídas, na primavera cando a fraga estoupa plena de múltiples cores, no verán cando a calor pega forte e un ampárase no frescor que proporciona o transcorrer pousado das augas do río e a sombra acolledora da flora que enmarca o camiño e no inverno cando o traxecto tórnase escuro, algo inquedo pola soidade que un sente ao camiñar crendo ver o mosteiro onde San Rosendo acadou inspiración á volta de cada virada do recorrido sen que este apareza.

Nesta época do ano, no serán, non hai moitas horas de luz, así que para facer o camiño completo ata chegar a Caaveiro, débese saír o mais cedo posible, do contrario a noite bótase enriba de un en menos que canta un galo. E así nos pasou a nós que emprendemos o percorrido un pouco máis tarde do previsto. Non había un alma polo traxecto e si algún coche que alteraba a serenidade da paisaxe: cando desaparecían, so escoitábase o rumor do vento nas polas dos árbores e o piar dalgún paxaro que daba a voz de alarma por mor da aparición de intrusos no seu territorio namentres a auga do río, a nosa esquerda, baixaba nun intre paseniño, silandeira e noutro turbulenta ao bater contra dos obstáculos dun leito irregular.

Non fun polas Fragas logo do pavoroso incendio para non ver esa desfeita que se me antollaba tráxica, pero o outro día quedei sorprendido pola recuperación dun paraxe que se pensaba irrecuperable. Hai, si, aínda pegadas do lume devastador, pero en xeral o bosque semella estar cheo de vida, felizmente recuperado, con brotes novos ao amparo de múltiples regatos que baixan co seu brincador percorrido na procura do río que os espera cos brazos abertos para acubillalos en augas mais caudalosas no seu camiño cara ao mar.

Dicía que cando camiñas cara ao mosteiro por un sendeiro longo pero doado de realizar, na medida en que avanzas cres ver a silueta románica desa fábrica de pedra situada nun lugar de encanto onde so se escoita o murmurio do río. Pensas: aí esta!, pero non é verdade, é coma un espellismo e segues a camiñar deixando atrás as dúas pontes colgantes namentres a escuridade da noite vai minimizando a perspectiva da paisaxe.

Xa está aí, mirádeo!! pero nada de nada, ata que xa so se vía, ou mellor se intuía, o trazado do camiño cinco metros diante, así que era mellor volver sobre os nosos pasos.

Chegamos a Pontedeume coa noite pechada na procura dun lugar onde pousar sentados e quentarnos un pouco. Ao cadrar en domingo, moitos establecementos estaban pechados, pero demos con un e alí repuxemos forzas. Aínda tintinaban as luces que adornan a vila polo Nadal e pola ventá intuíase unha chuvia suave que comezaba a formar coas luces reflexos prateados nas vetustas pedras da praza.

Regresamos ledos coa experiencia do paseo por un deses lugares nos que sempre atopas algo novo, no que te sentes integrado nun anaco dunha terra marabillosa. Volveremos.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania