Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Santa Liberdade

jueves, 09 de enero de 2014
Unhas veces imos e outras veces vimos.

Todo se renova a cada instante.

Rematamos un ano e xa estamos empezado outro.

Todo pasa e todo permanece.

Como estou convencida de que o ser humano ten capacidade para transformarse constantemente; quero pensar que se nos facemos un firme propósito de mellorar, seguro que o conseguimos.

Polo tanto, sabendo que:

-En educación estamos á cola de Europa (¡Que vergonza!).

-A economía tamén precisa de melloría.

-A seguridade deixa que desexar.

-A corrupción...

Non fai falta que siga, porque vostede sabe máis ca min.

Pero, estará de acordo comigo en pensar que, onde hai problemas, tamén hai solucións.

Cada problema trae consigo a súa solución. Pode resultar máis ou menos difícil encontrala, pero máis cedo ou máis tarde, aparece sempre e cando se busque con empeño e perseverancia.

Por eso, temos que sacar conclusións das accións do pasado e actuar en consecuencia, tendo en conta que ninguén nos vai saca-las castañas do lume máis que nós mesmos.

Por exemplo:
-SE NOS DIN QUE ESTAMOS Á COLA EN EDUCACIÓN EN EUROPA –cousa que é moi grave e tamén a raíz de moitos males- DEBEMOS TOMAR CONCIENCIA DE QUE TEMOS QUE MELLORAR.

Hai quen di que o problema radica na falta de presuposto para educación. Claro que si, cantos máis cartos se poidan invertir en educar a unha persoa, mellor; pero non é só problema de cartos.

Vexamos:

-¿Había moitos cartos cando outros aprendemos a ler á luz do candil?
Non, claro que non; pero tiñamos interese en aprender a ler e aprendemos.

-¿Estaban as escolas mellor dotadas cando o edificio estaba en ruinas e para unha mestra éramos 50 ou máis rapaces?

Non, porque:
-Para facer as necesidades fisiolóxicas pedíamos para “ir fóra” e a mestra xa nos entendía.

-Para facer contas e todo tipo de exercicios tiñamos unha pizarra e un pizarrillo, un libro de lectura, unha enciclopedia, unha caligrafía e pouco máis.

-Unha porcentaxe moi elevada da infancia do rural non conseguía o Certificado de Estudios Primarios porque tiña que ir coas vacas.

-A situación estaba moito peor porque había moi poucos cartos. Tampouco había medios de transporte, nin bibliotecas, nin Internet…

-Unha porcentaxe mínima que tiña a oportunidade de aproba-lo exame de ingreso para ir ó instituto tiña que facer 10 km a pé polo mañá e outros tantos pola tarde.

-Algúns privilexiados trasladábanse á vila máis cercana se tiñan alí algún parente que os acollera.

O QUE QUERÍA SEGUIR ESTUDIANDO, ademais de posuír uha certa capacidade intelectual, tiña que:

- TER MOITO INTERESE POR APRENDER.

-TER MOITO RESPETO Ó PROFESORADO.

-E TER UNHA GRAN CAPACIDADE DE SACRIFICIO PARA LOGRAR O SOÑO DESEXADO.

Vostede con toda a razón do mundo dirame:

-¡Pero se estamos no século XXI, desde entonces xa pasaron cincuenta anos..!

-¡Cambiaron moito os tempos!

- ¡Non imos volver atrás!

Eu respóndolle:

Xa sei que pasou medio século, que o mundo avanzou moito, que hoxe temos moitos adiantos, que estamos moi modernizados...

-Pero...¿QUE XERACIÓN FOI A QUE CONSEGUIU ESES LOGROS?

-En gran medida a xeración anterior da que lle falo porque SOUBO SACRIFICARSE E ENTREGARSE para que o país saíra daquela miseria.

Aquela xeración tiña asumidos uns valores, entre eles O RESPETO E A CAPACIDADE DE SACRIFICIO, e loitou arreo para que a seguinte non tivera que pasar tantos traballos como a anterior.
E conseguino. O resultados están á vista.

Hai que aplaudir esa actitude; pero... –ó meu humilde parecer- esta xeración da que lle falo –que tamén é a miña-, esqueceuse algunhas cousiñas de suma importancia como poden ser:

A.- CONSERVAR E TRANSMITI-LOS VALORES das xeracións anteriores, porque o pasado, o presente e o futuro van encadeados, son os elos da vida mesma.

B.- RESPETO ÓS PAIS ANTE TODO: un pai é un pai, non é un amigo; unha nai é unha nai, non unha amiga.
Un pai e unha nai son algo moi superior a unha amistade por boa que esta sexa.
Se os pais queren condescender ata o punto de poñerse ó mesmo nivel que os fillos...

¿Onde queda a autoridade paterna e a materna?

¿Quen goberna a familia?

¿Non é certo que todo grupo debe ter un líder?

¿Que camiño pode coller a xente nova se no existe o líder?

Non estou dicindo que non haxa que dialogar; DIÁLOGO CANTO MÁIS MELLOR; PERO CADA UN DESDE O SEU POSTO.

C.- RESPETO Ó PROFESORADO: un mestre é un mestre, un alumno é un alumno.
Antes de ser mestre/a hai que ser bo/a alumno/a.

Eu non sei de ninguén que fora mestre antes que alumno, por moi intelixente que poida se-lo alumno.
Tamén é certo que vostede pode exercer de mestre nun sitio e de alumno noutro se segue adquirindo coñecementos. Pero vostede ben me entende o que lle quero dicir.
Hai alumnos que hoxe en día se pasan moito dos seus límites… Eso é moi grave.

Xa sei que, do alumnado apréndese moito, pero tamén é ben certo que debe se-lo alumnado quen máis aprenda do profesorado, se non...MALAMENTE.

O profesorado debe poder exercer autoridade sobre o alumnado para poder transmitir os coñecementos ás xeracións vindeiras.

D.- RESPETO ÁS PERSOAS MAIORES: sabendo que naceron antes que nós debemos: cederlle-lo paso, cederlle-lo asento nun local público cando están todos ocupados, igualmente nun medio transporte, recoller algo que lles cae, trata-los con cortesía, escoitalas, aprender da súa experiencia...

Os pronomes de cortesía seguen existindo.
Non entendo por que deixan de usarse con tanta frecuencia.
Moito menos entendo a quen os despreza por anticuados.

Porque o “CORTÉS NON QUITA O VALENTE”

Se a estas alturas foramos capaces de RECUPERAR E TRANSMITI-LOS VALORES, RESPETAR ÓS PAIS ANTE TODO, RESPETAR Ó PROFESORADO e ás PERSOAS MAIORES, xa teríamos un bo treito de camiño andado:

-O rendemento académico melloraría moito.

-A xuventude sairía mellor formada.

-E o futuro sería máis prometedor

¿QUE LLE PARECE?

¿Intentámolo?

¿Parécelle moi difícil? ¿Parécelle imposible?

Pois mire vostede: agora mesmo véuseme á mente unha amiga miña que leva varios anos loitando co cancro e como non lle facía efecto a quimioterapia, díxolle ó médico:

“¡AMÁÑESE VOSTEDE COMO POIDA, PERO EU NON PADECÍN TANTO PARA MORRER”

¿E sabe que fixo o médico?

“Metela nun programa experimental de investigación dun laboratorio moi coñecido do que non vou a dá-lo nome para non facerlle publicidade”

¿E sabe por que?

Porque a miña amiga está convencida de dúas cousas:

1ª.- DE QUE: O DIFÍCIL, CONSÉGUESE.

2ª.- DE QUE: O IMPOSIBLE, INTÉNTASE.

Aplicando esto á educación da xuventude poderíamos concluír que:

“O DIFÍCIL, CONSÉGUESE”

Só se precisa te-lo convencemento de que é o que máis nos convén e unir esforzos entre a familia e a escola. Así de fácil, ou non tan fácil; pero factible.

E se conseguíramos mellorar a educación; a economía deixaría de ser un problema tan grande, o mundo sería moito máis seguro e a corrupción …

Nunha palabra:
Non está todo perdido, aínda podemos e debemos recuperarnos sen gastar moitos cartos –que según teño entendido-parece que se “evaporaron por arte de maxia.”
E non lle botemos toda a culpa ós programas políticos; todos somos responsables de que o noso país vaia como debe de ir.
XUNTOS, PODEMOS.

¿ACEPTÁMO-LO COMPROMISO?

Pode ser unha boa maneira de empeza-lo ano.

Graciñas por ler estas reflexións miñas que van cargadas de ilusión.
Xa sei que hai quen di que de ilusións non se vive. Pero eu penso que sen ela, tampouco.

EU SON DAS PERSOAS QUE PENSA QUE AS IDEAS MOVEN O MUNDO.

É cuestión de concebilas, asimilalas e poñer mans á obra.
Pero en calquera caso:

¡SANTA LIBERDADE!

Cada un é moi libre de face-lo que considere.
¡Só faltaría!

Se lle parece ben, o vindeiro xoves escribirei sobre un tema titulado: “ O BEN NON FAI RUIDO”
Eu quédolle moi agradecido cada vez que le algún dos meus artigos.
Graciñas.
Cachaza Platas, Mercedes
Cachaza Platas, Mercedes


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES